O sindicato CSIF denuncia que a medida beneficia a altos cargos como a conselleira de Infraestruturas, que mantería os trienios moito máis elevados da súa praza na xa extinta Empresa Pública de Servizos Hidráulicos, convenio acordado polo Goberno de Fraga en funcións en 2005
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda, é funcionario do corpo superior da Xunta desde 1985, o que fai que ademais do seu salario como conselleiro de 68.000 euros brutos anuais cobre outros 6.700 euros polos trienios de antigüidade acumulados desde aquela. Pola contra Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, que comezou a traballar nun ente paralelo da Xunta en 2003, case dúas décadas máis tarde que Martínez, cobra 13.400 euros como trienios engadidos ao salario de conselleira.
A diferenza é posible grazas a que o posto de orixe de Vázquez na xa extinta Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh) así o contemplaba no seu convenio particular, privilexio que o Goberno galego quere perpetuar para o persoal deses entes suprimidos que se integre na administración xeral. Unha medida que o sindicato CSIF critica como un agravio para o resto de empregados públicos en beneficio de varios altos cargos do Goberno de Feijóo.
O Consello de Contas vén criticando que a redución de entes paralelos supuxo un aforro "residual" para a Xunta e que o seu persoal mantén "desigualdades retributivas significativas non xustificadas”
A redución de entes paralelos, os denominados despectivamente como chiringuitos, lanzada por Feijóo hai unha década fracasou no seu obxectivo de supoñer un aforro para a Xunta, que o Consello de Contas cualificou de “residual”. Contas tamén criticou que o Goberno galego rescata persoal laboral deses entes suprimidos manténdolles salarios superiores ao do resto do funcionariado, "desiguladades retributivas significativas non xustificadas", algo que no que agora dá un novo paso perpetuando que tamén cobren máis polos trienios.
A Xunta estableceu en 2012 a través dun decreto que o persoal que nos entes paralelos suprimidos cobrase máis que nos postos equivalentes da administración xeral nos que se recolocase fose igualando o seu salario nun período de seis anos a través un complemento persoal creado específicamente para ese fin que se reduciría a cero ao longo dese tempo. Ademais desa adecuación progresiva do salario, aquel decreto tamén establecía que “ao persoal laboral integrado faráselle un recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade para efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade, en termos de homoxeneidade, co persoal laboral da Xunta de Galicia”.
A lei de acompañamento di que o complemento a través do que o persoal de entes suprimidos cobrará os trienios “permanecerá coa mesma contía independentemente das variacións nos restantes conceptos retributivos e manterase incluso no caso de funcionarización deste persoal laboral integrado”
Pero agora, na lei de acompañamento que o Goberno galego xa está a tramitar xunto cos orzamentos, inclúe unha disposición que sinala que ese persoal procedente de entidades instrumentais que se integre como laboral fixo da Xunta e que “en virtude do seu convenio colectivo de orixe, perciba en concepto de antigüidade unhas cantidades superiores ás establecidas polo mesmo concepto” para o resto da administración “terá dereito a un complemento adicional e independente do complemento persoal de integración” establecido en 2012.
Ese complemento consistirá na diferenza entre os trienios que cobrarían segundo o convenio da entidade de procedencia e os trienios do resto da Xunta, pero a diferencia do que ocorre co salario base a lei de acompañamento perpetuará no tempo ese complemento: “Permanecerá coa mesma contía independentemente das variacións nos restantes conceptos retributivos e manterase incluso no caso de funcionarización deste persoal laboral integrado”. Isto é, non é que a medida permita que no futuro ese persoal cobre máis que o resto senón que xa cobran máis e a nova disposición perpetúao, a diferenza do que ocorre noutros casos.
A nova medida afectará ao persoal de entes xa desaparecidos pero co seu persoal pendente aínda de integración formal na administración xeral da Xunta, como o da antiga Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh), suprimida oficialmente en 2012, co seu proceso de integración non iniciado ata 2015 e sen resolver aínda máis de cinco anos despois. O seu persoal, que na súa maioría segue a traballar para Augas de Galicia, non só cobraba soldos máis elevados que o do persoal da Xunta equivalente -e así o seguiría a facer ao non iniciarse aínda o período de seis anos de redución progresiva- senón que o seu convenio contemplaba tamén trienios calculados dun xeito máis xeneroso.
O convenio que privilexia aos enxeñeiros da EPOSH foi aprobado con Feijóo como conselleiro en funcións logo da derrota de Fraga
Se no persoal laboral da Xunta cada trienio supón unha contía fixa en todos os grupos de titulación duns 400 euros ao ano, o convenio da Eposh establecíaos como “un cinco por cento do soldo”, o que eleva a uns 1.700 euros ao ano o trienio como mínimo no caso do grupo I ou a 1.300 euros no grupo II.
O convenio da Eposh que outorgou eses privilexios e que a Xunta decidiu prorrogar durante seis anos desde a integración do persoal no caso dos salarios base e agora quere perpetuar para os trienios foi asinado o 12 de xullo de 2005, co goberno de Manuel Fraga en funcións, polo daquela presidente da empresa pública, Emilio García Gallego, cuxo cargo dependía directamente do daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, tamén vicepresidente primeiro.
O sindicato CSIF advirte de que boa parte dos entes instrumentais tiña trienios por riba do previsto na administración xeral. E pon o foco na antiga Eposh “da que é traballadora en excedencia con reserva de praza a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez” así como outros dous altos cargos da mesma área. O sindicato lamenta que fronte aos privilexios que o Goberno galego lle quere dar a ese persoal, “polo que respecta a calquera mellora das condicións económicas para os empregados desta Administración Feijóo non ten dúbidas á hora de aplicar recortes, amparándose sempre na situación económica de Galicia”.
CSIF lembra que “durante os anos 2013 a 2016, Feijóo suprimiu das pagas extraordinarias dos empregados públicos correspondentes aos meses de xullo e decembro o importe correspondente ao complemento autonómico” o que calcula que supuxo “unha media de perda acumulada por traballador de máis de 3.000 euros”. O sindicato rexeita "toda práctica de corrupción política, nepotismo e o retorno a unha Administración caciquil.”
Son varios os casos de trato privilexiado do persoal de entes paralelos suprimidos a respecto do resto do persoal público, segundo critica tamén o Consello de Contas
Este non é o único caso no que a Xunta privilexiou a determinados traballadores de entes paralelos na súa integración na administración xeral. Ademais de diverso persoal integrado na Axencia de Turismo do que Contas criticou "desigualdades retributivas significativas non xustificadas”, tamén hai situacións de privilexio entre o persoal directivo das 34 fundacións comarcais que Fraga creara nos noventa e que Feijóo suprimiu en 2010. Os seus traballadores indefinidos foron trasladados a outros entes da Xunta, incluídos a maioría dos ex-xerentes comarcais, entre os que había media ducia de cargos do PP.
Nese caso, o Goberno galego non só tardou varios anos en culminar o proceso administrativo de integración do persoal, atrasando así o inicio do período transitorio de seis anos no que os soldos se comezan a igualar paulatinamente, como ocorre coa Eposh, senón que para os ex-xerentes mesmo creou prazas á medida inexistentes antes en oficinas de emprego nas que poder situalos. Un persoal, o de moitos entes paralelos, que accedeu no seu momento a eses postos con procesos de selección moito menos esixentes que os do funcionariado ao que acabará equiparándose pero con privilexios.