O Goberno de Feijóo chegou a comprometer 10 millóns en 2010 para o Museo da Romanización no artigo Cuartel de San Fernando de Lugo. En 2013 paralizouno e en 2019 renunciou a el. En 2022 Rueda dixo estar disposto a colaborar
O Museo da Romanización de Galicia é un dos proxectos da Xunta que máis demoras acumulan na cidade de Lugo. O Concello vén defendendo a súa instalación no antigo cuartel de San Fernando, un recinto do século XVIII que hai tres décadas fora valorado como posible sede do novo auditorio a cidade ata que un organismo asesor da Unesco alertou de que esa obra poría en perigo a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade.
En 2019, por mor do deterioro do vello cuartel, o Concello incidiu nesta reclamación. E o Goberno galego do PP de Alberto Núñez Feijóo reaccionou escenificando a súa renuncia definitiva ao Museo, o mesmo proxecto para o que comprometera 10 millóns de euros en 2010 e, tres anos despois, adiara indefinidamente "ata que a realidade económica o permita". En 2022, xa con Alfonso Rueda na presidencia, a Xunta volveu virar e dixo estar en disposición de achegar fondos para o Museo da Romanización.
Tres anos despois, os avances foron inexistentes. Así vén sucedendo aínda que neste 2025 o proxecto do Museo da Romanización contou cuns testemuñais 500.000 euros nos Orzamentos Xerais da Xunta. A metade desa partida, 250.000 euros, foi desviada pola Consellería de Cultura a outra finalidade: contribuír ao financiamento do Bono Emancípate, as axudas para a compra de mobles e outro equipamento estreadas este ano polo Goberno galego para menores de 36 anos que alugasen unha vivenda (un pago único de 1.500 euros) ou a mercasen (3.000), para as que o Executivo dispuxera uns fondos iniciais de 1,9 millóns.
En xullo Presidencia esgrimiu os 500.000 euros orzamentados neste 2025 para o proxecto como mostra dun "compromiso patente". En outubro retirou 250.000 para transferilos ao Bono Emancípate e para 2026 volve prever os mesmos 500.000
Foi o pasado outubro cando a Xunta fixo o trámite para transferir os fondos, unha modificación orzamentaria que, como manda a lei, tivo que comunicar despois ao Parlamento. A finalidade, indicou sinteticamente, é a "concesión de máis axudas a través do Bono Emancípate", achegas que segundo indicaba a Xunta en setembro, recibiron 920 persoas.
A retirada dos fondos da partida do Museo da Romanización implica, daquela, que continuará sen haber avance ningún. Cando menos pola banda da Xunta e cando menos neste ano.
Dáse a circunstancia de que hai poucos meses o propio Goberno galego salientou as súas partidas para o Museo da Romanización. Foi en xullo, tras reunirse por primeira vez con Miguel Fernández, alcalde lucense. Daquela a Xunta "reiterou a súa dispoñibilidade de colaboración" para levalo adiante. Nunha nota oficial, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, instaba a "lembrar" que "os orzamentos autonómicos contan cunha partida de 500.000 euros, deixando patente o seu compromiso".
O Concello vén subliñando que a achega da Xunta é "imprescindible" mesmo para poderen optar a fondos estatais para o Museo
O rexedor, pola súa banda, subliñara daquela "a necesidade de que a Xunta cumpra dunha vez o compromiso asumido en 2012 para rehabilitar o cuartel de San Fernando e avanzar na creación do Museo da Romanización de Galicia". "Trátase dun edificio declarado Ben de Interese Cultural que leva máis de 25 anos sen uso", lembraba o socialista, quen advertía de que esa "implicación" do Goberno galego é "imprescindible" para "acometer a restauración da cuberta e da envolvente", paso á súa vez "indispensable" para que o Concello poida optar a fondos estatais para o proxecto.
"Os lucenses -sinalaba o alcalde- levan máis dunha década esperando mentres o goberno de Rueda destinaba 19 millóns a outros proxectos", sinalaba en referencia ao Pazo de Lourizán. No proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2026 volven figurar consignados, outra volta, 500.000 para o Museo da Romanización de Galicia en Lugo.