O novo alcalde foi o elixido polo Rei como o seu delegado na ofrenda tras catro anos nos que Compostela Aberta rexeitou participar en actos relixiosos
Tras catro anos nos que o goberno local de Compostela Aberta, con Martiño Noriega á cabeza, rexeitou participar en actos relixiosos, este 25 de xullo o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, volveu ser o elixido polo Rei como o seu representante na ofrenda ao Apóstolo. No seu discurso o rexedor pediu ao Apóstolo que preserve o “proxecto común que é España”.
A ofrenda ao apóstolo deste ano celebrouse en San Martiño Pinario polas obras de rehabilitación que se están a realizar na catedral. No seu discurso, no que empregou máis o castelán que o galego, Bugallo fixo referencia á súa volta á alcaldía e dixo “poñer voz, a través desta ofrenda, ás inquedanzas e aos desexos dos cidadáns e das cidadás de Santiago”. Segundo dixo, “traballaremos incansablemente para facer de Santiago unha urbe limpa, segura e acolledora”.
O rexedor pediu unha sociedade igualitaria e tivo palabras para a mocidade, os maiores, o cambio climático ou o emprego a través da recuperación económica “como están facendo, por exemplo, os nosos veciños portugueses”
O rexedor socialista pediu ao Apóstolo que guíe "os nosos pasos cara a unha sociedade igualitaria” salientando que “a violencia machista acaba de golpearnos de novo, esta lacra ten que ser erradicada de raíz e nese empeño temos que estar, sen ningún xénero de dúbida, as institucións e os seus gobernantes”. Tamén tivo palabras o alcalde para a mocidade, os maiores, o cambio climático ou o emprego a través da recuperación económica “como están facendo, por exemplo, os nosos veciños portugueses”.
Ao contrario que o mércores Feijóo no único acto oficial da Xunta polo 25 de xullo, Bugallo rematou a súa ofrenda cunha lembranza ás vítimas do accidente de Angrois do que este mércores se cumpriron seis anos e cun poema de Rosalía de Castro.
Na súa resposta, o arcebispo, Julián Barrio, pediu a intercesión do Apóstolo por “todos os pobos de España, de xeito especial o pobo galego”, así como “polos nosos gobernantes, para que saiban encontrar en diálogo coa verdade solucións aos problemas”. Barrio tamén tivo unha lembranza para o accidente de Angrois e para todas as persoas mortas “por calquera forma de violencia”.