Fomento certifica o abandono sen prazo da nova liña de tren a Lugo que prometeu Feijóo

Estación ferroviaria de Lugo, sen trens © Adif

Lugo e Ourense non van estar unidas por un tren de alta velocidade e tardarán en estalo por unha liña ferroviaria modernizada. Cando menos, non nesta década nin nun futuro máis ou menos próximo ou determinado. O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado entregado o pasado martes polo Goberno de España ás Cortes trae consigo unha rebaixa do 32% nos investimentos previstos para Galicia e, mentres inclúe as partidas para o empurrón final da liña do AVE a Madrid, dá en certificar a defunción política dun proxecto tan prometido como pouco dotado orzamentariamente nos últimos anos.

As previsións orzamentarias do Ministerio de Fomento e mais de Adif, a empresa pública encargada de construír as liñas ferroviarias, inclúen para 2017 un total de 14,1 millóns de euros. A explicación deste montante, ínfimo se se tratase dunha dotación para o AVE prometido, atópase na memoria na que o departamento que agora dirixe Íñigo de la Serna explica os obxectivos dos seus investimentos. O que "está previsto" é o "inicio dos estudos das actuacións que permitirán o traslado dos beneficios da liña de alta velocidade Madrid-Galicia nas conexións con Lugo".

Os Orzamentos do Estado prevén variantes e melloras da liña convencional e limitan a estudos sen prazos o tren de alta velocidade, reiteradamente prometido

Non se trata, daquela, de levar o AVE a Lugo, senón de facilitar a chegada en tren dende a cidade da Muralla ata onde si chegará a alta velocidade, isto é, Ourense. Así, prevense apenas 500.000 euros para traballos de electrificación da liña que, segundo a programación plurianual do orzamento, terán un custo total de 40,5 millóns.

Máis cuantiosa é a dotación para "renovación e variantes Monforte-Lugo", con 13,5 millóns de euros e un custo total plurianual de 600. Cabe agardar que esta partida sirva para rematar de vez a variante ferroviaria da Pobra de San Xiao, en Láncara -la Puebla de San Julián, segundo o documento de Fomento-. Adif, indica a memoria, "dará o pulo definitivo ás obras desta variante, actualmente nun avanzado estado de execución". Efectivamente, como informou Praza.gal, a empresa pública prevé para este ano a posta en servizo desa variante, apenas 7 quilómetros cuxa construción se estende xa durante 11 anos.

Deste xeito cabe concluír que gaña posibilidades a realización dun proposta como o 'plan b' para o tren a Lugo formulado o pasado ano polo Eixo Atlántico, baseado en melloras da liña ante a evidencia de que o AVE non chegará. Non en van, a "liña de alta velocidade Ourense-Lugo" propiamente dita queda unicamente no papel, o dos estudos que Fomento prevé por importe de 100.000 euros anuais para 2017, 2018 e 2019. O importe total destes traballos previos chegaría, segundo a estimación do Ministerio, a uns 3,2 millóns de euros.

Recorrente promesa electoral

O Goberno de España mete deste xeito na gabeta unha conexión ferroviaria que foi protagonista en innumerables campañas electorais de diversas formacións políticas dende principios de século, aínda que ocupou un lugar preferente na do PP dende, cando menos, a carreira electoral de 2009, a da primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo. O 10 de xaneiro daquel ano, nun mitin de precampaña celebrado na capital lucense xunto a Mariano Rajoy, o actual presidente da Xunta "garantiu" o "compromiso" de "asumir, comezar, realizar e rematar o AVE Lugo-Ourense". "Será o compromiso do meu Goberno que a Xunta lidere e realice as obras", asegurou. "Despois xa lle pasaremos a factura" a Fomento, sinalou, sobre uns traballos que, explicitou, íanse desenvolver "con diñeiro da Xunta".

Feijóo, en 2009: "Será o compromiso do meu Goberno que a Xunta lidere e realice as obras do AVE Lugo-Ourense; despois xa lle pasaremos a factura a Fomento"

Aquela inédita promesa nunca chegou a cumprirse, se ben o AVE lucense volveu estar presente nos programas e promesas electorais de Feijóo e o PP ata, cando menos, o pasado setembro. Así, antes das eleccións xerais de 2015 o presidente galego proclamou en Lugo que, "agora que o AVE está ás portas de Galicia", tamén ía chegar á cidade, "peronon nun PowerPoint". Na mesma liña, no programa electoral das pasadas eleccións galegas os populares prometían que "impulsar a alta velocidade a Lugo". "Os lucenses non poden quedar ás portas da alta velocidade e deben darse os pasos precisos para que a alta velocidade chegue dende Ourense a Lugo", agregaban.

A expectativa sobre este proxecto foi mantida polo propio presidente hai apenas dous meses. No marco dunha recepción á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cualificou esta liña ferroviaria como "irrenunciable", ademais de "xusta e lexítima" para que a cidade non ficase "descolgada" da alta velocidade, e por iso reclamou "un acordo PP-PSOE" ao respecto. Nun sentido semellante e malia á evidencia das partidas orzamentarias, este mesmo martes o Goberno galego aplaudía o proxecto de contas estatais para 2017 porque se "prevén avances na liña ferroviaria entre Lugo e Ourense", se ben xa non existe referencia explícita ningunha á alta velocidade".

Un Alvia, saíndo da estación ferroviaria de Lugo Dominio Público asannei (gravación)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.