Caballero proclama o “compromiso coa terra” do PSdeG e recupera a denominación oficial de 'Día Nacional'

Ofrenda do PSdeG ante o busto de Castelao en Rianxo Dominio Público PSdeG

Os socialistas dan un lugar destacado ao ex-presidente Touriño no seu tradicional acto ante o busto de Castelao en Rianxo

En Rianxo, ante o busto de Castelao, como vén sendo habitual, celebrou este 25 de xullo o PSdeG o Día Nacional de Galicia, denominación oficial que os socialistas galegos recuperaron este ano en verbas do seu propio secretario xeral, Gonzalo Caballero, tras varios anos usando outras expresións. A presenza no acto cun papel protagonista do ex-presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, que secundou esa denominación, foi outra mostra da nova relevancia que os socialistas galegos quixeron darlle á data fronte a anos anteriores marcados pola inestabilidade interna no partido.

Este mesmo mércores, pouco antes da súa intervención en Rianxo, Caballero, no cargo desde o pasado outono e polo tanto ante o seu primeiro 25 de xullo, transmitiu a través das redes sociais unha mensaxe en vídeo na que expresou o “compromiso coa nosa terra” dos socialistas galegos nun “Día Nacional de Galicia” que vinculou cos “valores do galeguismo e do compromiso coa igualdade de oportunidades en Galicia”. Nesa mensaxe Caballero tamén quixo trasladar a súa “solidariedade coas vítimas de Angrois” e apoialas nas súas esixencias de investigación de todo o ocorrido.

“Castelao, todos aqueles que fixeron da súa vida unha entrega na loita pola dignidade de Galicia, son patrimonio de todos”, di Touriño

Touriño lembrou na súa intervención, na que fixo repaso ao traballo dos socialistas por Galicia, que foi hai 18 anos, con el á fronte do partido, cando o PSdeG decidiu celebrar esta xornada ante o busto de Castelao en Rianxo. Honrando aos galeguistas históricos, dixo, “nos honramos tamén todos nós”, argumentando que “hai algúns entre os nosos que cren que Castelao non é dos nosos”, mentres que, ao tempo, hai outros que se intentan apropiar en exclusiva da súa figura. “Están profundamente equivocados”, dixo Touriño, para quen “Castelao, todos aqueles que fixeron da súa vida unha entrega na loita pola dignidade de Galicia, son patrimonio de todos”. Esa mellora da dignidade de Galicia, dixo, é a aspiración dos socialistas galegos.

Pedro Sánchez: “Parabéns ás galegas e galegos no Día de Galicia, especialmente aos que están lonxe. Tendes motivos dabondo para sentir orgullo da vosa terra. Unha forte aperta”

Este 25 de xullo, ao tempo que mensaxe gravada por Caballero era divulgada pola conta do partido a nivel estatal, tamén o presidente do Goberno central, o socialista Pedro Sánchez, divulgou unha mensaxe en Twitter en galego, como xa fixera ao recibir hai uns días na Moncloa a Feijóo: “Parabéns ás galegas e galegos no Día de Galicia, especialmente aos que están lonxe. Tendes motivos dabondo para sentir orgullo da vosa terra. Unha forte aperta”.

 

Touriño e Caballero durante a interpretación do himno galego Dominio Público PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.