Ademais de BNG e PSdeG-PSOE, outras formacións políticas celebraron actos neste Día Nacional de Galicia, escollendo Compostela e outras cidades para acollelos, ou realizaron anuncios de futuras accións políticas. Foi o caso, por exemplo, de Podemos en Marín, de Anova en Santiago, ou de Esquerda Unida en Mugardos. Nestas intervencións destacáronse numerosas cuestións, dende o feminismo ao ecoloxismo, pasando pola reivindicación do labor realizado polos primeiros concellos democráticos. Ademais, todos puxeron o foco na crítica ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo e na necesidade de derrotar o PP nas eleccións ao Parlamento galego do vindeiro ano.
Rematar cos "10 anos escuros de Feijóo”
Anova escolleu un ano máis Compostela para o o seu acto político neste 25 de xullo, dando continuidade ao que o pasado martes tivo lugar en Vigo, contribuíndo a "descentralizar" a celebración. No acto, baixo o lema 'Pola República Galega' interviron Antón Sánchez, portavoz nacional da formación, e Iria Otero, responsable de Organización.
Anova incidiu nos últimos días en que entende a cuestión nacional "non tanto como unha cuestión identitaria se non como unha cuestión material, coa necesidade xa digo de decidilo todo", de aí a escolla do lema de 'pola República Galega”, entendida como "un novo chamado á ruptura democrática co Réxime, polo menos como horizonte”.
Antón Sánchez : "Miramos ao futuro sen medo e remataremos cos 10 anos escuros de Feijóo”
Este xoves Antón Sánchez denunciou que “a este goberno sóbralle todo o conquistado no competencial en anos de loita. É o goberno das multinacionais. O PP traballa para intereses alleos a nós", engadindo que “Galiza non pode agardar mais despois dunha década onde a administración traballou contra os intereses da xente do común”. Sánchez concluíu que “aquí en Compostela aprendemos que para facer fronte aos poderes non chega con pisar a institución. Mais miramos ao futuro sen medo e remataremos cos 10 anos escuros de Feijóo”.
Homenaxe á "Galicia feminista"
Podemos celebrou en Marín o seu acto central do Día Nacional de Galicia, baixo o lema 'A Galicia que queremos celebrar cada 25 de Xullo é a Galicia feminista', homenaxeando "a todas as galegas que loitaron e loitan a diario pola defensa da igualdade, a xustiza social e os dereitos civís".
Podemos homenaxeou "a todas as galegas que loitaron e loitan a diario pola defensa da igualdade, a xustiza social e os dereitos civís"
No acto participaron Verónica Hermida, secretaria de Feminismos e LGTBI+ da formación; Julia Torregosa, deputada no Parlamento galego; e Tesi Landín, portavoz de Podemos en Marín. “Unha Galicia na que quedar, unha Galicia á que volver, é a Galicia que hoxe podemos identificar coa Galicia feminista”, subliñou Hermida, rememorando os versos de Xohana Torres non seu poema Penélope: “Unha Galicia na que a maxia sexa de todas e na que todas podamos berrar por aquelas mulleres que loitaron antes ca nós: ‘Eu tamén navegar’”.
Torregosa fixo fincapé na "gravísima situación de desigualdade que padecen as traballadoras galegas": cobran de media un 27,5% menos que os homes, lembrou, engadindo que “Galicia é o caso máis extremo de todo o Estado, xa que para suprimir a brecha salarial ao ritmo actual tardaríase 615 anos”. Torregosa subliñou "a desigualdade e precariedade que padecen as pensionistas galegas", cuxa percepción de xubilación media é de 718,20 euros, “a máis baixa de España, 140 euros menos que a media nacional e 411 euros menos que os homes galegos”.
Alerta de emerxencia climática
Neste 25 de xullo En Marea anunciou que levará ao Parlamento a declaración de Galicia como país en risco de emerxencia climática. “Pensamos que esta iniciativa, levada a cabo por varios concellos e a nivel europeo, ten que ser debatida no Parlamento de Galicia, queremos poñer na axenda política a cuestión ambiental en toda a súa extensión", afirmou Luís Villares, que comunicou o apoio da formación á folga internacional que para o 27 de setembro está convocada en contra do cambio climático.
Luís Villares: “Queremos denunciar os dez anos de estragos ambientais do Goberno de Núñez Feijóo"
“Queremos denunciar os dez anos de estragos ambientais do Goberno de Núñez Feijóo. Dez anos que supuxeron o deterioro da calidade das nosas rías, dos ríos, do chan e do subsolo. Un deterioro da calidade de vida nas cidades pero tamén dunha falta total de planificación forestal e urbanística”, destacou Villares
A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, anunciou que a formación recollerá "as denuncias da sociedade e dos colectivos e asociacións que poñen enriba da mesa as demandas medioambientais de Galicia", citando entre outros aos grupos que traballan pola saída de Ence da Ría de Pontevedra, aos activistas contrarios á mina de Touro e á mocidade que forma o Friday’s for future.
Lembranza dos primeiros concellos democráticos
Pola súa banda, Esquerda Unida celebrou o seu acto político en Mugardos, onde lembrou o 40 aniversario da constitución dos primeiros concellos democráticos. No acto, baixo o lema “Un fío vermello para tecer alternativa de país”, interviron a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla; o secretario de Organización da formación, Rubén Pérez; e a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz.
EU celebrou en Mugardos o seu acto político baixo o lema “Un fío vermello para tecer alternativa de país”
“Hoxe volvemos a reivindicar, dende ese fío vermello de loita, a celebrar a constitución dos 40 anos dos primeiros concellos democráticos”, dixo Solla, que sinalou "a importancia de ter en conta ese fío vermello que nos leva de onte a hoxe transitando polos concellos republicanos” co obxectivo de mellorar as condicións de vida da clase traballadora galega que conta con moitas deficiencias onte e hoxe. “Estas loitas son as que constrúen o país de esquerda que queremos para desaloxar a dereita. O país que queremos non se constrúe sen soberanía alimentaria, sen industria, sen futuro para a mozas e mozos...”, engadiu.