O aforro da Xunta coa redución de 'chiringuitos' foi "residual" e "máis nominal que real"

Unha das antigas fundacións comarcais © Turgalicia

As entidades instrumentais da Xunta, os alcumados popularmente como "chiringuitos", comezaron a agromar nos anos 90 e a súa creación foi practicamente "continua", en verbas do Consello de Contas. O ente fiscalizador vén de facer público, entre os seus informes correspondentes ao ano 2014, un amplo traballo de fiscalización a respecto do funcionamento destas entidades do Goberno galego, que xestionan case 1.500 millóns de euros ao ano. Son menos que antes da crise e normas como a LOFAXGA contribuíron ao seu control. No entanto, Contas alerta de que aínda resta un bo volume de traballo por facer, pon o foco en ata sete destas entidades nas que os números, simplemente, non cadran e subliña, sobre todo, que a publicitadísima redución de entes apenas tivo impacto "real" nas contas públicas galegas.

A falta de información homoxénea e transparente débese, indica Contas, ao incumprimento da normativa aprobada polo actual Goberno da Xunta. Así, subliña, "non se puxo en funcionamento nin se regulou o rexistro de entidades dependentes" da Administración autonomica, no que estaba previsto que se "depositasen" as contas anuais de cada ente para seren "remitidas ao Consello de Contas". Ademais, agrega o informe, os sucesivos "plans de racionalización" anunciados pola Xunta durante os últimos anos "non foron obxecto de publicación e non se achega información sobre o seu seguimento e efectos.

Os entes instrumentais da Administración galega xestionan uns 1.500 millóns de euros ao ano

Así, subliña, "a única información oficial" sobre o impacto real da redución de 'chiringuitos' da Xunta non procede do Goberno galego, senón do Ministerio de Facenda, que recolle que o número de entidades pasou de 159 en 2010 a 110 en 2015. Os datos do departamento de Cristóbal Montoro recompilados por Contas acreditan que Galicia non está á cabeza do Estado nestas operacións, senón "en liña co compromiso medio do conxunto das comunidades" e, ademais, "moitas das unidades eliminadas teñen unha importancia económica residual". Así, exemplifica de medio cento de entes eliminados, "máis da metade" foron as fundacións comarcais, cuxa supresión fora iniciada polo bipartito e que, como informou Praza.gal, culminou coa recolocación de antigos cargos do PP noutros departamentos da Xunta.

Os números "oficiais" recompilados por Contas apenas cadran cos expostos polo presidente da Xunta no outono dese ano 2014, cando Alberto Núñez Feijóo expuso ante a prensa os resultados da "terceira fase do plan de raiconalización da Administración paralela". Daquela o xefe do Executivo asegurou que, tras "un proceso de reestruturación sen precedentes e dunha enorme magnitude", Galicia pasara de 158 organismos -neste caso a diferencia é de só un- a só 85, isto é, 25 menos que os rexistrados polo Consello de Contas a partir dos datos do Ministerio de Facenda.

A Xunta pechou varias entidades pero creou outras, polo que "o aforro total" representa "menos do 1% dos fondos xestionados"

Alén da interpretación política destas reestruturacións, Contas resalta que "o aforro total" da mesma "representa menos do 1% dos fondos xestionados" polo conxunto desta entidades, "polo que a redución no sector é máis nominal que real". "De feito -engade- o tamaño do sector instrumental, tendo en conta o volume de recursos xestionados en termos relativos, non decreceu nos últimos anos", dato que "se explica" porque mentres se suprimían uns entes, outros eran creados. Este foi o caso de novas axencias autonómicas -como as de infraestruturas, tecnoloxía, innovación ou tributos-, que "pasaron a xestionar descentralizadasmente políticas que ata agora eran desenvolvidas no eido das consellerías". 

Xunto a estes reproches a fiscalización apunta tamén aspectos positivos. Ao integrárense as novas entidades no orzamento consolidado da Xunta "incrementou a transparencia dos fondos xestionados fóra da Administración xeral". Asemade, outras medidas de "racionalización" si tiveron efectos máis tanxibles, "en particular" as medidas tomadas "en materia de persoal e limitación das retribucións dos altos cargos".

"Falta de coherencia" nas contas rendidas

Os remanentes de tesouraría recollidos nas contas de sete entidades non cadran cos incluídos na conta xeral da Xunta

Xunto á análise xeral das entidades instrumentais o Consello de Contas achega os seus reparos sobre os devanditos sete entes nos que as contas non cadran, nomeadamente no que atinxe aos remanentes de tesouraría, isto é, os fondos dos que as entidades dispoñen para facer fronte aos seus compromisos -cuantifícanse variables como a súa liquidez e os cartos pendentes de cobro-. Nas contas presentadas polas axencias de innovación, tributos, turismo, industrias culturais e infraestruturas, así como polo Igape e o Instituto Enerxético de Galicia, os remanentes de tesouraría de cadansúas contas "non coinciden coas que aparecen" na conta xeral da comunidade autónoma.

Así mesmo, Contas resalta que "unha parte importante" destas entidades "non someten as súas contas anuais a auditoría financeira" aínda que cumpran os requisitos que as obrigarían a facelo. Entre as que si foron auditadas "predominan os informes con opinión de auditoría favorable sen salvidades", pero con observacións "sobre a situación financeira ou viabilidade". É o caso, por exemplo, de Xestur -á que a Xunta tivo que salvar da quebra a principios deste ano- ou da Fundación Semana Verde de Galicia.

A Axencia Galega de Innovación é unha das últimas postas en marcha © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.