Caballero apela a “un novo rexurdir de Galicia” grazas ao “galeguismo e socialismo”

Caballero durante o acto en Rianxo © PSdeG

O líder do PSdeG reclama aos seus, en Rianxo ante o monumento a Castelao, “un ano de traballo intenso” para facerse co Goberno da Xunta

“Galeguismo e socialismo, dúas patas para un novo rexurdir de Galicia”. Con esa apelación a “un ano de traballo intenso” para obter o Goberno da Xunta en 2020 celebrou o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, o Día Nacional de Galicia, denominación oficial que recuperou o ano pasado, tras a súa chegada á secretaría xeral do partido. En Rianxo, ante o monumento a Castelao, como é tradición nos socialistas galegos, Caballero propuxo que esta data sirva “para pensar na Galicia que queremos construír no futuro” dende “o feminismo, o compromiso ético e a igualdade”.

O líder dos socialistas galegos reivindicou o PSdeG como “a casa común do progresismo” para “dar a Galicia o pulo que necesita tras o baleiro que deixan 10 anos de Feijóo”. Caballero fixo “un chamamento a toda a cidadanía” para formar parte “da nova maioría social” a través “dun galeguismo reformista e integrador no que todos cabemos”. Gonzalo Caballero afirmou tamén que “non podemos defraudar aos galegos e ás galegas que nos están esperando, aos milleiros que están esperando un cambio político no país”

Pouco antes do acto en Rianxo, Caballero difundía na súa conta de Twitter un vídeo no que felicitaba a xornada como “un día para a fraternidade entre os galegos e as galegas, un día para o sentimento de país” e, citando a Antón Fraguas, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, dicía que “ser galeguista é ser amante da nosa terra” e, como tales, os socialistas “somos galeguistas porque temos un profundo compromiso co noso país, coas galegas e cos galegos”. “Galicia é o noso compromiso”, remataba Caballero.

En Rianxo, onde tamén interviron o ata agora portavoz parlamentario e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a secretaria local do partido, Carmen Figueira, Caballero, ante numerosos cargos socialistas, apelou a unha Galicia “na que cabemos todos e todas”.

Fernández Leiceaga defendeu que o PSdeG é “un partido central en Galicia, máis aínda despois de gañar as últimas xerais e europeas e de resultar a forza que goberna sobre o 55% dos galegos e das galegas dende os concellos". “Temos unha enorme responsabilidade por diante”, engadiu o dirixente socialista, consciente de que a Feijóo “quédanlle doce meses para empezar a despedirse da Xunta”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.