O presidente obvia no seu discurso de entrega das Medallas de Galicia o accidente de Angrois, o motivo aducido hai cinco anos, malia o rexeitamento das vítimas, para adiantar esa única celebración institucional
Desde a chegada de Feijóo á presidencia do Goberno galego a entrega das Medallas de Galicia veuse convertendo no único acto oficial organizado pola Xunta co gallo do Día Nacional de Galicia. Un acto que ademais, desde hai cinco anos, nin sequera se celebra o 25 de xullo senón que foi adiantado ao 24 aducindo unha suposta homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois ocorrido nesa xornada, recoñecemento que a plataforma de afectados rexeita.
Este mércores día 24 Feijóo converteu esa única celebración oficial do Día Nacional, xa sen ningunha referencia no seu discurso ao accidente que motivara o seu adianto, nunha homenaxe ao “noroeste español”, coa entrega dos galardóns aos ex-presidentes de Asturias e Castela e León Javier Fernández e Juan Vicente Herrera.
Feijóo presentou a propia entrega das medallas aos presidentes autonómicos cos que máis coindiciu nos últimos anos como "un oasis no medio do deserto político que levamos transitado hai xa demasiados anos en España”
Na súa estratexia dos últimos anos de intentar liderar alianzas de varias comunidades autónomas para reclamar diversas cuestións ante Madrid, Feijóo optou este ano por entregar as Medallas de Galicia aos xa ex-presidentes cos que máis coincidiu nos últimos tempos. Feijóo presentounos, identificándose con eles, como políticos de Estado afastados do conflito permanente no que fixo ver que está instalada España. O presidente chegou a dicir que a propia entrega das medallas deste ano supón “un oasis no medio do deserto político que levamos transitado hai xa demasiados anos en España”.
Ese “oasis” da política estatal é o único acto oficial da Xunta polo “día grande de Galicia”, segundo a expresión de Feijóo, que eludiu a oficial de “Día Nacional de Galicia” establecida en 1979 no Diario Oficial de Galicia. Un acto que tradicionalmente sempre se celebrou o propio día 25 pero que tras o accidente de Angrois ocorrido o 24 de xullo de 2013, en 2014 o Goberno galego decidiu adiantar a esa xornada previa.
Fíxoo, argumentou, como homenaxe ás vítimas do sinistro, ás que entregou ese ano as medallas, xunto cos veciños de Angrois e os servizos de emerxencias. Porén, a plataforma de vítimas, que rexeitou aqueles galardóns, vén criticando o que considera un intento de tapar con actos institucionais as reclamacións de xustiza e actos de lembranza dos falecidos que celebran nesa mesma data.
Ata este ano todos os discursos do presidente nesas entregas das medallas do día 24 viñan incluíndo unha mención expresa ao accidente de Angrois ou ás vítimas, pero este ano nada hai nese discurso ao respecto do motivo que fixo que a Xunta xa non celebre nin un só acto oficial o Día Nacional de Galicia.