Unha das primeiras medidas adoptadas por Alberto Núñez Feijóo nada máis chegar á Xunta en 2009, aos doce días da súa propia toma de posesión, foi eliminar a figura dos antigos delegados territoriais do goberno galego, un por consellería e provincia. Substituíunos por cinco superdelegados (nas catro capitais e Vigo) con competencias sobre todas as áreas da Xunta, pero incluíndo xusto tras deles outros tantos secretarios territoriais e a nova figura dos xefes territoriais, un por provincia e consellería. O PP presentou esas secretarías e xefaturas territoriais como un exemplo de aforro e despolitización da estrutura territorial da Xunta, pero a propia actuación dos secretarios e xefes territoriais pronto os foi asimilando aos vellos delegados territoriais das consellerías, de carácter político. Nos últimos meses tanto o goberno galego como o PP deron un paso máis e están a facer visible de xeito aberto ese perfil político dos seus secretarios e xefes territoriais.
O goberno galego inclúe agora as súas actividades na súa propia axenda pública e nun recente mitin no que estaban presentes varios o PP eloxiou o seu traballo político
O cambio máis significativo na visibilidade política que a Xunta lles está a dar aos seus representantes territoriais produciuse a raíz da dimisión a finais de agosto dos cinco superdelegados como requisito legal para integrarse nas listas do PP ás autonómicas do 25-S. Desde entón o Goberno galego está a incluír actos dos secretarios e xefes territoriais na súa propia axenda pública, non só como asistentes a actividades dos conselleiros cando se desprazan ás súas zonas senón tamén como principais protagonistas.
Nesta nova visibilidade política destaca o caso da secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, quen o 3 de outubro chegou a ser a representante principal da Xunta en tres actos públicos, entre eles os actos conmemorativos do Día da Policía. Tamén o xefe territorial de Presidencia en Lugo, José Manuel Rozas, foi o máximo representante da Xunta en varios actos públicos, entre eles dúas entregas de premios.
Na pasada campaña autonómica, nun mitin en Betanzos, o voceiro local do PP saudou desde o atril mencionándoos polo nome e eloxiando o seu traballo político a varios xefes territoriais de varias consellerías presentes na arenga do mesmo xeito que antes fixera con outros cargos políticos do partido de maior rango. E este luns a Consellería do Medio Rural informaba publicamente dun encontro entre a conselleira, Ángeles Vázquez, e os xefes territoriais do seu departamento como se non fose unha simple reunión de traballo interna.
Xefas territoriais foron destacadas políticas populares como Marisol Díaz, Tristana Moraleja ou Marta Iglesias
Os xefes territoriais teñen que ser funcionarios, pero cumprido ese requisito poden ser elixidos libremente polo goberno galego e o paso do tempo confirmou o carácter político de boa parte deses nomeamentos. Xefa territorial de Educación e Vicepresidencia foi Marisol Díaz, logo superdelegada en Ourense e agora deputada autonómica electa. Xefa territorial de Economía foi Tristana Moraleja, voceira do PP en Oleiros e agora deputada no Congreso. E xefa territorial de Política Social é agora Marta Iglesias, que fora concelleira do PP en Vigo e deputada provincial.