Vítimas de Angrois reclaman polas rúas de Santiago e na curva “verdade e xustiza en memoria dos que deixaron as súas vidas”

Inicio da manifestación das vítimas de Angrois ante a estación ferroviaria de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

“En memoria dos que deixaron as súas vidas nas vías e para que non volva ocorrer, esiximos verdade e xustiza”. Esa foi a reclamación que este martes, no quinto aniversario, portaron pola mañá polas rúas de Santiago e expresaron pola tarde na curva de Angrois, á mesma hora do sinistro, vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 que custou 80 vidas e 144 persoas feridas.

Feridos e familiares dos 80 falecidos manifestáronse entre a estación á que nunca chegou o Alvia e a praza do Obradoiro reclamando respostas xudiciais e políticas

Como en anos anteriores, unha manifestación de vítimas e simpatizantes da súa causa saíu ás once da mañá da estación de tren de Santiago á que nunca chegou aquel Alvia. O seu paso polas rúas do centro de Compostela foi recibido con momentos de silencio respectuoso e algún aplauso espontáneo da cidadanía e turistas que contemplaban a marcha. Á súa chegada ao Obradoiro os afectados leron un manifesto no que criticaron que “durante cinco anos, a maquinaria do Estado traballou para eximir a responsabilidade de quen foron neglixentes” e salientaron que agora “chegou a hora de que os responsables que ocupaban cargos decisivos dean a cara e asuman a súa responsabilidade, xa que ningún dimitiu nin foi cesado”.

As vítimas de Angrois poñen o foco nos directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, imputados polo xuíz instrutor por sospeitar que non avaliaron como lles obrigaba a normativa o risco previsible que existía na curva de Angrois, carente de ningún sistema de seguridade, pero mantidos en postos de libre designación con gobernos de PP e PSOE. Ademais deles dous e do maquinista do Alvia, Francisco José Garzón, na causa están tamén investigados outro técnico de Adif e tres da consultora pública Ineco.

A plataforma de vítimas lamenta os obstáculos que vén sufrindo a investigación penal do sinistro e por iso pon o foco tamén noutra análise, a política

A plataforma de vítimas lamenta os obstáculos que vén sufrindo a investigación penal do sinistro e por iso pon o foco tamén noutra análise, a política, que vén de iniciarse cunha comisión de investigación específica no Congreso dos Deputados rexeitada polo PP e bloqueada durante catro anos polo PSOE. Nela os afectados reclaman explicacións ao máis alto nivel, aos ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, aos que non consideran responsables directos do accidente pero si de diversos enganos á cidadanía. Á segunda, ademais, acúsana de entorpecer a investigación do sinistro. Imaxes de Blanco e Pastor volveron ser protagonistas este martes na praza do Obradoiro.

O PSOE, que o ano pasado participou na manifestación, volveu ausentarse este ano, como vén facendo todos os anos o PP

No seu percorrido polas rúas de Santiago, como en anos anteriores as vítimas volveron ter o apoio de dirixentes políticos de En Marea, BNG, Esquerda Unida, Podemos, Anova ou Ciudadanos (este luns os principais partidos xa verbalizaran as súas posturas), así como de sindicatos ou da vicepresidenta da Comunitat Valenciana e líder de Compromís Mónica Oltra, de visita en Santiago e que puxo o foco nas similitudes do accidente de Angrois co do Metro de Valencia ocorrido sete anos antes. Ao contrario da excepción que supuxo o ano pasado, e como nos anos anteriores, non houbo ningún representante do PSOE, ausencia mantida no tempo polo PP. Posteriormente, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, emitiría un chío en Twitter e unha nota de prensa de respaldo ás reclamacións políticas e xudiciais das vítimas. Xa no Obradoiro, durante a concentración das vítimas saíron da sede do Concello de Santiago os portavoces municipais de PP e PSOE, Agustín Hernández e Francisco Reyes, que se atoparon cos afectados pero os esquivaron e abandonaron a zona.

Homenaxe en Angrois

O vento impediu despregar en Angrois un globo aerostático cunha gran pancarta co lema “Nunca vos esqueceremos. Verdade e xustiza. Seguimos loitando”

Pola tarde, algo antes de que desen as 20.41 horas, o momento en que hai cinco anos descarrilou o Alvia, os afectados celebraron unha homenaxe aos falecidos na propia curva na que ocorreu o accidente. O acto ía contar este ano cun globo aerostático que despregaría unha gran pancarta co lema “Nunca vos esqueceremos. Verdade e xustiza. Seguimos loitando”, pero o vento impediu que se puidese inflar. Finalmente, como en anos anteriores, os protagonistas en Angrois foron as lectura de poemas, música, verbas de agradecemento e dor, e unha ofrenda floral. E o silencio final, co que como cada ano remata este acto de lembranza á mesma hora en que o Alvia rematou alí o seu percorrido.

Vítimas de Angrois no Obradoiro no quinto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública
Ofrena floral no cruceiro de Angrois ao paso dun tren no quinto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.