0 Gardados para despois

INTERACTIVO | A maioría dos protagonistas políticos do Prestige seguiron ocupando cargos máis dunha década

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A controvertida xestión política do naufraxio do Prestige suscitou fortes críticas da oposición parlamentaria da época en Galicia e no Estado, sacou á rúa a milleiros de persoas que, levadas pola indignación, berraron "nunca máis", e mesmo erosionou electoralmente o PP. No entanto, a maior parte dos máximos responsables políticos que tiveron que afrontar a catástrofe dende os gobernos galego e español seguiron nos seus cargos e, tras abandonalos, ocuparon máis postos -mesmo máis elevados- nas institucións públicas e algúns, tamén en empresas privadas.

Os únicos políticos que perderon os seus postos nos meses seguintes á catástrofe por motivos ligados ao sucedido -cando menos formalmente- foron o daquela conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña -falecido en 2007, menos de dous anos despois de optar ao liderado do PPdeG- e o titular de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, actualmente membro do consello de Administración de ENCE. Quen na altura era presidente da Xunta, Manuel Fraga, seguiuno sendo ata 2005, cando a perda da maioría absoluta por parte do PP deu paso ao Executivo de coalición de PSdeG e BNG. En 2006 foi nomeado senador por designación autonómica e mantivo o seu escano ata pouco antes do seu falecemento, en xaneiro de 2012.

O principal referente do Goberno de España para afrontar a catástrofe fora Rajoy nuns meses nos que a cúpula do PP foi crucial para que Feijóo fose o substituto de Cuíña

Pola banda do Goberno central nin o presidente, José María Aznar, nin ningún dos seus ministros asumiron responsabilidades polo Prestige. O máximo referente do Executivo popular en Galicia tras o naufraxio foi o daquela vicepresidente, Mariano Rajoy, a quen apenas un ano despois Aznar designaría como substituto. A cúpula estatal do PP fora tamén determinante para que o substituto de Cuíña no Goberno galego fose Alberto Núñez Feijóo, quen como conselleiro de Política Territorial tivo encomendado a promoción do Plan Galicia.

No seguinte mapa interactivo é posible explorar a evolución destes mandatarios polos diferentes cargos que ocuparon e as relacións entre si. Ao premer en cada unha das persoas o mapa amosa máis información delas.

Onodo é un proxecto da Fundación Civio

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.