A "austeridade" impregnou gran parte dos argumentarios do PP tras o seu retorno ao poder hai case unha década, na primavera de 2009. Entre as primeiras medidas anunciadas daquela por Alberto Núñez Feijóo figurou o chamado "plan de reestruturación" da Administración paralela, un proxecto anunciado como vía para recortar os que foran alcumados como chiringuitos, a maioría creados en tempos de Fraga, pero tamén mantidos polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG para xestionar diferentes competencias.
O Consello de Contas xa alertara de que o aforro nos 'chiringuitos' que Feijóo anunciara como "histórico" foi realmente "residual"
Durante os últimos tres anos o Consello de Contas vén reiterando que o aforro anunciado polo presidente como "histórico" na Administración paralela foi, realmente, "residual". Alén de incumprir a propia lexislación vixente para "coñecer con exactitude e de maneira actualizada" cantas entidades compoñen este sector público, o ente fiscalizador subliña que "o tamaño do sector non decreceu", toda vez que mentres a Xunta pechaba unhas entidades, abría outras. Mostra disto é que nesta década o orzamento para sufragar os salarios dos cargos responsables destes entes non só non diminuíu como na Administración xeral, senón que aumentou un 60% en dez anos.
A apertura de varias axencias públicas nos últimos anos provocou un incremento do 60% no orzamento para salarios dos seus altos cargos mentres na Administración xeral se reduciu un 8% dende 2010
Os Orzamentos da Xunta para 2019, que veñen de entrar en vigor, contemplan 1,2 millóns de euros para sufragar os salarios dos directivos destes organismos autónomos e axencias públicas que teñen a consideración de altos cargos nas propias contas . Son uns 76.000 euros máis que no ano anterior -en 2019 os altos cargos tamén se benefician da recuperación salarial do conxunto do persoal público- e 440.000 euros máis que no ano 2010, o primeiro Orzamento elaborado polo Goberno de Feijóo, que reduciu estas partidas nuns 20.000 euros a respecto de 2009.
A apertura de varios destes organismos nos últimos anos -como a Axencia Turismo de Galicia, Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Axencia Galega de Infraestruturas, Axencia Galega de Innovación, Axencia da Industria Forestal ou a Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde- dá lugar a un significativo contraste. Mentres que o gasto da Administración xeral en altos cargos está case un 8% por baixo do de 2010, nestes entes paralelos o incremento está na contorna do devandito 60%.
Os axustes salariais da crise e o traspaso de competencias á Administración paralela provoca que con 11 consellerías o gasto en altos cargos sexa un chisco inferior ao de 2010, con dez departamentos
Na Administración xeral o orzamento para salarios de altos cargos segue a ser en 2019 inferior ao de 2010 e aínda máis con relación ao de 2009, as derradeiras contas públicas do bipartito. A razón é dupla: nestes anos mudou a estrutura do Goberno galego e o Executivo aplicou aos altos cargos as mesmas reducións salariais que as sufridas polo funcionariado no marco do paquetes de recortes da crise, entre outras medidas.
Así, neste 2019 o orzamento para altos cargos da Administración xeral -que inclúe as consellerías, o Consello Consultivo e o Consello Económico e Social- aumenta algo máis dun 4% por efecto da recuperación salarial e, sobre todo, pola creación dunha nova Consellería tras a última crise de goberno -Educación e Cultura volven ser departamentos independentes-. Os axustes salariais destes anos e o transvasamento de competencias á devandita Administración paralela provocan tamén unha circunstancia paradoxal: o custo dos altos cargos da Administración xeral é agora, con 12 departamentos -a Presidencia da Xunta e 11 consellerías- menor que en 2010, cando os departamentos eran 11 -Presidencia e 10 consellerías-.
A redución salarial aplicada ao conxunto do persoal público, a mingua de consellerías e a mudanza na figura dos delegados territoriais provoca que o orzamento de soldos de altos cargos da Administración sexa en 2019 uns 4 millóns inferior que en 2009
Ambos factores -redución salarial dos anos da crise e estrutura do Goberno- son tamén clave para que o gasto en salarios de altos cargos sexa notablemente inferior ao da etapa do bipartito. Nos derradeiros Orzamentos daquel Executivo de coalición, composto pola Presidencia e 13 consellerías, os salarios dos altos cargos ascendían a 9,1 millóns de euros, case 4 millóns máis que en 2019.
Alén da fusión de consellerías nesa redución do orzamento inflúe tamén a desaparición da figura das delegacións provinciais de cada consellería coa consideración de altos cargos. O Goberno do PP substituíunas polas delegacións territoriais -os alcumados como superdelegados-, un representante do Executivo en cada capital de provincia e un quinto en Vigo. Os soldos destes cinco altos cargos custan este ano 286.830,25 euros.
Mentres, boa parte do labor dos antigos delegados provinciais asúmeno agora os xefes territoriais das consellerías. Trátase de persoal funcionario pero cun marcado perfil político tanto na súa elección -libre para o Goberno- como na súa visibilidade pública, pero non teñen a consideración formal de altos cargos.