A Xunta vén de estrear o seu novo portal de transparencia. Trátase dunha web con datos que xa eran públicos en virtude da lei de transparencia de 2006 pero que se atopaban espallados por diferentes portais do Goberno galego, que de agora en diante dará acceso aos mesmos e a outros novos, como a relación de contratos menores -os inferiores a 50.000 euros en obras e a 18.000 en servizos-, o detalle das persoas que desenvolven labores sindicais na Administración autonómica ou as declaracións de bens dos altos cargos, entre outros aspectos.
Como informou Praza.gal, o novo portal nace ao abeiro da nova lei de transparencia. Os prazos e condicións de aplicación da nova norma provocan que, en boa medida, as novas obrigas que trae consigo afecten en maior medida ao próximo Goberno da Xunta que ao actual. No entanto, e malia ás dificultades para realizar buscas ou a imposibilidade, en moitas áreas, de obter datos reutilizables, o novo sitio xa permite recompilar información como o número de altos cargos do Executivo e as súas remuneracións, entre outros aspectos.
As remuneracións dos 63 altos cargos suman 3,6 millóns ao ano
Co mapa interactivo por baixo destas liñas, elaborado a partir de información tirada do Portal da Transparencia, si é posible realizar buscas por nome, departamento e cargo -na xanela superior esquerda-, así como coñecer as relacións xerárquicas de cada alto cargo a respecto da consellería á que pertence. Son, en total, 63 altos cargos cuxas remuneracións -entre salarios e complementos como os trienios- suman 3,6 millóns de euros anuais. Neste organigrama o maior soldo é o do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con 73.293,48 euros brutos ao ano.