Villares reivindica a "diversidade" de En Marea e pide centrarse na xente que "non ten un goberno digno"

Debate entre Villares e Oltra, no acto de En Marea © En Marea

"Non vai haber ruptura" de En Marea, insistiu o seu portavoz, Luís Villares, en declaracións antes do acto que a formación celebrou no parque de Vista Alegre de Compostela co gallo do Día Nacional de Galicia. A tan só uns metros, Anova celebraba tamén o Día da Patria, mentres Podemos se reunía en Sarria e Esquerda Unida en Mugardos. Para o voceiro, o espazo de confluencia debe ser "aberto", ademais de "sen portas, sen cancelas". "Onde podemos atoparnos", dixo, reivindicando a "diversidade" malia os actos por separado das diferentes patas que conforman a formación.

Villares reivindica a "diversidade" de En Marea como "espazo aberto" e "sen cancelas" polo Día Nacional

No acto de En Marea, a vicepresidenta da Generalitat, Mónica Oltra, e Villares levaron a cabo un diálogo ao que asistiron, entre outros, deputados como Davide Rodríguez, de Anova, o ex-membro de Podemos Pancho Casal, Paula Vázquez Verao, a eurodeputada Lídia Senra ou a concelleira santiaguesa Concha Fernández. 

Preguntado polos actos por separado, Villares apelou á comida "conxunta" e "de fraternidade" que se levou a cabo en Vista Alegre."Evidentemente, nós nunca renegamos da diversidade, pensamos que a diversidade suma", dixo tras reivindicar unha "sociedade é plural, colorida, diversa", algo que "é un valor tamén do espazo político de En Marea". 

Para Villares, en Marea debe defender "espazos de encontro conxunto e espazos tamén de encontro separado". "Temos capacidade de sumar desde esa diversidade e nós entendemos a nosa alternativa política desde esa suma de diversidades sociais que entendemos que nos enriquece e que non nos prexudica", expuxo.

"Temos capacidade de sumar desde esa diversidade e nós entendemos a nosa alternativa política desde esa suma de diversidades sociais"

Ademais, inquirido sobre se os diferentes actos eran un símbolo da ruptura interna de En Marea, Villares negouse a que iso fose "interpretado así" e cre que a sociedade o que está a pedir á formación é que teña "un proxecto común ao redor do que é máis básico: a igualdade, os coidados, o emprego, a defensa do medio ambiente, a defensa da igualdade de oportunidades dentro da propia terra". Por iso, destacou que neste punto están "todos de acordo" e animou a comparar e ver "no día de hoxe que ninguén do espazo político En Marea emite unha mensaxe diferente a esta".

"O que queremos é un goberno á altura desta boa xente que parece que vive á intemperie porque non ten un goberno digno"

Xa no propio acto, Villares advertiu da necesidade de contar cun "goberno á altura" da "boa xente" que durante este ano demostrou formar parte dunha "sociedade civil viva", que protestou en contra de "inxustizas" como o proxecto da mina de Touro e O Pino.  Así, reivindicou que En Marea é un proxecto "que busca traballar para esa xente" e reiterou que "todo o que sexa distraerse de aí son debates que a ninguén deben interesar" e que a el non lle interesan. "O que queremos é un goberno á altura desta boa xente que parece que vive á intemperie porque non ten un goberno digno", insistiu. 

Acto de En Marea no Día Nacional de Galicia © En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.