Os populares desregulan a entrega de fondos públicos coa supresión de autorizacións previas, a introdución de declaracións responsables por parte dos beneficiarios ou a ampliación de prazos de vixencia de convenios
Mes e medio despois, o PP vén de corrixir, para ampliar os seus ámbitos de desregulación, a proposición de lei de reactivación económica tras a pandemia do coronavirus que presentou o 7 de decembro no Parlamento como un novo intento de impulsar a instalación de empresas en Galicia dándolles “seguridade xurídica”.
A norma simplifica trámites, especialmente ambientais, desprazándoos da administración a outras empresas privadas, pero agora os populares veñen de presentar emendas ao seu propio texto que amplían o campo de acción da nova lei e habilitan á Xunta para reorganizar o seu funcionariado co argumento de cumprir mellor coa nova norma e coa execución dos fondos europeos. Esas emendas tamén incorporan disposicións desregulatorias das subvencións de fondos públicos, para as que suprime autorizacións previas, introduce declaracións responsables por parte dos beneficiarios ou amplía prazos de vixencia de convenios.
A proposición de lei orixinal presentada o 7 de decembro centraba os seus 64 artigos en simplificar trámites ás empresas deixándoos en mans privadas, pero agora o PP engádelle outros 13 artigos para facer máis "flexible" a fiscalización dos fondos públicos
O texto orixinal proposto polo PP, que ao non ser impulsado pola Xunta senón polo partido non foi exposto ao público previamente, tiña 64 artigos centrados na simplificación de trámites para a instalación de novas iniciativas empresariais. Pero agora os populares veñen de incorporarlle outros 13 artigos centrados na xestión e fiscalización dos fondos públicos que se empreguen para incentivar eses proxectos. Ademais de dar mans libres á Xunta para que reorganice o seu funcionariado en función desa xestión, as emendas populares flexibilizan os requisitos a cumprir polos beneficiarios de subvencións públicas para xustificar a súa execución.
“Flexibilizaranse os compromisos" plasmados nas solicitudes de subvencións, di o texto, "no sentido de que se permitan compensacións entre os conceptos orzados, sempre que se dirixan a alcanzar o fin da subvención”
O novo texto inclúe un artigo sobre a “xustificación da aplicación das subvencións” que eleva de 30.000 a 100.000 euros o limiar da axuda por baixo do cal o beneficiario ten que presentar o que se denomina conta xustificativa simplificada, menos esixente que outras xustificacións de maior rigorosidade. Tamén eleva de 3.000 a 10.000 euros o limiar para que en determinadas subvencións destinadas a familias e institucións sen fin de lucro a acreditación de estar ao día e non ter débedas coa Administración ou a Seguridade Social se poida resolver cunha declaración responsable do beneficiario. Igualmente, cando as solicitudes de subvencións deban ir acompañadas de memorias económicas “flexibilizaranse os compromisos plasmados nas mesmas, no sentido de que se permitan compensacións entre os conceptos orzados, sempre que se dirixan a alcanzar o fin da subvención”.
As emendas do PP ao seu propio texto contemplan tamén que os convenios subscritos para a execución de proxectos con cargo aos fondos de reactivación poderán ter un prazo de vixencia de ata doce anos se o órgano administrativo competente xustifica que o acordo “non limitará a competencia efectiva nos mercados”. Os convenios tampouco terán que ser autorizados polo Consello da Xunta senón que poderán selo por órganos inferiores da Administración se non superan os 300.000 euros.