Caballero e Pontón escenifican unha axenda europea de PSdeG e BNG en contraposición aos debates internos do PP

Caballero, Leiceaga e Pontón, este martes ao atoparse na sede da Comisión Europea en Bruxelas CC-BY-SA Praza Pública

BRUXELAS - Enviado especial

Na semana seguinte a que Alberto Núñez Feijóo mudase todas as expectativas de mudanzas recentes da axenda política galega, despois de que á súa vez Rajoy e o caso Gürtel mudasen as estabilidades dos anos previos, este martes os líderes de PSdeG e BNG, Gonzalo Caballero e Ana Pontón, coincidiron en Bruxelas. Mesmo de xeito físico, ao atoparse por casualidade na entrada da sede da Comisión Europea e intercambiar unhas palabras. En sendas viaxes programadas por separado e con antelación ás anteditas mudanzas políticas, con xornalistas galegos invitados nos dous casos e pensando na repercusión mediática en Galicia, os dous coincidiron en destacar os seus respectivos impulsos políticos a diversas cuestións de interese para Galicia pendentes de decisións comunitarias así como a suposta parálise da Xunta ao respecto, que atribuíron a un Feijóo máis preocupado do seu futuro persoal e da situación do PP.

A viaxe de Pontón a Bruxelas estivo marcada fundamentalmente polo labor que está a facer o BNG, a través da eurodeputada Ana Miranda, de embaixadora ante diversas institucións comunitarias das vítimas de Angrois, papel no que veñen conseguindo importantes posicionamentos comunitarios críticos coa seguridade que existía no AVE Ourense-Santiago. Este martes as responsables do BNG acompañaron a unha representación de vítimas do sinistro nun encontro coa comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, que lles volveu trasladar a súa “frustración” polo feito de que case cinco anos despois España aínda non realizase unha investigación técnica independente do sinistro á marxe da causa xudicial aínda en instrución.

Angrois, infraestruturas, saneamento, demografía ou fondos comunitarios son algúns dos asuntos que os responsables da oposición din que a Xunta non está a defender como debera en Bruxelas

A axenda en Bruxelas do BNG tamén incluíu encontros de Pontón e Miranda co coordinador europeo do Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, Carlo Secchi, e con membros da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Pola súa banda, Gonzalo Caballero, que estivo acompañado do portavoz do PSdeG no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, mantivo reunións coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, e co director xeral de Medio Ambiente da UE, Daniel Calleja, e os dous visitaron a Fundación Galicia Europa. Nos encontros, segundo salientaron tanto Pontón como Caballero, e como noutras ocasións previas tamén fixo o portavoz de En Marea, Luís Villares, socialistas e nacionalistas tentaron actuar como lobbies ou grupos de presión ante as autoridades comunitarias en favor das necesidades de Galicia.

Miranda puxo o foco na necesidade de concretar a incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias e que este se estenda tamén de Vigo ao Porto e rendibilice o Porto Seco de Monforte, cuestións nas que considera que a Xunta non está a facer todas as xestións que debera. Igualmente, salientou a importancia que Bruxelas supervise os incumprimentos de España na rexeneración da ría do Burgo.

Pola súa banda, Caballero incidiu na necesidade de que Europa teña en conta a situación demográfica do país e o seu envellecemento á hora de decidir o reparto de fondos comunitarios e avanzou que a propia comisaria de Política Rexional visitará Galicia a finais de ano para coñecer en persoa a situación. “Os socialistas galegos estamos poñendo a Galicia na axenda europea, máis alá das cuestións en que Feijóo está entretido”, dixo Caballero. “Feijóo non ten o perfil político que Galicia merece na axenda europea”, sentenciou o socialista.

A delegación das vítimas, con Pontón e Miranda na sede da Comisión Europea en Bruxelas Dominio Público Praza Pública
Caballero coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.