O ente fiscalizador lembra que as contratacións orixinais “en moitos casos non cumpriron os principios de igualdade, mérito e capacidade”
Denunciárono os sindicatos de xeito recorrente tanto a nivel xeral como en casos concretos, ao tempo que o Goberno galego o negaba ou xustificaba. Agora o Consello de Contas constátao e censúrao: a Xunta suprimiu entes paralelos, os coñecidos como chiringuitos, recolocando persoal noutros departamentos nos que segue a cobrar soldos superiores aos do funcionariado equivalente. Fíxoo malia que as contratacións orixinais deses traballadores por parte dos anteriores chiringuitos “en moitos casos non cumpriron os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
Entre os informes específicos que o Consello de Contas entregou o pasado venres ao Parlamento de Galicia hai un dedicado a analizar “os procesos de extinción de entidades dependentes” da Xunta no período 2010-2016. Nel constátase que o aforro desa publicitada supresión de chiringuitos paralelos foi residual, e concrétase que en parte debeuse a que a maioría do seu persoal foi recolocado noutros departamentos da administración. Pero Contas vai máis alá e analiza como se realizou esa recolocación para chegar á conclusión de que en cada ente suprimido a Xunta seguiu un criterio distinto que non xustificou, o que “impide a consecución dunha xestión do persoal xusta e eficiente”.
Contas censura que na Axencia de Turismo hai "desigualdades retributivas significativas non xustificadas” con persoal rescatado de entes suprimidos que mantén "retribucións salariais superiores ao persoal funcionario que exerce as xefaturas da Axencia”
Contas analiza os procesos de integración de persoal de varios entes suprimidos e amósase especialmente crítico cos traballadores que acabaron integrados na nova Axencia de Turismo, dirixida por Nava Castro, aos que atribúe “desigualdades retributivas significativas non xustificadas”. En 2012 esa Axencia de Turismo pasou a aglutinar á antiga Secretaría Xeral para o Turismo, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia S.A. (Turgalicia) e o consorcio Instituto de Estudos Turísticos, e adscribiuse tamén a ela a S.A. Xestión do Plan Xacobeo. Contas sinala que a decisión da Xunta de subrogar na nova Axencia o persoal dos entes suprimidos mantendo as súas condicións previas “provoca que a estrutura salarial resultante na Axencia sexa heteroxénea e presente situacións ineficientes”.
“Existen supostos nos que o persoal laboral absorbido ten retribucións salariais superiores ao persoal funcionario que exerce as xefaturas da Axencia”, chega a dicir Contas, que sinala que o mesmo sucedeu co caso do Xacobeo, con “persoal que mantén condicións superiores aos cargos directivos da Axencia pese a non desempeñar ditas funcións na nova entidade”.
Contas sinala que “a diferenza de dereitos non se xustifica polas características dos postos de traballo que viñan prestando os traballadores subrogados nas entidades extinguidas e contrasta co sistema de acceso a eses postos que, tal e como teñen sinalado os órganos de control recorrentemente, en moitos casos non cumpriron os principios de igualdade, mérito e capacidade”.
Nesa liña, Contas pon o foco no caso da Fundación Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico, creada en 1996 e integrada en 2013 na Axencia Galega de Innovación. En 2016 a Xunta convocou un proceso para traspasar a parte daquel persoal á propia administración como laboral fixo. O ente fiscalizador salienta que hai persoal que non puido integrarse e “permanecen na Axencia como persoal propio desta” porque “non cumpriron os requisitos para a súa integración, nomeadamente que non acreditaron ter superado, no seu momento, un proceso de selección que respectara os principios de publicidade, mérito e capacidade no acceso á Fundación”.
Contas censura que a Xunta presentase como aforro económico a supresión de postos que antes estaban orzamentados pero non cubertos e polo tanto "nunca produciron gasto real que supoña aforros posteriores"
Contas sinala que “en termos xerais, os procesos de extinción [de entes paralelos] non deron lugar a despedimentos de persoal” senón que se recolocou este noutros departamentos polo que o aforro económico nesa materia “representa menos do 1% dos fondos xestionados polas entidades dependentes”. Ao tempo, o orzamento para soldos de altos cargos na administración paralela aumentou un 60% en dez anos. O ente fiscalizador censura, nese eido, que a Xunta declarase “como aforro económico a amortización de postos de traballo que non se poden considerar como tal xa que se trataba de postos que tiñan dotación orzamentaria pero que estaban vacantes polo que nunca produciron gasto real que supoña aforros posteriores”.
Contas recomenda á Xunta no seu informe “poñer en marcha os procesos de integración pendentes do persoal dos entes extinguidos homoxeneizando o réxime e condicións de todo o persoal ao servizo dunha mesma entidade”.
Estas e outras actuacións discrecionais similares da Xunta en materia de persoal agora constatadas polo Consello de Contas nos entes que analizou no seu último informe xa foran denunciadas nos últimos anos noutros chiringuitos que agora quedaron fóra da análise do ente fiscalizador. É o caso da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (Eposh), suprimida en 2012 pero cuxo persoal, incorporado a Augas de Galicia, seguiu cobrando soldos superiores aos dos seus novos compañeiros. Un privilexio derivado dun convenio aprobado en 2005 con Feijóo como conselleiro en funcións. A Xunta tamén aproveitou a supresión das 34 fundacións comarcais creadas por aqueles gobernos de Fraga para recolocar en postos de nova creación en oficinas de emprego aos anteriores xerentes comarcais, varios deles cargos do PP seleccionados a finais do pasado século cun procedemento que primaba a entrevista persoal e a valoración do currículo sobre os coñecementos específicos.
Contas recomenda á Xunta no seu informe “poñer en marcha os procesos de integración pendentes do persoal dos entes extinguidos homoxeneizando o réxime e condicións de todo o persoal ao servizo dunha mesma entidade”.