Cinco anos coa Xunta ausente no Día Nacional e dez co autogoberno conxelado

Interior do templo de San Domingos de Bonaval © Santiago Turismo

O 25 de xullo de 2012 a Xunta entregou a Medalla de Ouro de Galicia ás familias de tres axentes de policía falecidos nun rescate na Coruña, á Real Academia de Medicina e Cirurxía e mais ao grupo Milladoiro. Aquel acto, que o presidente Feijóo empregou para se gabar de que o seu Goberno estaba a recortar menos ca outros, foi o último que, ata o momento, a Xunta celebrou durante o Día Nacional de Galicia. Ao ano seguinte, en 2013, a entrega das Medallas prevista para o 25 de xullo ficou suspendida por mor do accidente de Angrois. En 2014, no que esta condecoración estivo centrada no accidente malia á oposición das vítimas, o Executivo trasladou o evento ao día 24 e nesa xornada o mantivo ata agora, tamén neste 2018.

Así foi como na última media década desapareceu o único acto institucional da Xunta durante o Día Nacional. A entrega das Medallas, aínda que con limitada transcendencia pública por adoitar situarse na tarde do día 25, fixo as veces de celebración oficial na primeira lexislatura de Feijóo, como xa o fixera nos tempos de Fraga e tamén no mandato da coalición de PSdeG e BNG, que ademais instituira o acto d'A Véspera, unha recepción o día 24 a diferentes colectivos cidadáns na agora apenas utilizada residencia oficial de Monte Pío, onde se izaba a bandeira galega para a ocasión. 

A entrega das Medallas de Galicia facía as veces de celebración oficial do Día Nacional ata que o actual Goberno deu en trasladalo ao día 24 tras o accidente de Angrois

A entrega das Medallas no día 24 e unha discreta campaña publicitaria que volve obviar o nome oficial da conmemoración volveron ser neste 2018, daquela, as solitarias accións do Goberno galego co gallo dun Día Nacional no que, cando menos, ten anualmente un recurso á súa disposición que nunca utilizou. Cando, no ano 2010, a Igrexa católica recuperou a titularidade do convento compostelán de San Domingos de Bonaval -fóralle retirada na desamortización de 1835-, que alberga o Panteón de Galegos Ilustres, a Xunta asinou un acordo co Arcebispado de Santiago que lle permite celebrar "determinados actos" no recinto cinco días ao ano. "Unha das datas nas que se reservará expresamente para a súa posible utilización para a celebración de actos institucionais será o 25 de xullo, día de Galicia", dicía un precepto daquel acordo, ata agora nunca utilizado.

O acto chamado 'A Véspera', en tempos do bipartito, foi o máis semellante á instauración dunha celebración institucional do Día Nacional alén das Medallas dende os tempos da preautonomía

Os devanditos actos d'A Véspera seguen a ser, daquela, o máis semellante á instauración de actos da Xunta polo Día Nacional alén das Medallas dende que o presidente da Xunta preautonómica Antonio Rosón procurase, con escaso éxito, a organización dun acto cívico de contido autonomista polo 25 de xullo. Deste xeito, neste 2018 a presenza pública das principais autoridades galegas limitaranse á ofrenda relixiosa ao Apóstolo na Catedral de Santiago, que presenta o presidente do Parlamento no nome do rei, e mais á tradicional misa en lembranza de Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval. Ambos actos son organizados por institucións e entidades distintas da Xunta.

Dez anos de conxelación do autogoberno

A media década de ausencia do Goberno galego na propia xornada do Día Nacional de Galicia cadra con outro simbólico aniversario para autogoberno do país, o décimo das ata agora últimas transferencias de competencias dende o Executivo central. Foi o en xullo de 2008 cando os correspondentes ministerios do gabinete que presidía José Luis Rodríguez Zapatero fixeron efectivos os acordos para traspasar o antigo Hospital Básico da Defensa, en Ferrol, e mais o Parque das Illas Atlánticas, ademais de competencias en materia de asociacionismo e convalidacións de títulos en ensinanzas non universitarias.

Aínda que tras a súa vitoria en 2009 Feijóo asegurou que continuaría a impulsar o autogoberno baseándose no paquete de ata 70 competencias pactadas por todas as forzas parlamentarias, o certo é que ningún deses procesos avanzou. Naquel conxunto de reclamacións incluíase a autoestrada AP-9, cuxo traspaso o Goberno de Rajoy bloqueou no Congreso dos Deputados ata en tres ocasións en apenas ano e medio. O actual Goberno de España, do PSOE, di ter a "porta aberta" a este traspaso, sen polo momento concretar máis.

Entrega das Medallas de Galicia o 25 de xullo de 2012 Dominio Público Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.