Galicia, Asturias e Castela e León reclaman a Adif que programe diversas melloras para despois poder pedir á UE os fondos que reservou para a súa rede ferroviaria prioritaria, á que vén de sumarse o noroeste peninsular
Tras quedar inicialmente fóra dela, o noroeste peninsular vén de conseguir que a UE o inclúa na rede ferroviaria de mercadorías que considera prioritaria, a través de varias extensións do denominado Corredor Atlántico, que atravesaba a Península de Irún a Portugal obviando a súa esquina superior esquerda. Porén, estar no denominado Corredor Atlántico non supón por si só recibir fondos europeos de xeito automático senón só a posibilidade de que o Estado poida pedilos. Pero para iso ten que presentarlle á UE proxectos de actuación concretos aos que destinar eses cartos. Este luns os gobernos de Galicia, Asturias e Castela e León describiron en Santiago esas actuacións que consideran necesarias para impulsar o transporte de mercadorías por ferrocarril e cuantificáronas en 3.100 millóns de euros.
Tras dúas décadas de millonarios investimentos en alta velocidade para pasaxeiros, a rede ferroviaria de mercadorías do noroeste é das máis obsoletas da Península, coas maiores limitacións de tamaño de trens de carga de todo o Estado
Tras dúas décadas de millonarios investimentos en alta velocidade para pasaxeiros, a rede ferroviaria de mercadorías do noroeste é das máis obsoletas da Península. Galicia ten as maiores limitacións de tamaño de trens de carga de todo o Estado, con vías que só permiten convois de entre 350 e 500 metros de lonxitude, fronte aos entre 500 e 600 metros actuais da maior parte da rede española e o obxectivo comunitario dun mínimo de 750 metros. Igualmente, as pendentes das vías, a súa electrificación e os seus sistemas de control do tráfico están lonxe de asemellarse aos estándares comunitarios.
Fronte ao que pasa en España, Portugal ten xa en marcha a mellora da súa liña ata Valença, pola que poderán circular trens máis longos que en toda Galicia
Porén, durante os últimos anos ningún deses elementos formou parte das principais reclamacións da Xunta, que pon agora o foco neles da man do Principado de Asturias e da Junta de Castilla y León, que pola súa banda tamén destacan outras actuacións prioritarias para cada comunidade. As tres administracións reclaman agora que o Goberno central, principalmente a través de Adif, planifique e redacte os proxectos necesarios para poder despois presentarllos á UE e que esta decida se facilita ou non financiamento comunitario para executar as obras. Unha situación que contrasta coa de Portugal, onde antes mesmo de obter o visto bo comunitario á extensión do Corredor Atlántico xa se lanzara a planificación e a mellora das infraestruturas para, entre outras cousas, garantir que trens de 750 metros poidan chegar e cargarse ou descargarse de mercadorías ata Valença.
Entre outras actuacións, o encontro deste luns en Santiago reclamou que se complete a electrificación de treitos pendentes e se renove onde xa existe, que se melloren as características das liñas para facilitar a circulación de trens co antedito estándar europeo de 750 metros de lonxitude ou que se renoven as vías facilitando a implantación futura de travesas de ancho internacional. A maioría desas actuacións, cuantificadas pola Xunta en 3.100 millóns de euros, carecen aínda de proxectos por parte de Adif ou esta non fixo públicos os seus plans ao respecto.
No encontro de Santiago, concibido como un novo foro de presión política ante o Goberno central agora que a tramitación do Corredor Atlántico xa está encarreirada na UE, o protagonismo foi para os tres presidentes autonómicos, seguidos de representantes empresariais e sindicais, pero deixou de lado a varios dos actores que nos últimos meses e anos colaboraron activamente na presión ante Bruxelas, como os partidos da oposición ou o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, que á súa vez veñen pedindo ao Goberno galego que impulse actuacións que están na súa man, como o Porto Seco de Monforte, que presentou no seu momento como a porta ferroviaria de Galicia a Europa e que segue sen unha soa empresa cinco anos despois da súa inauguración.