0 Gardados para despois

Angrois reclama “verdade, xustiza e reparación” no cuarto aniversario do sinistro

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Vítimas e familiares de falecidos no accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, concentráronse na tarde deste luns na curva na que descarrilou o Alvia ata xusto a hora en que se cumpriron catro anos do sinistro. Alí, antes de que desen esas 20.41 horas, os afectados leron poemas, lembraron os seus falecidos, realizaron unha ofrenda floral e gardaron silencio ao paso doutro Alvia Madrid-Ferrol, como o que nunca superou aquela curva, que hai un tempo que mudou de horario e agora pasa uns minutos antes.

Na mañá deste luns, as vítimas manifestáronse polas rúas de Santiago, entre a estación de tren á que nunca chegou o Alvia sinistrado e a praza do Obradoiro. Aplaudidos pola cidadanía ao seu paso polas rúas comerciais do centro da cidade, os afectados estiveron acompañados por veciños de Angrois que aquel día se botaron ás vías a axudalos e por representantes de En Marea, BNG, Ciudadanos, UPyD e, desta volta, tamén do PSOE, que vén de sumarse á reivindicación dunha comisión de investigación parlamentaria deixando só na súa negativa ao PP.

Feridos e familiares de falecidos manifestáronse entre a estación de tren de Santiago e a praza do Obradoiro apoiados por veciños de Angrois e representantes de todos os partidos agás o PP

Á súa chegada ao Obradoiro, cheo de turistas, algúns dos cales tamén lles amosaron o seu apoio, as vítimas leron un comunicado no que lembran os catro anos que levan “denunciando publicamente as mentiras e ocultacións do Goberno do PP e de algunhas institucións públicas, así como o trato humillante que recibimos da súa parte”. Fronte a elas, salientan que “a UE desmontou a 'verdade oficial' que con Ana Pastor á cabeza, o Goberno quixo facernos crer: que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsable e que o accidente non era de alta velocidade”.

As vítimas salientan que a Audiencia Provincial da Coruña vén de avalar a imputación do daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por unha “actuación deficiente, por incompleta e parcial, na avaliación de riscos” da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Esa imputación, din, “merecería a súa dimisión ou cesamento inmediato do cargo de libre designación que ocupa” en Adif.

Os afectados enumeran as ocasións en que Adif, con Cortabitarte á fronte, debera realizar unha avaliación de riscos segundo a Directiva europea 2004/49: “no cambio do proxecto orixinal que rebaixou a seguridade realizado por José Blanco, cando se desconectou o sistema de control de velocidade ERTMS con Ana Pastor á fronte de Fomento porque xeraba retrasos, e cando o xefe de maquinistas advertiu por escrito do risco da curva en decembro de 2011.

Inicio das manifestación das vítimas, na estación ferroviaria de Santiago / Praza Pública

As vítimas piden ao PP que “non traten de enganarnos, nin de enganarse dicindo que hai un xuízo en marcha” xa que “alí se establecerán as posibles responsabilidades penais, pero en ningún caso de depurarán as políticas”

“Debemos de pór todos os medios para que unha traxedia como esta non volva suceder e para logralo se teñen que depurar todas as responsabilidades: penais, políticas e técnicas”, din as vítimas. E piden, dirixíndose ao PP, que vén de quedarse só no seu rexeitamento a crear unha comisión de investigación política, que “non traten de enganarnos, nin de enganarse dicindo que hai un xuízo en marcha” xa que “alí se establecerán as posibles responsabilidades penais, pero en ningún caso de depurarán as políticas”. Nesa liña, lembran que “ningún responsable político dimitiu e para a nosa humillación algúns foron incluso premiados: o antigo secretario de Estado de Infraestructuras Rafael Catalá, Ministro de Xustiza; o que foi presidente de Renfe, Gómez Pomar, secretario de Estado de Infraestructuras; o ex-ministro José Blanco, agora eurodeputado; Ana Pastor, presidenta do Congreso”.

As vítimas remataron reclamando “ao Estado e ás institucións públicas algo que nos deben a todos”: “unha comisión de investigación parlamentaria” e “unha comisión técnica independente, tal e como sinalou Europa”.

Ofrenda floral ante o cruceiro instalado na curva de Angrois

Vítimas e familiares, chegando a Angrois este 24 de xullo

Inicio da manifestación das vítimas, na estación ferroviaria de Santiago

A marcha das vítimas, na súa chegada ao Obradoiro

Un vehículo de seguridade de Adif supervisando o acto, celebrado fóra dos seus terreos

Un momento do acto celebrado no lugar onde descarrilou o Alvia

Cuarto aniversario do accidente de Angrois

Manifestación das vítimas do Alvia no cuarto aniversario do accidente de Angrois

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.