Un ex-edil do PSdeG de Santiago admite que delinquiu ao alugar o Concello oficinas nas que era socio

José Manuel Pichel, nunha imaxe de arquivo durante unha visita a unhas obras co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo © Concello de Santiago

José Manuel Pichel, concelleiro de Medio Rural con Bugallo ata saltar o caso en 2023, chega a un acordo coa Fiscalía polo que é condenado a seis meses de cadea e multa de 3.650 euros por negociacións prohibidas a funcionarios

A Fiscalía vén de facer público que chegou a un acordo de conformidade co ex-concelleiro do PSdeG en Santiago José Manuel Pichel polo que este admite ser culpable dun delito de negociacións prohibidas a funcionarios por alugar o Concello oficinas dunha empresa da que era socio. O coñecido como caso Desproi remata así con Pichel como único condenado a seis meses de cadea, na que non chegará a entrar, e multa de 3.650 euros, tras estar previamente imputados na mesma investigación o daquela alcalde Xosé Sánchez Bugallo e a súa xunta de goberno local.

José Manuel Pichel, edil de Medio Rural do Concello de Santiago de 2019 a 2023, cando dimitiu © Concello de Santiago

Pichel foi concelleiro de Medio Rural e Parques e Xardíns ata a súa dimisión en xaneiro de 2023, cando saltou o caso. Segundo o escrito de conformidade agora divulgado pola Fiscalía, a empresa Desproi Promociones SL, na que Pichel era socio, foi elixida en 2021 polo Concello para alugar unhas oficinas da súa propiedade no polígono de Costa Vella. Alí foron trasladadas dependencias municipais que debían ser desaloxadas do edificio da antiga estación de autobuses de Santiago que ía ser derrubado. 

Cando dimitiu Pichel admitiu o "erro considerable" de "non comunicar ao alcalde que tivese unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble"

O alugueiro foi aprobado pola xunta de goberno local en setembro de 2021, o que levou a que no comezo do caso estivese imputado o equipo de goberno e propio alcalde Bugallo, pero despois a causa contra eles foi arquivada. Cando Pichel dimitiu admitiu o "erro considerable" de "non comunicar ao alcalde nin ao resto de compañeiros da Xunta de Goberno que tivese unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble". E o propio Bugallo, que asinou o contrato de alugueiro, dixo descoñecer esa relación.

Nave no polígono compostelán de Costa Vella onde o Concello de Santiago alugou instalacións provisionais para a concellería de Medio Rural © Google

Segundo o escrito de conformidade da Fiscalía, que aínda debe ser ratificado ante o xulgado, "os feitos son constitutivos dun delito de negociacións prohibidas aos funcionarios" polo que se impón a Pichel "prisión por tempo de seis meses; multa por tempo de 12 meses e unha cota diaria de 10 euros, con responsabilidade persoal subsidiaria para o caso de impago; inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por tempo de catro anos" ademais das costas xudiciais. 

Ante esta pena, Fiscalía anticipa o seu "informe favorable para a suspensión da execución da pena privativa de liberdade, establecendo como condición que o condenado non cometa delito no prazo de dous anos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.