Tres lexislaturas, catro ministros e cinco anos despois, as vítimas abren a comisión de investigación de Angrois

Vítimas do accidente de Angrois ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Vítimas Alvia

Os afectados critican os obstáculos políticos de PP e PSOE para poder coñecer todo o que rodeou a morte de 80 persoas máis alá da investigación penal aínda en fase de instrución

A dúas semanas de que se cumpra o quinto aniversario do accidente do tren Alvia na curva de Angrois do 24 de xullo de 2013, no que morreron 80 persoas e 144 quedaron feridas, este martes o presidente da plataforma de vítimas, Jesús Domínguez, será o primeiro en intervir na comisión de investigación política no Congreso, dez meses despois da súa aprobación. A súa, avanza, non será unha intervención vitimista senón documentada, na que exporá as dúbidas existentes, para as que buscan resposta, sobre diversas interferencias políticas antes e despois do accidente.

Para chegar a este punto e ver cumprida a reivindicación dos afectados dunha análise política do ocorrido en Angrois tiveron que pasar tres lexislaturas, con catro ministros á fronte de Fomento. “Non se pode acusar os ex-ministros José Blanco e Ana Pastor de cometer 80 homicidios imprudentes, pero si hai moitas responsabilidades políticas e moitas respostas que teñen que dar no Congreso”, explicaba a este diario Domínguez as razóns da súa reclamación dunha investigación política do sinistro que pescude naquelas cuestións ás que non vai chegar a instrución penal, que en todo caso consideran prioritaria.

O medo de socialistas e populares a que a comisión de investigación salpicase a Blanco e Pastor bloqueou durante catro anos esa petición que as vítimas comezaron a reclamar ao pouco do sinistro

No accidente de Angrois o maquinista do tren, Francisco José Garzón, imputado na causa xudicial, despistouse tras recibir unha chamada do interventor do convoi e non freou a tempo antes da curva de Angrois. Nin nas vías nin no tren había activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase ese previsible erro humano. Nas vías o sistema de control constante da velocidade (ERTMS, o propio do AVE) recortárase en 2010 e a bordo dos Alvia desconectárase en 2012. Por non avaliar correctamente o risco previsible que supuñan esas decisións, tomadas durante os mandatos á fronte de Fomento de Blanco e Pastor, están imputados os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, no mesmo cargo con gobernos socialistas e populares. Con eles e co maquinista están tamén imputados outros tres técnicos da consultora pública Ineco e un máis de Adif subordinado do anterior.

Malia que as propias vítimas asumen que Blanco e Pastor non son responsables directos do sinistro, o medo de socialistas e populares a que a comisión de investigación os salpicase bloqueou durante catro anos esa petición que as vítimas comezaron a reclamar ao pouco do sinistro, no outono de 2013, a medida que comezaban a desvelarse as numerosas deficiencias de seguridade que presentaba a liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente. Non foi ata a volta de Pedro Sánchez á secretaría xeral do PSOE hai un ano que a postura socialista mudou e en setembro se concretou o seu apoio á creación da comisión, que deixou o PP só na súa negativa.

As vítimas critican que PP e PSOE mantivesen en postos de confianza aos cargos de Adif imputados por non avaliar correctamente o risco previsible existente na curva de Angrois

Ata ver a súa reclamación concretada este martes, as vítimas tiveron que contemplar como remataba a X Lexislatura en cuxa metade ocorreu o sinistro e como pasaban a brevísima XI Lexislatura e máis dun ano da XII. Mentres, á fronte de Fomento Ana Pastor, ministra cando o accidente, deixaba o seu posto para ser presidenta do Congreso e asumíao en funcións Rafael Catalá, ao tempo ministro de Xustiza pero que era secretario de Estado de Fomento cando ocorreu o sinistro. Sucederíaos o popular Íñigo de la Serna e agora o socialista José Luis Ábalos. Todos eles, critican as vítimas, mantiveron en postos de confianza os dous directores de seguridade de Adif e Renfe imputados. Durante os mandatos dos tres primeiros, lamentan os afectados, que recibiron desplantes deles, as dúas empresas públicas obstaculizaron en diversas ocasións a investigación xudicial malia que os ministros reiteraban en público promesas de colaboración. Este mesmo luns fontes de Fomento informaron de que o novo ministro recibirá ás vítimas, que lle solicitaran un encontro aos poucos días de chegar ao cargo.

Membros da comisión de investigación do accidente de Angrois no Congreso

As vítimas non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor do tren, reclamados por PP e PSOE, a unha investigación política como a do Congreso

As interferencias políticas na investigación de Angrois chegan mesmo ata esta primeira comparecencia, que se producirá dez meses despois da aprobación da comisión polo Pleno do Congreso. Serán medio cento de persoas as que pasarán polo Congreso ao longo dos próximos meses -non estará Feijóo, malia que as vítimas querían que explicase varias decisións polémicas que tomou tras o sinistro-, e a plataforma de vítimas quería ser a última en intervir para así poder refutar con datos e documentos as falsidades que vertesen antes o resto de comparecentes. Porén, PP e PSOE volveron poñerse de acordo para situar ás vítimas de primeiras e que a última palabra a teñan os ex-ministros Blanco, que leva meses amosando a súa disposición a declarar, e Pastor, previsiblemente xa durante o próximo outono. Do mesmo xeito, citaron a comparecer ao maquinista do tren (farao este mércores), en quen os dous partidos maioritarios seguen a colocar o foco de todo o caso, e o interventor que realizou a chamada que o despistou. As vítimas non entenden que poden achegar o maquinista e o interventor a unha investigación política como a do Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.