“Polo seu coñecemento e actitude ética, as vítimas de Angrois non son manipulables por ninguén”

Odón Elorza intervén nunha comisión no Congreso Dominio Público odonelorza.com

Odón Elorza naceu en 1955 en Donostia e foi o alcalde dá cidade entre 1991 e 2011, cando entrou como deputado do PSOE no Congreso. Durante os anos de chumbo de ETA significouse na defensa das vítimas do terrorismo e hai un par de anos pasou a defender outra reivindicación doutras vítimas, as do accidente do Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos e 144 feridos na curva de Angrois, ás portas de Santiago. Elorza, contra o criterio que viña mantendo ou seu partido, reclamou a creación no Congreso da comisión de investigación dás responsabilidades políticas do sinistro que agora vén de empezar a funcionar.

“Estou interesado en todo tipo de accidentes e quedei con mal corpo cando o meu grupo votou en contra da comisión e insistín porque non lle vía xustificación, non o fixen por pasar factura a ninguén”

Cando xa pasaran tres anos do accidente, vostede converteuse de súpeto no principal valedor das vítimas no seu partido mentres este se negaba aínda a apoiar a investigación política. De onde sae o seu interese polo accidente de Angrois?

Seguín no seu momento os casos de distintos accidentes, aéreos neste caso. De aí chámame a atención e creo que é de interese ter un coñecemento e facer un seguimento de todo tipo de accidentes que ocorren en España e que provocan vítimas. Refírome tamén a cuestións de seguridade viaria, por exemplo, na que teño certa especialización. Derivado dese interese sobre ese tipo de situacións, quedei con mal corpo cando o grupo parlamentario socialista, do que formaba e formo parte, votou en contra a primeira vez que se expuxo a cuestión, en vésperas da disolución do Congreso tras a primeira lexislatura de Rajoy. Quedei con mal corpo cando nós votamos que non á creación dunha comisión de investigación. Eu entendía que había motivos sobrados para creala. Máis aló de en que termos fose exposta. Quedei con mal corpo e a partir dese momento insistín moito máis no interior do grupo socialista na conveniencia de reconsiderar a nosa posición porque eu non lle vía xustificación.

Non hai detrás un interese por salpicar a anteriores direccións do PSOE?

Non, para nada. Era sentido de responsabilidade. Que o Congreso dos Deputados, ante un caso desta envergadura, no que parece que houbese algúns erros no deseño, na posta en servizo, na non adopción de todas as medidas posibles de seguridade... En fin, ante esas situacións o Congreso debese abordar unha comisión de investigación máis que un estudo de carácter xenérico, que si que se fixo. Lémbrome que foi un traballo de envergadura pero que non se centraba neste caso. Pero non, eu sempre estiven á marxe destas guerras internas. De feito non pertenzo a ningún sector, entre comiñas, nin teño nada que ver coa situación que puidese haber en Galicia, nin me moveu para nada o pasar factura a ninguén. Ao contrario, era unha posición ética. Mesmo, cando expoño estas cuestións aínda non tomara partido nin sequera por Pedro Sánchez, aínda non se producira a ruptura interna no PSOE.

“Non me parece necesario nin prudente opinar sobre como afecta o caso a José Blanco; el acudirá para dar testemuño do que saiba”

Como pensa que afecta o caso a José Blanco, que era ministro cando se deseñou e inaugurou o AVE Ourense-Santiago?

Non me parece para nada nin necesario nin prudente dar ningunha opinión. Simplemente podo dicir que será, seguro, citado e convocado e el acudirá, cónstame porque o dixo publicamente, para dar testemuño do que el saiba e para responder as preguntas de todo tipo que lle formulen os grupos. Pero o mesmo que el terán que pasar directivos de Fomento, de Adif, técnicos, empresas que participaron na redacción do proxecto, empresas supervisoras, etc. Eu son un elo mínimo. Trátase de facer unha comisión exemplar. Primeiro porque non parta de apriorismos, segundo porque non pretenda en ningún momento competir coa función que desenvolve a investigación xudicial, e en terceiro lugar que se centre nunhas conclusións que poidan ser útiles para que o acontecido non se volva producir. E todo iso con moito dinamismo, axilidade e interese. Eu estou convencido de que temos un bo presidente para que iso se cumpra.

“É evidente que non se pode acusar a Blanco e Pastor das 80 mortes”

O presidente da plataforma de vítimas declaraba hai uns meses nunha entrevista con este diario que non se pode acusar a Blanco e Ana Pastor, ministra cando ocorreu o accidente, de 80 mortes, pero que os dous teñen que dar explicacións políticas. Que lle parece?

É evidente que non se lles pode acusar das 80 mortes e os feridos. Eles darán, estou convencido, explicacións do que poidan saber, das decisións que poidan tomar e sobre todo de preguntas que neste momento non se coñecen e que poidan tentar aclarar desde o punto de vista administrativo, dalgúns procedementos, dalgunhas informacións que se produciron, tentar aclarar ao máximo a realidade dos feitos e se se puideron tomar medidas neses procedementos para que o accidente puidese evitarse.

Manipula o PSOE ou outros partidos ás vítimas, como acusou o PP?

En absoluto. Polo que sei, polos contactos que tiven coas vítimas, que todos os grupos parlamentarios tivemos, e que o que non os tivo é porque seguramente non quixo ou non os tivo demasiado en conta, non houbo ningunha manipulación. O que houbo é unha maior ou menor fluidez de contacto para coñecer os seus puntos de vista. En absoluto. É máis, cónstame que polo nivel de coñecemento do tema, pola preparación, que teñen os compoñentes da dirección desa asociación de vítimas, polo seu nivel intelectual e mesmo diría pola súa actitude ética ante o sucedido, non son persoas manipulables en ningún sentido por parte de ninguén.

“Non é o mesmo o político que está na cúspide dun ministerio que moitas veces non é consciente de decisións que se toman por outros políticos de nivel inferior sobre técnicos cualificados de grande responsabilidade”

A causa xudicial está a poñer o foco na responsabilidade dos directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, por non habilitar medidas de seguridade que evitasen ou paliasen o erro humano previsible que cometeu o maquinista do tren ao non frear a tempo antes da curva de Angrois. Os dous foron mantidos en cargos de libre designación e de máxima responsabilidade por PSOE e PP. Ata onde chega a responsabilidade de supervisión dun político sobre ese tipo de postos? Vostede foi alcalde durante 20 anos.

Pregunta complexísima. Non son magnitudes nin parámetros comparables os dunha cidade e os dunha rede ferroviaria extensa con sistemas innovadores de gran complexidade como é un tren de alta velocidade. Habería ámbitos e niveis de decisión nos que os políticos, porque aquí tamén hai políticos a distinto nivel que teñen os seus cometidos, non é o mesmo o que está na cúspide dun ministerio que moitas veces non é consciente de decisións que se toman por outras autoridades políticas de nivel inferior sobre técnicos cualificados de grande responsabilidade. É unha pregunta moi complexa que non me atrevo a responder. Atreveríame a respondelo en casos concretos que tivemos en San Sebastián, que tivemos accidentes evidentemente ao longo de 20 anos.

Hai risco de que a investigación política interfira na causa xudicial?

Ata o punto de interferir non. A causa xudicial leva o seu ritmo, ten a súa vía de actuación ben clara e o noso non deixa de ser unha actuación complementaria en campos moi precisos. E como entendo, e esa paréceme unha clave, que o presidente e o conxunto da Mesa, ten a idea moi clara de cal ten que ser a función desa comisión, espero que non, que non haxa nin interferencias nin nada polo estilo. E que cheguemos a unhas conclusións que sirvan, centradas en procedementos seguidos e informacións publicadas. Eu teño unha certa idea de por onde ten que ir a comisión. Fai xa algo así como nove meses que me atrevín a formular 80 preguntas, unha por cada vítima, que me parece que merecían algunha resposta por parte desta comisión mesmo antes de que se crease. Evitando que fosen preguntas propias da causa xudicial. Téñoas aí gardadas para reelaboralas.

O deputado socialista Odón Elorza Dominio Público odonelorza.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.