Dimite o edil de Medio Rural de Santiago polo alugueiro ao Concello dunha nave ligada a unha empresa da súa propiedade

José Manuel Pichel, nunha imaxe de arquivo durante unha visita a unhas obras co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo © Concello de Santiago

O concelleiro de Medio Rural do goberno do PSdeG en Santiago, José Manuel Pichel, abandona o seu cargo. Faino dous días despois de que o grupo municipal de Compostela Aberta sinalase o gabinete que encabeza Xosé Sánchez Bugallo por alugar oficinas nunha nave para os servizos municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns a Desproi S.L., empresa que segundo a formación estaba "vinculada" ao concelleiro que agora abandona o seu posto e a outros cargos e ex-cargos socialistas.

Compostela Aberta reclamou explicacións polo alugueiro de 5.000 euros mensuais outorgado a Desproi S.L., que ten no seu accionariado a empresa da que é administrador o concelleiro 

Segundo detallaba CA na súa denuncia pública, o alugueiro desta nave situada no polígono de Costa Vella, na que se sitúa un centro de negocios no que están instaladas diversas empresas e entidades, foi aprobada polo goberno compostelán en setembro de 2021 para instalar provisionalmente os servizos que viñan funcionando na antiga estación de autobuses, derrubada pola Xunta tras a entrada en servizo da intermodal para construír novas instalacións do complexo administrativo de San Caetano. "Tal e como consta no expediente, o traslado dos departamentos debía efectuarse con data do día seguinte, 15 de setembro, porque esa era a data límite fixada pola Xunta para o desaloxo da estación", especificaba a formación.

José Manuel Pichel anuncia a súa dimisión como concelleiro de Medio Rural de Santiago, este 18 de xaneiro de 2023 © PSdeG Santiago

O aprobado, detallan, foi un alugueiro provisional de 4 meses, proposta da que a intervención municipal destacou que non foi xustificada con informes xurídicos. "Malia esa advertencia, o Goberno mantén o alugueiro con Desproi 16 meses despois, cun custo total que se achega aos 90.000 euros" -5.000 ao mes-, describían antes de resaltar que o concelleiro agora dimisionario "foi administrador solidario" da compañía entre 2016 e 2016, ata tres anos antes de entrar ao goberno, pero tamén "consta que un dos accionistas de Desproi é Gaia, a empresa da que Pichel era administrador único cando asumiu a acta de concelleiro". 

O edil cualificou inicialmente como "rotundamente falsa" a acusación de CA e atribuíu á formación, así como ao PP e ao BNG, intención electoral por compartírena. Deixa o posto admitindo o "erro" de "non comunicar ao alcalde que tiven relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble" e para non "embazar a boa reputación" do goberno local

Con este pano de fondo, o goberno local defendeu a legalidade da contratación e subliñou a súa provisionalidade mentres traballa na recolocación definitiva do departamento. Ademais, resaltou que na declaración de intereses do concelleiro Pichel "consta como administrador único de Servicios Técnicos Gaia, mais non consta que el nin a empresa teñan ningunha vinculación nin participación accionarial con Desproi, propietaria da nave". A continuación, nun comunicado asinado por el mesmo, o edil afirmou non ter "vinculación ningunha coa empresa titular da nave". O alcalde, pola súa banda, negou ter coñecemento da cuestión ao ser cuestionado en rolda de prensa.

"Ante as dúbidas suscitadas, puxen á disposición do secretario xeral do Concello" a "documentación relativa á empresa da que son administrador único e que se atopa inactiva en tanto en canto ostento este cargo", indicaba o concelleiro, que sinalaba que a súa intervención no contrato se limitou "a participar na Xunta de Goberno na que se adoptou o acordo de alugar a nave a proposta doutra concelleira e avalada, coma sempre, por un informe técnico". "A información dada por Compostela Aberta e compartida polo PP de Santiago e o BNG é rotundamente falsa, ademais de oportunista e cun claro tinte electoral", lamentaba.

Nave no polígono compostelán de Costa Vella onde o Concello de Santiago alugou instalacións provisionais para a concellería de Medio Rural © Google

Fronte a esas defensas, a situación mudou este 18 de xaneiro. En rolda de prensa, Pichel anunciou a súa dimisión admitindo o "erro considerable" de "non comunicar ao alcalde nin ao resto de compañeiros da Xunta de Goberno que tivese unha relación accionarial coa empresa propietaria do inmoble". Abandona a concellaría e a súa acta pero, agrega, faino "coa conciencia tranquila" e para non embazar a "boa reputación" do goberno local por mor dunha "acción individual" que "a clase política decidiu aproveitar como pedrada a un goberno solvente".

Reaccións da oposición municipal á dimisión

Rozas (CA) ve na dimisión a "única saída posible" e cre que quedan "moitas explicacións que dar". Verea (PP) afirma que ante un "desvío de diñeiro para interese particular" non "chega con esta dimisión". Sanmartín (BNG) lamenta que o sucedido "recorda tempos pasados no Concello" e esixe un concurso público inmediato

Pola banda de Compostela Aberta a súa voceira, María Rozas, considera a dimisión como "única saída posible" para o caso denunciado pola formación, se ben coida que o equipo de goberno aínda ten "moitas explicacións que dar", porque "as irregularidades van alén da responsabilidade individual do ata hoxe concelleiro". O acontecido, ilustra, "equivale a que se lle pida un currículo a unha persoa para despois elaborar as bases para unha oposición á que se presenta esa mesma persoa", di.

O PP de Santiago ve na dimisión de Pichel "a confirmación do que levamos denunciando dende hai meses, que a cidade soporta un goberno que mente e desvía diñeiro para favorecer os amigos". afirma o seu voceiro, José Antonio Constenla. Así e todo, os conservadores cren que esta "non chega con esta dimisión", sinala o seu candidato á alcaldía, Borja Verea, que reclama "explicacións" de "ata onde chega o desvío de cartos públicos para interese particular" do que o PP santiagués define como "empresa vinculada ao Partido Socialista e á UGT-Galicia". 

Dende o grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín coida que o acontecido "evidencia a falta de ética, as corruptelas e os favoritismos" nunha situación que "recorda tempos pasados na xestión do Concello", máis aínda porque esta dimisión chega despois de que outro edil do PSdeG, Javier Fernández, "marchase do Goberno local e pasase a ser non adscrito". Para a voceira do Bloque, o alcalde é "cómplice" do que considera unha clara "irregularidade" e "falta de control do diñeiro público", por iso esixe a Bugallo "transparentar o acontecido" e tamén un concurso público inmediato para a acollida provisional das instalacións de Medio Rural, Parques e Xardíns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.