A Xunta poderá reorganizar o funcionariado e asignalo a outras consellerías para aplicar a lei de reactivación económica

Emendas do PP á súa propia lei de reactivación e unha imaxe de arquivo, previa á pandemia, de Feijóo e os conselleiros con competencias en administración e funcionariado, con persoal público en San Caetano CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

O PP emenda a súa propia norma que presentou hai mes e medio e engádelle todo un capítulo no que permite que o Goberno galego mude funcións ao seu persoal, lle dea “gratificacións extraordinarias” ou cree unidades administrativas temporais

Para a xestión dos fondos europeos de recuperación económica tras a pandemia do coronavirus que cheguen a Galicia, a Xunta poderá reasignar efectivos, funcións ou tarefas do seu funcionariado, asignarlle funcións a tempo parcial, darlle gratificacións extraordinarias, crear unidades administrativas temporais ou nomear persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal. Así se prevé nas emendas que o PP vén de presentar á súa propia proposición de lei de reactivación económica que xa está a tramitar o Parlamento de Galicia a través dun mecanismo que evitou a súa exposición pública previa, como ocorre habitualmente cando as leis as propón a Xunta e non o partido.

A proposición de lei de reactivación económica formulada polo PP entrou no Parlamento o 7 de decembro cun texto que se centraba en simplificar trámites ás empresas deixándoos en mans privadas. Nada dicía aquel texto de reorganizar o funcionariado para cumprir coas súas disposicións, algo que agora, mes e medio despois, os populares incorporan á lei a través das súas propias emendas, nas que inclúen todo un capítulo lexislativo completo: se a proposición de lei orixinal tiña 64 artigos, as emendas populares engaden outros 13 artigos, ata un total de 77.

Presentación o 7 de decembro por parte do PP da lei de reactivación económica que nada incluía da reorganización do funcionariado que agora se incorpora a ela a través de emendas dos propios populares © Grupo Parlamentario Popular

O novo capítulo céntrase na xestión e supervisión dos fondos europeos e ademais de flexibilizar a xustificación da execución dos mesmos por parte dos seus beneficiarios contempla unha serie de medidas que permiten á xunta reorganizar o seu persoal, medidas que quedarían por riba do que dispuxese ata agora a lei de emprego público xa que a nova lei de reactivación contempla unha disposición pola que “quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei”.

A lei orixinal presentada centraba os seus 64 artigos en simplificar trámites ás empresas deixándoos en mans privadas; agora o PP suma outros 13 para permitir á Xunta reorganizar o persoal

A nova redacción agora proposta polo PP establece que “naquelas consellerías ou entidades dependentes delas onde se xestionen proxectos financiados con fondos dos instrumentos europeos de recuperación ou con outros fondos europeos corresponderá ás persoas titulares das Secretarías xerais técnicas realizar unha análise da carga de traballo existente nas diferentes unidades co fin de poder reasignar efectivos, de acordo co establecido nesta lei, naquelas que, de xeito prioritario, teñan por finalidade xestionar ditos fondos”. E o que establece esta lei é que se poderá encomendar temporalmente ao persoal “tarefas ou funcións propias da súa clasificación profesional diferentes das do posto de traballo”.

Cando o propio persoal da consellería en cuestión non sexa suficiente, poderá nomearse persoal temporal e, a maiores, a Dirección Xeral da Función Pública “poderá reasignar efectivos procedentes doutras consellerías ou doutras entidades instrumentais”.

A Xunta tamén poderá crear “unidades administrativas de carácter provisional mediante a modificación da correspondente relación de postos de traballo” (RPT) e asignar “funcións a tempo parcial ata un máximo do 80% da súa xornada ao persoal funcionario” ao servizo da consellería encargada da xestión de proxectos financiados cos fondos europeos. Nese eido tamén “poderá asignarse persoal de distintas consellerías ou entidades funcións a tempo parcial parcial [sic] para colaborar na xestión dos ditos fondos”.

Emendas do PP á súa propia lei de reactivación económica CC-BY-SA Praza Pública

As emendas do PP din que a prioridade será "o aproveitamento do talento das persoas ao servizo" de cada departamento da Xunta

Coa mesma redacción inconexa e sen concordancia o texto engade que “coa finalidade garantir [sic] a adecuada prestación dos servizos públicos no suposto de asignación de funcións a tempo parcial, poderase nomear persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal para o apoio nas funcións propias do empregado publico [sic] que voluntariamente coopere durante a súa xornada laboral na confección ou xestión dos proxectos”.

As emendas do PP á súa propia proposición de lei contemplan que as persoas que participen nesta reorganización “poderán percibir complementos de produtividade ou gratificacións extraordinarias”. E sinala que os responsables das reorganizacións en cada consellería, as persoas á fronte das secretarías xerais técnicas, terán “como prioridade na xestión do persoal asignado o aproveitamento do talento das persoas ao servizo do departamento”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.