0 Gardados para despois

Villares reivindica a "diversidade" de En Marea e pide centrarse na xente que "non ten un goberno digno"

Redacción | @prazapublica

"Non vai haber ruptura" de En Marea, insistiu o seu portavoz, Luís Villares, en declaracións antes do acto que a formación celebrou no parque de Vista Alegre de Compostela co gallo do Día Nacional de Galicia. A tan só uns metros, Anova celebraba tamén o Día da Patria, mentres Podemos se reunía en Sarria e Esquerda Unida en Mugardos. Para o voceiro, o espazo de confluencia debe ser "aberto", ademais de "sen portas, sen cancelas". "Onde podemos atoparnos", dixo, reivindicando a "diversidade" malia os actos por separado das diferentes patas que conforman a formación.

Villares reivindica a "diversidade" de En Marea como "espazo aberto" e "sen cancelas" polo Día Nacional

No acto de En Marea, a vicepresidenta da Generalitat, Mónica Oltra, e Villares levaron a cabo un diálogo ao que asistiron, entre outros, deputados como Davide Rodríguez, de Anova, o ex-membro de Podemos Pancho Casal, Paula Vázquez Verao, a eurodeputada Lídia Senra ou a concelleira santiaguesa Concha Fernández. 

Preguntado polos actos por separado, Villares apelou á comida "conxunta" e "de fraternidade" que se levou a cabo en Vista Alegre."Evidentemente, nós nunca renegamos da diversidade, pensamos que a diversidade suma", dixo tras reivindicar unha "sociedade é plural, colorida, diversa", algo que "é un valor tamén do espazo político de En Marea". 

Para Villares, en Marea debe defender "espazos de encontro conxunto e espazos tamén de encontro separado". "Temos capacidade de sumar desde esa diversidade e nós entendemos a nosa alternativa política desde esa suma de diversidades sociais que entendemos que nos enriquece e que non nos prexudica", expuxo.

"Temos capacidade de sumar desde esa diversidade e nós entendemos a nosa alternativa política desde esa suma de diversidades sociais"

Ademais, inquirido sobre se os diferentes actos eran un símbolo da ruptura interna de En Marea, Villares negouse a que iso fose "interpretado así" e cre que a sociedade o que está a pedir á formación é que teña "un proxecto común ao redor do que é máis básico: a igualdade, os coidados, o emprego, a defensa do medio ambiente, a defensa da igualdade de oportunidades dentro da propia terra". Por iso, destacou que neste punto están "todos de acordo" e animou a comparar e ver "no día de hoxe que ninguén do espazo político En Marea emite unha mensaxe diferente a esta".

"O que queremos é un goberno á altura desta boa xente que parece que vive á intemperie porque non ten un goberno digno"

Xa no propio acto, Villares advertiu da necesidade de contar cun "goberno á altura" da "boa xente" que durante este ano demostrou formar parte dunha "sociedade civil viva", que protestou en contra de "inxustizas" como o proxecto da mina de Touro e O Pino.  Así, reivindicou que En Marea é un proxecto "que busca traballar para esa xente" e reiterou que "todo o que sexa distraerse de aí son debates que a ninguén deben interesar" e que a el non lle interesan. "O que queremos é un goberno á altura desta boa xente que parece que vive á intemperie porque non ten un goberno digno", insistiu. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Anova pide relanzar En Marea con "autonomía política" no Congreso e fortalecendo as mareas locais

Anova pide fortalecer a unidade popular e a propia En Marea. E reclama que se faga fortalecendo as mareas municipais, recuperando os valores fundacionais do espazo de confluencia e apostando pola "autonomía política" do grupo da formación no Congreso, integrado no confederal de Unidos Podemos. 

Así o manifestaron Antón Sánchez, poravoz de Anova, e o seu fundador, Xosé Manuel Beiras, durante o acto que o partido soberanista celebrou no parque das Galeras de Santiago durante o Día Nacional. O tamén deputado no Parlamento galego pediu a En Marea que se poña "ao servizo das mareas municipais" para frear o renovado "bipartidismo dinástico" que busca "restaurar o réxime do 78". 

"Temos un problema en Galicia se a pluralidade de En Marea é menos que a pluralidade das mareas municipalistas", di Sánchez 

"Temos un problema en Galicia se a pluralidade de En Marea é menos que a pluralidade das mareas municipalistas", advertiu Sánchez, para quen "non hai razón para o enroque, para o non diálogo". "Ningunha marca vale máis que a unidade popular, ningunha parte vale máis que o todo", insistiu quen aclarou o apoio de Anova á proposta de Compostela Aberta de iniciar un proceso de diálogo para "relanzar o espazo da unidade popular". 

Para Sánchez, a "derrota" do PP nas municipais de 2015 a man das mareas municipalistas é a mostra do "camiño do triunfo" e advirte dun Feijóo que "vai volver á carga sen dubidar en usar institucións con xogo sucio e manipulación". 

Ao tempo, Xosé Manuel Beiras tamén apostou por fortalecer a unidade popular desde as mareas locais para consolidar os "gobernos rebeldes" e "contribuír a que a dirección de En Marea recupere a fidelidade absoluta aos principios fundacionais do pacto de Mazarelos".

Pero había máis. Beiras centrou parte das súas críticas no papel de En Marea no Congreso e instou as forzas do Estado integradas na formación, "de Podemos ou do que sexa, reconsideren e rectifiquen con lealdade e o grupo parlamentario confederal de En Marea teña autonomía política".

Beiras pide ás forzas estatais de En Marea que "recitifiquen" para que o grupo "teña autonomía política"

Así, pediu que se "emprace ás forzas do Estado ás súas sucursais aquí, mesmo as que están integradas en En Marea, as que din que son de Podemos ou do que raios sexa, rectifiquen o seu comportamento" con respecto ao espazo de confluencia galego. "Hai que reclamalo rotundamente, hai que rectificar e establecer pasos para que o grupo de En Marea sexa reconducido ao que foi o acordo do grupo parlamentario confederal, no que o grupo de En Marea ten autonomía mesmo para decisións políticas e seguir a liña que lle ten que marcar En Marea", remarcou Beiras.

"Fomos leais, e hai outros que non mantiveron iso e en grupo mixto teñen unha consideración de Unidos Podemos que nós non temos", rematou Beiras.

EU chama a "seguir pulando polos dereitos do país" e destaca o papel dos "concellos rebeldes"

Esquerda Unida reivindicou os "concellos do cambio e rebeldes" no seu acto polo Día Nacional de Galicia, celebrado en Mugardos baixo o lema Defender o municipalismo rebelde para construír República. A coordinadora nacional en Galicia, Eva Solla, sinalou estes gobernos locais, "constantemente atacados e estrangulados" como "fundamentais para ter unha saída aos problemas da cidadanía e básicos para a contribución do cambio histórico".

 Eva Solla ve os "concellos do cambio e rebeldes" como "fundamentais para ter unha saída aos problemas da cidadanía e básicos para a contribución do cambio histórico"

"Cómpre resaltar o traballo posto en marcha polas compañeiras e compañeiros dende o ano 2015, por esa aposta por reclamar o papel dos concellos dentro do modelo que defendemos", insistiu Solla, que participou no acto xunto a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o rexedor de Ferrol, Jorge Suárez, ademais do secretario de Organización de EU, Rubén Pérez, e o membro da dirección do partido, Carlos Portomeñe, entre outros.

Suárez, na súa intervención, destacou "a importancia de seguir a pular polos dereitos dun país". "E facelo, dende posturas e palabras que semellan hoxe proscritas, como o republicanismo, a loita de clases, ou o dereito dos pobos a defenderse das agresións”, dixo. 

“Ver tanta xente hoxe debe encher de orgullo a todos os que loitaron no ámbito político e sindical para que hoxe poidamos estar aquí e seguir a pular pola creación de República, coa que finalmente venceremos”, remarcou para destacar a fortaleza de EU. 

Podemos aposta por "unha Galicia forte nun Estado plurinacional"

A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, reclamou este mércores “unha Galicia forte nun Estado plurinacional federal que respecte as identidades” no marco da celebración do "Día da Matria" que Podemos realizou este ano en Sarria.  Santos tamén tendeu novamente a man ás forzas amigas para “ampliar as maiorías das alcaldías do cambio tecendo alianzas e saíndo unidas a recuperar o resto de concellos de Galicia para a xente”.

A secretaria xeral de Podemos Galicia reivindicou neste 25 de xullo “a cada un dos galegos e galegas que construíron a nosa matria”, e sinalou desde as “exiliadas antes da pobreza e a ditadura do franquismo que en Galicia se chamou fraguismo", e exiliados agora, "sendo a xeración máis preparada da nosa historia, do paro á precariedade e á corrupción dos gobernos de Feijóo e Rajoy”, até os “galegos e galegas nacidos en Senegal, Marrocos, Rumanía ou Siria”.

Santos interviu acompañada por membros da comunidade Siria residente en Galicia, aos que mostrou o su total apoio e amosou con orgullo a Galicia como “a matria solidaria e fraterna de refuxiadas que buscan auxilio e humanidade como buscamos os galegos e galegas cando as circunstancias políticas é económicas nos obrigan”.