0 Gardados para despois

35 anos de 'Día Nacional de Galicia'

Redacción | @prazapublica

O 1 de xaneiro de 1979 o DOG publicou o decreto polo que se declara Día Nacional de Galicia o 25 de xullo de cada ano, unha disposición que aínda se mantén. Uns meses antes, no verán de 1978, hai 35 anos, empregábase por vez primeira esta denominación de forma oficial. O primeiro presidente da Xunta preautonómica, Antonio Rosón, designara o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia e a Xunta organizou un acto no Obradoiro, apoiado por UCD e por todas as forzas de esquerda, dende o PSOE até o PCG, pasando polo PTG ou o POG, e os sindicatos CCOO, UGT e CSUT, mais non polos restantes partidos nacionalistas: BNPG, PSG e PGP nin por AP. A importancia histórica desta convocatoria, a primeira realizada dende un organismo de autogoberno, quedou diluída polo seu relativo fracaso: a pasar da convocatoria unitaria, só se reuniron no Obradoiro entre 10 e 15 mil persoas, por debaixo dos convocados polo BNPG na anexa Praza da Quintana, uns 30 mil. PSG e PGP celebraron un acto conxunto no Teatro Principal. Ademais, os sectores máis conservadores e centralistas de UCD sempre observaran con desconfianza estas demostracións galeguistas do presidente da Xunta, que foi substituído uns meses despois polo máis controlable José Quiroga. Pero Rosón aínda tivo tempo de oficializar a denominación.

A importancia histórica desta convocatoria, a primeira realizada dende un organismo de autogoberno, quedou diluída polo seu relativo fracaso: a pasar da convocatoria unitaria, só se reuniron no Obradoiro entre 10 e 15 mil persoas

Ao día seguinte en El Ideal Gallego Xosé Antón Gaciño concluía que o 25 de xullo “las fuerzas autonomistas sufrieron un desencanto rotundo (...) Por contra las fuerzas nacional-populares han salido fortalecidas en su moral”. E de igual xeito o 27 de xullo, Luís Álvarez Pousa afirmaba na crónica política que publicaba en La Voz de Galicia que “lo quieran o no, tendrán que reconocer que fracasaron”, pero o xornalista indicaba que “no se puede hablar así, sin más, del triunfo de los nacionalistas (...) Los nacionalistas no pueden triunfar en un Día da Patria Galega mientras no consigan un llamamiento unitario a un pueblo”. A arriscada aposta de Rosón para facer confluír o galeguismo político e a acción da Xunta, a imitación do que facían neses momentos a Generalitat ou o Goberno vasco, subministrou artillería a todos aqueles que dende dentro de UCD buscaban a súa caída. E máis unha vez foron as forzas da esquerda, nomeadamente PSOE, PCG, PTG e PGSD, as que apoiaron publicamente o presidente.

 

Os 25 de xullo na Transición: saíndo da clandestinidade

En 1976 a ANPG organizou unha manifestación polas rúas de Compostela, unha marcha non autorizada, por suposto, e que se moveu con rapidez por toda a zona vella, fuxindo do control policial

As orixes da celebración do 25 de xullo atopámolas en 1919, cando se reuniu en Compostela a Asemblea das Irmandades da Fala, que acordou celebrar o Día Nacional de Galicia o 25 de xullo do ano seguinte. Dende entón, foron facéndose habituais as concentracións nacionalistas en Compostela e tamén naceu, xa co Partido Galeguista no anos trinta, a tradición de centrar na Praza da Quintana os discursos políticos e arengas. A ditadura impuxo a paralización destas convocatorias políticas, e apenas se permitiu a celebración das misas en honor de Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval. En 1968 o Día da Patria volveuse celebrar de novo, cunha manifestación na Alameda de Compostela na que participaron o Partido Socialista Galego e a Unión do Povo Galego.

Franco morreu en novembro de 1975, pero a democracia aínda tardaría en chegar. En 1976 a ANPG organizou unha manifestación polas rúas de Compostela, unha marcha non autorizada, por suposto, e que se moveu con rapidez por toda a zona vella, fuxindo do control policial, dedobrado pola presenta dos reis Juan Carlos e Sofía na praza do Obradoiro. Ao día seguinte a prensa falaba dun cento de detencións e El País escribía que “la policía persiguió a los manifestantes, en la rúa do Villar, pistola en mano”. 

O 25 de xullo de 1977 tivo lugar o primeiro Día da Patria celebrado en liberdade en 42 anos

O 25 de xullo de 1977 tivo lugar o primeiro Día da Patria celebrado en liberdade en 42 anos e xa o 24 El Ideal Gallego titulaba a tres columnas na súa portada: “Clima de efervescencia política ante el 25 de julio”. O xornal coruñés, caracterizado polo seu galeguismo nestes anos, publicaba un editorial na súa portada no que destacaba :

“Se celebra mañana el Día da Patria Galega en unas nuevas circunstancias. Han pasado unas elecciones y los parlamentarios elegidos se disponen a abordar el tema de la autonomía de Galicia (...) Paralelamente, diferentes fuerzas políticas han organizado en Santiago diversos actos públicos, uno de los cuales no ha sido autorizado por el Gobierno Civil, en un gesto que enturbia lo que podría ser un día de expresiones diversas, en un ambiente democrático, en torno a una idea fundamental: la de rescatar para Galicia sus señas de identidad, la de exponer un proyecto de futuro que, con distintos matices, coincide en que Galicia debe disponer por sí misma de sus propios recursos y de su propio destino colectivo"

Este 25 de xullo celebráronse dous grandes actos políticos. Un organizado por ANPG e BNPG, que foi disolta pola policía na súa chegada ao Obradoiro, e que reuniu unhas dez mil persoas, e outro na Carballeira de San Lourenzo, na que PSG, PTG, MCG, LCR e outras forzas de esquerda xuntaron unhas cinco mil. En El País Perfecto Conde escribía que “La ciudad tuvo así un día de efervescencia nacionalista que no se recuerda desde 1935, en que se celebró el último día de Galicia en libertad”. E El Ideal Gallego destacaba nun editorial que “El Día da Patria Galega (...) sirvió para plantearse una reflexión colectiva en torno a la personalidad específica de Galicia y a las formas de estructurar su autogobierno. Y esa reflexión es tanto más importante cuanto que entramos en una nueva etapa política, en la que por primera vez en muchos años el tema de las nacionalidades y regiones va a ser abordado con interés”.

 

Control policial e prohibición

En 1979 non houbo acto oficial para celebrar o Día Nacional de Galicia. José Quiroga descartara a posibilidade que a Xunta organizase algún acto público para conmemorar a data, como fixera o ano anterior, e atacara ao BNPG

En 1979 non houbo acto oficial para celebrar o Día Nacional de Galicia. José Quiroga descartara a posibilidade que a Xunta organizase algún acto público para conmemorar a data, como fixera o ano anterior, e atacara ao BNPG dicindo que “ese día es posible que jueguen esas personas que se creen representantes del pueblo gallego, pero que non tienen otro título que lo que les proporciona su propia autodefinición”. O acto máis masivo foi unha vez máis o dos nacional-populares, que congregaron entre doce e corenta mil manifestantes, segundo as fontes.

La Voz de Galicia (toda a prensa galega, en xeral) mantiña unha postura editorial moi crítica co BNPG. O día 19 de xullo, o xornal coruñés publicou unha información titulada “El BNPG, la violencia y los incendios forestales”, no que afirmaba que tres dirixentes do partido se persoaran na redacción “pretendiendo con insultos y amenazas (...) coartar la liberdad informativa de este periódico”. O xornal engadía que “el BNPG nos hizo llegar una nota sobre el mismo asunto, texto que nos negamos a publicar, para no ser portavoces, ni ahora ni en el futuro, de quienes pretenden mantener ignorante a la opinión pública (...) Desde sus ínfimas minorías pretenden alzarse con el monopolio de lo gallego y de lo popular”, ao tempo que cualificaba aos simpatizantes do partido de “aspirantes a dictadores”.

Os Día da Patria de 1980 e 1981 ían desenvolverse de xeito moi distinto a como o fixera nos tres anos anteriores. No medio quedou tamén un intento de golpe de estado fracasado, pero que cubriu de medo a política española

Os Día da Patria de 1980 e 1981 ían desenvolverse de xeito moi distinto a como o fixera nos tres anos anteriores. No medio quedou un posíbel fracaso dun Estatuto recortado en Madrid por UCD e PSOE e unha masiva mobilización popular en contra do aldraxe. No medio quedou tamén un intento de golpe de estado fracasado, pero que cubriu de medo a política española e conseguiu deste xeito varios dos seus obxectivos: o 23-F naceu a inconstitucional LOHAPA e serviu de arma de coacción.. O 24 de xullo de 1980 El Ideal Gallego (xa cunha liña editorial moi distinta) abría a súa portada titulando “Prohibidas las manifestaciones en la zona monumental” e cualificando o feito de “Medida razonable” nun editorial publicado na mesma portada no que afirmaba que “la festividad de Santiago Apóstol, antes que una cita de carácter político, es una celebración con raíz religiosa (...) Los partidos políticos, que van a tener su espacio en Compostela el día 25, deben demostrar que para ellos algo más que una palabra vana y que respetan los derechos ajenos al menos tanto como los propios”.

Mesmo así, preto de 25.000 persoas participaron nas tres manifestacións convocadas, nunha "xornada que se desenvolveu nunha atmósfera tensa e chea de nerviosismo”, segundo recolleu a prensa, pero sen incidentes de gravidade. O control policial foi moi intenso e houbo varias cargas policiais. En El País Perfecto Conde comentaba que “Nunca había habido un 25 de julio en Galicia tan estrictamente controlado por efectivos policiales, muchos de los cuales llegaron expresamente desde Valladolid, hasta el punto de que el recinto urbano monumental- apareció ocupado totalmente por los antidisturbios”.

En 1981, o panorama foi moi semellante. Xa o 23 de xullo El Ideal Gallego titulaba “A pesar del carácter religioso y festivo del día 25 la manifestación del Bloque-PSG pretende llegar hasta el Obradoiro”. E o xornal salientaba nos subtítulos: “La mayoría de los habitantes del pueblo de Santiago no desea que se celebren manifestaciones ante la catedral en un día tan señalado, opina el alcalde en funciones”. Entre dez e quince mil persoas participaron na manifestación de BNPG e PSG, e producíronse varias detencións.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.