0 Gardados para despois

Dos 1.000 quilómetros de AVE ao parador: as obras que ían tornar o Prestige na "maior oportunidade"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Estamos ante a máis grande oportunidade de Galicia na súa historia", exclamou Manuel Fraga. O 3 de decembro de 2003 o Goberno de España e a Xunta de Galicia organizaron dous actos oficiais para conmemoraren ao seu xeito o primeiro aniversario da catástrofe do Prestige. O primeiro celebrouse en Tordoia, onde o conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, colocaron "as primeras travesas" da futura variante de Queixas do Eixo Atlántico de alta velocidade. O segundo, no que ambos gobernos puxeran todos os focos, celebrouse en Teo. Alí Fraga e José María Aznar iniciaron simbolicamente as obras "dos subtreitos Padrón-Osebe e Portas-Vilagarcía" do AVE. En total, prometeran, quedaban comprometidos máis de 100 millóns de euros que eran a mellor mostra do cumprimento "en tempo récord" do Plan Galicia, a "política de feitos" fronte á "desgraza" da que "outros, descaradamente, pretenderon sacar vantaxe política".

Aquela xornada de solemnidades, completada coa xuntanza en Santiago do Real Padroado da Cidade -o organismo ligado ao Xacobeo non se volveu reunir dende aquel día- presidida por Aznar e Xoán Carlos I, servira como resumo da abundancia de promesas coas que os dous gobernos responderan ao naufraxo do petroleiro. A maior parte do prometido foran obras, moitas anunciadas o 24 de xaneiro daquel ano no Consello de Ministros celebrado na Casa do Concello da Coruña con Francisco Vázquez como anfitrión de Aznar, que lle concedeu ao rexedor a Cruz de Isabel La Católica nesa mesma sesión. De todos os grandes proxectos do publicitadísimo Plan Galicia só un foi rematado nun prazo próximo ao anunciado -aínda que con amplos sobrecustos e sombras de xestión-, o porto exterior da Coruña, mentres que o resto seguen a acumular demoras ou, simplemente, nunca pasaron do papel.

De todas as grandes obras prometidas no Plan Galicia só o porto exterior foi rematado nun prazo próximo ao anunciado, pero con notable sobrecusto

O Plan Galicia na súa versión estatal -a Xunta lanzara un paquete de obras de seu baixo o mesmo nome- fora aprobado no medio da crise máis profunda do longo mandato de Fraga, que tivera como máximo expoñente o cesamento de Xosé Cuíña e a súa remuda por Alberto Núñez Feijóo na Consellería de Política Territorial mentres, como resposta, o baltarismo ameazaba ao presidente da Xunta con deixalo en minoría no Parlamento. Neste tenso clima polítíco e coas mobilizacións a ferver na rúa ao berro de "nunca máis" Aznar engadira dende María Pita unha morea de promesas ao reiterado anuncio do AVE a Madrid para 2010, ano sinalado por Feijóo no verán de 2003.

Comunicados da Xunta e do Goberno central sobre o Prestige e o plan Galicia difundidos durante o ano posterior ao naufraxio

Entre as infraestruturas anunciadas que nunca saíron do papel destaca o "corredor ferroviario do AVE do Cantábrico" dende Ferrol ata Bilbao

Entre as obras prometidas das que nunca máis se soubo destaca o que fora anunciado como "corredor ferroviario do AVE do Cantábrico", un tren de alta velocidade "Ferrol-Asturias-Cantabria-Bilbao" ao que se engadirían outras dúas liñas de AVE, unha de Ponferrada a Monforte e outra de Lugo á Coruña, e mais dúas autovías: Chantada-Monforte e Pontevedra-A Cañiza (esta última, nunha versión reformulada, avanza aos poucos aínda na actualidade como a futura A-57). Once meses despois do Consello do Plan Galicia, na solemne inauguración de Teo, Fraga daba por feitos todos estes proxectos e proclamaba que só "no interior de Galicia" ía haber "case 1.000 quilómetros de AVE". "A rede ferroviaria galega é, nestes momentos, a máis adiantada de España" e "un emblema do desenvolvemento da alta velocidade ferroviaria en toda Europa", acrecentara Álvarez-Cascos, que en xullo dese ano fora condecorado por Fraga coa Medalla de Ouro de Galicia.

"A rede ferroviaria galega é a máis adiantada de España e un emblema en Europa", afirmou Cascos

O porto exterior coruñés -que o coruñés Vázquez presentara como froito da súa teimosía persoal-, aqueles 1.000 quilómetros de AVE e outros tantos de "autovías, autoestradas, vías rápidas e outras actuacións para modificar o trazado convencional das vías", anunciara Feijóo, víñanse unir ás axudas directas a colectivos afectados pola catástrofe e a outras medidas e proxectos que, segundo a estimación do gabinete de Aznar, sumaban ata "12.459 millóns para o impulso de Galicia". Contemplaban dende o levantamento do veto á construción naval civil nos estaleiros de Fene e Ferrol "para posibilitar a construción de buques de dobre casco" neles -isto nunca sucedeu- ata a construción do parador de turismo de Muxía, instalación que quince anos despois aínda é pouco máis ca un esquelete e que, despois de sucesivas demoras, ten 2018 como último prazo de remate.

A batalla da política e da propaganda

Comunicados da Xunta e do Goberno central sobre os efectos do Prestige e as súas repercusións políticas no ano posterior á catástrofe

Xunta e Goberno central cargaran con dureza contra Nunca Máis e mesmo habilitaran un espazo de novas en internet coa súa versión da catástrofe

Os sucesivos anuncios de obras e axudas inseríronse nun contexto político efervescente e nunha vaga de mobilizacións que xa antes do naufraxio axitaban o país ao fío da oposición á Lei Orgánica de Universidades (LOU) e que continuaron coas protestas contra a guerra de Iraq. Neste marco os gobernos conservadores de Galicia e España deron en librar unha batalla nos campos da política e da propaganda que comezaran minimizando os efectos da catástrofe e censurando a súa "instrumentalización política" a través da Plataforma Nunca Máis, que o ministro Jaime Mayor Oreja dera en chegar a equiparar coa contorna da banda terrorista ETA. No caso concreto da Xunta as súas accións de control da información concentráranse nos medios públicos, pero tamén nas principais cabeceiras privadas e mesmo nunha internet aínda incipiente como fonte informativa en Galicia; así, o Goberno galego decidira aquel inverno abrir un espazo na súa web para a difusión das súas propias novas sobre o Prestige.

Feijóo deu a crise por "superada" en 2003 e desdeñou as protestas, das que "o pobo" estaba "farto" porque non "ofrecen solucións"

Nuns meses nos que a Xunta mesmo chegou a mudar de imaxe corporativa mentres inzaba o territorio galego de paneis anunciadores do Plan Galicia, dende San Caetano deuse en defender o afastamento do buque da costa difundindo á prensa que en 1989 "o goberno socialista de España" fixera o mesmo "cun petroleiro accidentado" en Canarias. Ao tempo, inundábanse os medios con ducias de comunicados nos que, por exemplo, se insistía no "aumento do número de praias aparentemente limpas", se aseguraba que "os Plans Galicia vai moi de présa" ou se atribuía á Xunta boa parte do mérito da enorme vaga de voluntariado que respondera ao afundimento ofrecendose para limpar as praias. 

Apenas oito meses despois do naufraxio o flamante novo conselleiro Feijóo, que en 2004 ascendería a vicepresidente primeiro, daba a catástrofe por "superada" e aseguraba que mesmo as forzas da esquerda renunciaran a manter as protestas, porque "o pobo" estaba "farto de que se protestase sen ofrecer solucións". "Despois das críticas electoralistas, a oposición xa cre no Plan Galicia", afirmaba o actual presidente da Xunta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

De Galicia a Madrid en menos de 3 horas ou o tren imposible do Plan Galicia de Aznar

Cando, en xaneiro de 2003, o Consello de Ministros aprobou na Coruña o Plan Galicia e con el, unha morea de promesas de obras en Galicia, había xa máis dun ano que José María Aznar, Manuel Fraga e Francisco Álvarez-Cascos puxeran a primeira pedra do que presentaran como AVE galego. No entanto; o que en rigor era o inicio das obras de modernización da liña convencional entre A Coruña e Vigo para a súa posterior conexión coa alta velocidade cara a Madrid foi refomulado tras o afundimento do Prestige e presentado no Pazo de María Pita polo propio Aznar, quen dera en augurar uns tempos de viaxe grazas a aquel AVE que, quince anos despois, apenas se corresponden coa realidade.

Coa promesa de que Galicia contaría con ata "mil quilómetros de AVE" no seu territorio como pano de fondo, Aznar dera en debullar ante os xornalistas, "para que non haxa dúbidas e despois de ter todos os estudos, que é como hai que facer as cousas seriamente e naturalmente" os "tempos nos que se farán as distancias na alta velocidade no que se refire a Galicia". Así, por exemplo, augurou un panorama no que as seis das sete cidades galegas estarían conectadas con Madrid en menos de tres horas e Ourense, en apenas dúas. O certo é que, cando na contorna do ano 2024 a liña estea rematada -incluíndo a variante de Taboadela-, ningunha das urbes atlánticas baixará das 3 horas de viaxe a Madrid, segundo os cálculos actuais.

Tras o Consello de Ministros celebrado na Coruña Aznar asegurou manexar "estudos" que acreditaban tempos de viaxe na "alta velocidade" galega que, década e media despois, están lonxe de corresponderse coa realidade 

Naquela comparecencia o mandatario conservador tamén ofrecera as estimacións gobernamentais para as conexións no interior de Galicia, xa que segundo o prometido o AVE tamén vertebraría, por exemplo, a provincia de Lugo e un "estudo" para conectar a cidade da Muralla coa Coruña tamén con alta velocidade. Segundo Aznar, grazas ao Plan Galicia a capital lucense ficaría unida con Ourense en 40 minutos -na actualidade a viaxe dura hora e media e Fomento, tras anos de promesas, xa desbotou construír esa liña de alta velocidade- e da ourensá poderíase chegar a Compostela en 21 minutos -esta liña, inaugurada en 2011, une ambas cidades nun mínimo de 31 minutos-.

Aquelas estimacións atinxían tamén ao Eixo Atlántico, este si xa completamente rematado e en funcionamento entre A Coruña e Vigo. Aínda que as promesas de Aznar si foron neste caso máis axustadas á realidade -sobre todo no traxecto Pontevedra-Vigo-, a eiva chega neste caso porque parte da liña prometido, a saída sur de Vigo cara ao Porto tamén con alta velocidade, non se vai construír como tal.

Todas estas promesas foran asumidas como propias e aplaudidas polo Goberno galego da época. "Os feitos poñen a cada un no seu sitio", afirmara Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de conselleiro de Política Territorial.

  Promesa Aznar 23/1/2003 Real 2017 (min. / máx.)
Madrid-Lubián 1 h. 27 min. --
Madrid-Ourense 2 h. 7 min. 4 h. 18 min. / 6 h. 27 min.
Madrid-Santiago 2 h. 28 min. 5 h. 9 min. / 7 h. 18 min.
Madrid-A Coruña 2 h. 48 min. 5 h. 33 min. / 8 h. 20 min.
Madrid-Lugo 2 h. 47 min. 6 h. 21 min. / 8 h. 54 min.
Madrid-Pontevedra 2 h. 57 min.  6 h. 18 min. / 6 h. 35 min.
Madrid-Vigo 2h. 57 min.  5 h. 48 min. / 12h. 4 min.
Ourense-Lugo 40 min. 1 h. 34 min. / 1 h. 43 min.
Ourense-Santiago 21 min. 38 min. / 1h. 40 min.
Ourense-Vigo 50 min. 1h. 29 min. / 2h. 23 min.
Santiago-A Coruña 20 min.  28 min. / 37 min.
Santiago-Pontevedra 19 min.  34 min. / 1h 3 min.
Pontevedra-Vigo 10 min.  14 min. / 33 min.

Fonte: Plan Galicia (2003) e Renfe (2017)

Aznar, tras o Consello de Ministros na Coruña

José María Aznar informa dos asuntos tratados tras a celebración dun Consello de Ministros na casa do Concello da Coruña, en xaneiro de 2003.

© TVE