0 Gardados para despois

Ana Pastor recibirá a plataforma de vítimas de Angrois case dous anos despois de darlles "plantón"

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O 19 de xullo de 2016 a plataforma de vítimas do accidente de Angrois tiña prevista unha reunión con Ana Pastor, ministra de Fomento cando ocorrera o accidente tres anos antes. Porén, aquel mesmo día Pastor deixou o cargo para asumir a presidencia do Congreso dos Deputados sen que ninguén avisase as vítimas de que xa non as recibiría. Cando chegaron ao encontro atopáronse co “plantón”, como definiron a súa ausencia. Pola contra, fontes próximas a Pastor argumentaron que nese momento xa non podía recibilos como ministra, que fora como se concretara o encontro. Agora, case dous anos despois, o gabinete da presidenta do Congreso vén de comunicarlle ao presidente da plataforma de vítimas que Pastor recibiraos este mesmo xoves pola tarde.

Os afectados, que reclaman que se constitúa xa a comisión de investigación política creada no Congreso hai xa medio ano, veñen de recibir o anuncio de que serán atendidos pola agora presidenta da Cámara

As vítimas reclamaban no seu momento un encontro con Pastor como ministra para informala das diversas irregularidades detectadas no funcionamento do seu ministerio  durante a investigación xudicial do accidente así como para reclamarlle unha nova investigación técnica do sinistro despois de que a Axencia Ferroviaria Europea ratificase que a xa realizada por Fomento, na que se centrou só en analizar a responsabilidade do maquinista do Alvia, non foi correcta. No seu momento, Pastor comprometérase a non descansar para que se coñecese toda a verdade sobre o accidente. Porén, Adif e Renfe, empresas públicas dependentes de Fomento, foron apercibidas polo xuíz instrutor da causa xudicial por non facilitar as investigacións.

Agora, como presidenta do Congreso, as vítimas queren transmitirlle igualmente esas consideracións anteriores e pedirlle que a Cámara poña xa a funcionar a comisión de investigación política aprobada a finais de setembro, hai xa medio ano, e sobre cuxa presidencia aínda non se puxeron de acordo os grupos parlamentarios. Na carta coa que en febreiro volveron pedir a reunión que agora lles concede, as vítimas pedíanlle que “non engada máis dor e sufrimento” coa súa pasividade.

Vítimas de Angrois citadas con Pastor abandonan Fomento ao non acudir a xa ex-ministra

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.