Feijóo gábase de recortar menos ca outras autonomías ao entregar as Medallas de Galicia

Foto de familia cos galardoados © Xoán Crespo

É o único acto oficial que o Goberno galego celebra no Día Nacional de Galicia e a súa relevancia informativa adoita ser escasa. A entrega das Medallas de Galicia, o máximo galardón da autonomía que Manuel Fraga multiplicou exponencialmente -chegou a entregar 34 nun só ano- e que o bipartito simplificou co obxectivo de darlle máis valor, adoita ser un acto ritual con discursos da mesma natureza no que os titulares, se os houber, xorden as máis das veces das intervencións das persoas galardoadas. Sucedeu, por exemplo, na súa edición de 2011, cando a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez, e o científico Ángel Carracedo recibiron as medallas entre reivindicacións a prol do galego e do investimento en ciencia. Desta volta os nomes dos galardoados non deixaban moito espazo, a priori, a un episodio desas características e así foi case totalmente -só o músico Xosé Ferreirós, en representación do grupo Milladoiro, apelou a "non esquecer o apoio á cultura-, se ben as turbulencias financeiras e os recortes tamén tiveron o seu espazo. Pero pola banda do presidente da Xunta.

Despois de que, ademais de Ferreirós, recollesen os seus galardóns o presidente da Real Academia de Medicina, José Carro, e a viúva, a nai e a irmá dos tres axentes de policía falecidos o pasado xaneiro nun rescate na praia coruñesa do Orzán, Alberto Núñez Feijóo tomou a palabra advertindo de que "non seríamos fieis ao espírito que inspira" a "conmemoración" do Día Nacional de Galicia -denominación oficial ausente do acto- "se fixésemos abstracción dos problemas" que lle afectan ao país. "Galicia non é unha terra illada" e, polo tanto, non é "inmune" ao que acontece, porque, razoa, non en van é "grande exemplo dunha comunidade que sae do seu letargo sen rupturas internas e sen caer na tentación do ensimismamento empobrecedor". Xunto a este argumento, xa reiterado polo presidente en diversas ocasións, Feijóo botou man doutro que tampouco é novidoso pola súa banda, aínda que si o é no marco dun acto solemne como esta entrega de medallas: a xustificación dos recortes do seu Executivo e a comparación con outras autonomías.

Feijóo coida que Galicia "é das que se adiantan" e por iso o seu Goberno aplica "terapias máis suaves" que os doutras autonomías

"O autogoberno significa tomar decisións" e, polo tanto, "non seríamos merecentes do legado de todos os que soñaron cada 25 de xullo unha Galicia dona de si" se "hoxe adoptásemos unha actitude resignada", argumenta. Neste contexto, a "liberdade recobrada co noso Estatuto está servindo para que Galicia marque o seu propio camiño", explica, e, malia estaren gobernadas na súa práctica totalidade por presidentes e presidentas do seu mesmo partido, aposta por ollar por riba do ombreiro económico a outras comunidades. Galicia ou, ou que é o mesmo neste caso, a Xunta, é "das que se adiantan" aos "sacrificios" que agora se están a realizar noutras latitudes do Estado, o que "nos permite aplicar terapias máis suaves". Isto, ademais, coida, non é "mérito dun Goberno concreto", senón "consecuencia dunha actitude social que involucra os galegos no seu conxunto". Por todo isto "en Galicia estase afirmando con feitos que a autonomía forma parte da solución".

É neste punto no que Feijóo introduce un elemento inédito no seu discurso político habitual. Malia "non ser o momento nin o lugar" de "pormenorizar" nas causas da crise, o xefe do Goberno detense "nunha eiva que está na orixe destas turbulencias" e que, ao contrario do que é habitual, non implica unha andanada dialéctica cara a algún adversario político. "Refírome á perda da idea do ben común e ao esquecemento da cooperación". "Ese individualismo", contrario ao que, di, representan os premiados coas Medallas, "está na orixe dos males que hoxe padecemos". Con esta reflexión chegaba ao final un acto pechado pola Real Filharmonía de Galicia e o coro da Orquestra Sinfónica de Galicia que, tras ofrecer outras pezas, interpretaron o himno galego. Como en actos oficiais anteriores a composición foi tocada e cantada integramente, aínda que substituíndo só por música a palabra "nazón" do seu verso final.

Feijóo pronuncia o seu discurso no acto de entrega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.