0 Gardados para despois

Vítimas de Angrois piden a Ana Pastor que non “engada máis dor” e desbloquee a investigación aprobada hai catro meses

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Despois de catro anos reclamándoa sen éxito, o pasado setembro a Plataforma de Vítimas de Angrois logrou que o Congreso dos deputados aprobase a creación dunha comisión de investigación política sobre o sinistro. Porén, máis de catro meses despois esa comisión aínda non se constituíu por diferenzas entre os partidos sobre quen a debe presidir, polo que este luns as vítimas veñen de entregar na Cámara Baixa varias cartas dirixidas a todos o membros da súa Mesa, incluída a súa presidenta, Ana Pastor, pedíndolles que a desbloqueen. A Pastor, ministra de Fomento cando o 24 de xullo de 2013 ocorreu o sinistro no que morreron 80 persoas, as vítimas solicítanlle tamén unha reunión despois de que hai ano e medio, xusto o día en que deixou o ministerio para asumir a presidencia do Congreso, non acudise a un encontro que concertaran sen que ninguén os avisase da súa ausencia.

Os afectados volven solicitarlle unha reunión, agora como presidenta da Cámara, despois de darlles plantón o mesmo día en que deixou o Ministerio de Fomento hai ano e medio

Na carta remitida a Pastor as vítimas lembran que outras comisións creadas nesta mesma lexislatura foron constituídas na metade de tempo que leva a do sinistro de Angrois sen selo. Os afectados lémbranlle á ex-ministra a súa propia comparecencia no Congreso dúas semanas despois do sinistro, na que asegurou que non descansaría ata coñecer a verdade do mesmo. Tamén lle botan en cara que no seu momento garantise a colaboración coa xustiza de todos os departamentos de Fomento pero que neste tempo xa fosen varios os apercibimentos do xulgado por non facelo.

“Non engada máis dor e sufrimento a todos os que estamos esperando que cumpra co seu deber, a súa obriga e as súas esperanzadoras palabras”, dinlle as vítimas a Ana Pastor

Na carta as vítimas pídenlle a Pastor unha reunión para “pór á súa disposición determinada información sensible e relevante para que a poña en mans do xuíz ou de quen considere oportuno”. As vítimas xa concertaran unha reunión con Pastor o 19 de xullo de 2016, xusto o día en que esta deixou o Ministerio de Fomento para asumir a presidencia do Congreso. Representantes das vítimas acudiron igualmente ao ministerio sen que ninguén os avisase previamente de que Pastor non asistiría, o que consideraron un plantón da política e unha nova proba do seu desprezo malia as súas reiteradas declaracións públicas. “Non engada máis dor e sufrimento a todos os que estamos esperando que cumpra co seu deber, a súa obriga e as súas esperanzadoras palabras”, remata  agora a carta dirixida a Pastor.

Xunto con esa carta a Pastor, as vítimas entregaron no Congreso misivas dirixidas ao resto de membros da Mesa da Cámara instándoos igualmente a axilizar a constitución da comisión de investigación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.