Contas ve "residual" a redución da administración paralela que Feijóo presentou como "histórica"

Feijóo, nun acto da Axencia de Innovación, unha das creadas nos últimos anos © Xunta

A mediados de 2014 o Goberno galego daba por practicamente culminada a primeira fase do seu "plan de reestruturación" da Administración paralela, o proxecto para reducir o número dos alcumados como chiringuitos que Alberto Núñez Feijóo presentara como unha das bandeiras da "austeridade" tras o retorno do PP á Xunta no ano 2009. Naquela presentación ante os medios o presidente da Xunta aseguraba que este plan trouxera consigo unha "redución histórica" que levara estes entes a cifras de comezos de século. Este entusiasmo é rebaixado por segundo ano consecutivo dende o Consello de Contas, o ente fiscalizador das finanzas autonómicas, que substitúe o adxectivo que aplicou Feijóo por outro menos festivo: "residual".

Despois de que, nas súas análises correspondentes ao ano 2014, Contas xa advertira de que a contribución deste plan á publicitada "austeridade" nas contas públicas fora máis ben menor, a fiscalización do ano 2015 profunda nesta tese e ademais advirte de que a Xunta segue a incumprir a lei na que ela mesma se impuxo a obriga de crear un rexistro deste tipo de entidades, ademais de reprochar que nunca chegase a publicar "ningún" dos seus plans de redución. Así, os únicos datos dispoñibles ao respecto son os do Goberno de España, que traen consigo múltiples distorsións xa que, entre outros aspectos, conta a Administración Xeral da Xunta como un ente máis e incorpora ao seu cómputo as entidades dependentes das universidades públicas.

"Malia á redución de entidades o tamaño do sector instrumental non decreceu" e "o volume de recursos públicos" que xestionan estes organismos "está a aumentar" porque se crearon outros novos

Partindo desta base Contas analiza un panorama con algo máis dun cento de entidades con cifras que, di, acreditan que "a maior parte" das entidades "eliminadas" a través do devandito "plan de racionalización" tivo "unha importancia económica residual". Non en van, exemplifica, "máis da metade" dos entes eliminados foron as 34 fundacións de desenvolvemento comarcal, cuxa supresión xa fora aprobada polo bipartito. Neste contexto, "o aforro total" do plan "representa menos do 1% dos fondos xesitonados polo sector instrumental", uns 16 millóns de euros nos que se inclúe o aforro derivado da "redución de persoal".

O aforro non foi substancial e tampouco o foi a redución da dimensión do número global de entidades e do seu peso na Administración galega. "Malia á redución de entidades -explica Contas- o tamaño do sector instrumental, tendo en conta o volume de recursos xestionados, non decreceu nos últimos anos". Ben ao contrario, "o volume de recursos públicos xestionados" por esta vía "está a aumentar", xa que mentres o Goberno do PP eliminaba uns entes, creaba outros. "Este dato explícase pola creación de axencias que pasaron a xestionar descentralizadamente políticas que ata agora eran desenvolvidas" directamente dende as consellerías, sinala o Consello. Este foi o caso, por exemplo, das infraestruturas, as políticas de innovación, a xestión tributaria ou os servizos sociais.

Falta de transparencia

Todas estas consideracións son realizadas por Contas nun contexto no que o organismo fiscalizador reprocha á Xunta a falta de transparencia na información sobre a administración paralela, a comezar polo devandito incumprimento da lei do sector público, aprobada no ano 2010. O artigo 52 desa lei, lembra o Consello, impón á Xunta a obriga de crear un "rexistro de entidades" que informe sobre o número e características de entes da Administración paralela. Pero o Goberno "incumpre" ese precepto legal e, ademais, "tampouco consta a existencia dun sistema que permita coñecer con exactitude e de maneira actualizada as entidades que cumpren ou potencialmente poidan cumprir os requisiots legais para ser consideradas como integrantes do sector público". É por iso, lamenta Contas, que única fonte de información é a inexacta base de datos do Ministerio de Administracións Públicas.

O Consello de Contas reprocha que a Xunta incumpra a lei que a obriga crear un rexistro con todas as entidades da administración paralela

A escasa de transparencia atinxe tamén aos propios plans de redución da Administración paralela. A Xunta publicitounos amplamente en declaracións de prensa e mesmo pasaron polo Consello da Xunta como informes, pero "ningún destes plans foi obxecto de publicación" e "tampouco se publican os informes nos que se avalía o seu grao de realización". "A Administración galega -agrega Contas- non achega ningunha información específica sobre estes plans na súa páxina web nin no portal de transparencia".

O Goberno galego retrucou a estas críticas do Consello de Contas remitíndoo, precisamente, ao portal de transparencia como mostra de que si informa ao respecto mentres "traballa" na creación do rexistro previsto na lei de 2010. Concretamente, ao apartado dedicado ás entidades do sector público autonómico. Pero para contas isto non supón achega ningunha á transparencia: "o único que se contén é unha ligazón ao inventario elaborado polo Ministerio de Facenda e non a un rexistro propio" e "non pode ser considerada como medio de publicación das entidades" previsto na lei. "Ademais -advirte- a relación contida no portal de transparencia é incompleta".

Feijóo e a titular de Turismo, área que pasou a xestionarse a través dunha axencia pública © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.