Renfe rexeita as críticas de vítimas de Angrois polo seu maltrato tras o accidente

Carmen Jiménez Berrocal, directora da oficina de atención ás vítimas de Renfe Dominio Público Congreso dos Deputados

A directora da oficina de atención aos afectados da empresa di que nunca lle pediron explicacións polo sinistro e que “en todo momento a vontade foi axudar e apoiar”

Tras as comparecencias iniciais este martes de varias vítimas de Angrois, e antes da intervención na tarde deste mércores do maquinista do Alvia, compareceu no Congreso a directora da oficina de atención a vítimas de Renfe, Carmen Jiménez Berrocal. Nas súas comparecencias previas varias vítimas amosáranse críticas coa atención sanitaria ou psicolóxica posterior ao accidente recibida por parte da empresa, nula segundo algún caso, mentres que outras eloxiaron o trato recibido.

Cinco anos despois todos os afectados dos que ten coñecemento Renfe están de alta médica pero catro seguen recibindo atención psicolóxica e unha rehabilitación

Jiménez Berrocal dixo non ter explicación para as críticas recibidas pola súa oficina e asegurou que ela mesma realizou máis de mil chamadas telefónicas aos afectados e atendeu centos de correos electrónicos. Segundo dixo, a súa oficina “contactou coa maioría deles”, excepto con oito que tiñan “números erróneos ou eran residentes no estranxeiro”. A directora da oficina centrouse en detallar esas axudas sanitarias, psicolóxicas ou con trámites administrativos. Segundo dixo, cinco anos despois todos os afectados dos que ten coñecemento Renfe están de alta médica pero catro seguen recibindo atención psicolóxica e unha rehabilitación.

A preguntas dos grupos parlamentarios, a directora sinalou que a oficina creouse de xeito oficial cinco días despois do sinistro e que nestes anos tras o accidente de Angrois a súa oficina mellorou o seu funcionamento e está preparada para facer un traballo aínda mellor.

Á marxe desas cuestións sobre a atención directa ás vítimas, a plataforma de afectados critica que Renfe non colaborou coa investigación xudicial do caso e entorpeceu en varias ocasións, mesmo con apercibimentos do xuíz, as pescudas do instrutor. Igualmente, a plataforma critica que Renfe nunca lles deu explicacións directas sobre as causas do sinistro. Na comparecencia deste mércores Jiménez Berrocal, a preguntas da deputada de En Marea Alexandra Fernández, dixo que a ela ningunha vítima lle pediu nunca explicacións desas cuestións e que descoñece quen debera ser o responsable de dalas.

O PP e a responsable de Renfe esforzáronse en evidenciar a “preocupación constante” da ex-ministra Ana Pastor, con cuxa actuación é moi crítica a plataforma de vítimas

Pola súa banda o deputado do PP Celso Delgado centrouse en eloxiar o “enorme esforzo” que fixo Renfe e tamén a Xunta para atender as vítimas tras o sinistro, obviando referirse ás eivas detectadas nese dispositivo. “Mellorable, como todo na vida, pero nada de desatención”, limitouse a valorar. Entre Delgado e Jiménez esforzáronse tamén en evidenciar a “preocupación constante” da ex-ministra Ana Pastor polas vítimas. Pola conta, a plataforma que as agrupa veñen amosándose críticas con ela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.