“A maquinaria do Estado traballou para eximir os neglixentes, chegou a hora de que asuman a súa responsabilidade”

Imaxe do vídeo elaborado polas vítimas de Angrois para o quinto aniversario do accidente Dominio Público Plataforma de vítimas do Alvia

“Durante cinco anos, a maquinaria do Estado traballou para eximir a responsabilidade de quen foron neglixentes”. Así fai balance, na véspera do quinto aniversario do accidente de Angrois, a plataforma de vítimas do sinistro nun manifesto no que salienta que “chegou a hora de que os responsables que ocupaban cargos decisivos dean a cara e asuman a súa responsabilidade, xa que ningún dimitiu nin foi cesado.

A plataforma de vítimas de Angrois reclama responsabilidades políticas de José Blanco e Ana Pastor e que se cese os cargos intermedios implicados no sinistro

As vítimas e familiares do accidente que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos ás portas de Santiago porque non existía ningunha medida de seguridade que evitase ou paliase o despiste que sufriu o maquinista do Alvia emitiron este luns, un día antes do aniversario do sinistro, un manifesto no que reclaman que os cargos de Adif e Renfe implicados no sinistro sexan cesados dos seus postos de libre designación. A plataforma de vítimas tamén reclama responsabilidades políticas dos máximos responsables políticos do Ministerio de Fomento cando se deseñou e inaugurou a liña, e cando se eliminou a seguridade a bordo dos Alvia e se investigou o sinistro, o socialista José Blanco e a popular Ana Pastor.

"En memoria dos que deixaron as súas vidas nas vías e para que non volva ocorrer, esiximos verdade e xustiza"

“Durante o mandato de José Blanco publicitouse a primeira liña de alta velocidade en Galicia asegurando que se incrementaba a seguridade e que tanto a liña como o tren contaban cos sistemas de seguridade que evitarían o accidente”, din do primeiro, mentres que de Ana Pastor salientan que “prometeu, tanto en privado como en sede parlamentaria, unha investigación técnica independente e plena colaboración coa xustiza. Non cumpriu nada. Diferentes autos dos xuíces sinalaron a falta de colaboración coa xustiza e tiveron que pasar catro anos para que Adif e Renfe entregaran documentación clave”.

A plataforma de vítimas lembra que tiveron que ser organismos da Unión Europea os que os axudasen a desmontar a “verdade oficial que con Ana Pastor á cabeza quixeron impoñer” e que ocultaba que en Angrois non se avaliaran os riscos existentes dun accidente previsible como o que ocorreu.

Para divulgar este manifesto e lembrar os falecidos e feridos, as vítimas manifestaranse este martes polas rúas de Santiago reclamando respostas xudiciais e políticas, antes de concentrarse, xa pola tarde, na curva de Angrois, para lembrar os alí falecidos. "En memoria dos que deixaron as súas vidas nas vías e para que non volva ocorrer, esiximos verdade e xustiza", din.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.