Tras adiantar o pasado xoves o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal que a Comisión Europea prevé iniciar xa a tramitación para incorporar a Galicia ao Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias, este mércores a propia comisaria de Transporte da UE, Violeta Bulc, ratificoullo en persoa ao portavoz de En Marea, Luís Villares, nun encontro que mantiveron en Estrasburgo. Ao tempo, o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, comunicou esa mesma decisión comunitaria ao Parlamento de Galicia.
Tras adiantalo o pasado xoves o Eixo Atlántico de cidades, este xoves o portavoz de En Marea, Luís Villares, recibiu a confirmación da comisaria de Transporte ao tempo que o director xeral de Mobilidade da Xunta o comunicou ao Parlamento de Galicia
A inclusión de Galicia, a través da liña A Coruña-Vigo-Monforte-Palencia, na rede principal de transporte ferroviario da Unión Europea enlazando coa xa incorporada liña Aveiro-Palencia-Francia, permitirá á comunidade acceder de xeito máis directo a fondos comunitarios para mellorar o transporte de mercadorías por ferrocarril, área na que Galicia ten na actualidade as liñas máis obsoletas do Estado.
Segundo En Marea, “a comisaria garantiu esta conexión” e “asegurou que haberá garantías orzamentarias para que esta infraestrutura sexa realizada”. En Marea reclama agora que tanto a Xunta como o Goberno central axilicen o seu traballo para poder executar as obras necesarias de mellora das infraestruturas nos prazos que establece o marco de financiamento comunitario. En Marea tamén salientou que no encontro cos seus cargos a comisaria europea recoñeceu o papel dos colectivos sociais que se mobilizaron para reclamar a inclusión de Galicia no Corredor Atlántico. A comisaria Bulc é tamén a responsable de supervisar diversas actuacións pendentes por parte de España en relación co accidente de Angrois, cuestión que non foi mencionada por En Marea.
A Xunta atribúese o mérito
Foi unha das entidades que máis se mobilizou en favor da incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico ferroviario, o Eixo Atlántico de cidades, quen fixo pública a semana pasada, tras un encontro co responsable directo da rede europea de transporte, a decisión de incorporar a Galicia ao Corredor Atlántico. Previamente o Eixo Atlántico impulsara diversas actuacións como un cumio de diversas administracións celebrado en Valdeorras do que se descolgou a Xunta. Igualmente, a raíz do incremento da presión social, tamén o Ministerio de Fomento intensificou as súas negociacións en Bruxelas para acelerar a incorporación do noroeste peninsular. Fronte a eses movementos, este mércores o Goberno galego, por boca do seu director de Mobilidade, atribuíuse no Parlamento de Galicia a incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico.
A Xunta atribúe ao seu propio "liderado" a incorporación de Galicia ao Corredor Atlántico
“A Xunta salienta que a súa acción de liderado permitiu acadar o apoio do Ministerio de Fomento e a Comisión Europea á inclusión de Galicia”, chegou a titular a nota de prensa oficial emitida este mércores polo Goberno galego ao tempo que informaba ao Parlamento da decisión comunitaria case unha semana despois de que a avanzase o Eixo Atlántico. Nesa nota nada di a Xunta dos seus plans para dotar de contido o Porto Seco de Monforte, infraestrutura loxística presentada como a porta ferroviaria de Galicia cara a Europa pero que catro anos despois da súa inauguración segue sen ter unha soa empresa instalada.
Reunión de responsables do Eixo Atlántico e da Comisión Europea a pasada semana [Foto: Eixo Atlántico]