0 Gardados para despois

Portas xiratorias en ENCE. Quen é quen

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os colectivos contrarios á continuidade de ENCE en Lourizán adoitan incidir nas "relacións próximas" entre os dirixentes da empresa e os poderes públicos, sobre todo o exercido polo Partido Popular, tanto en Galicia coma en Madrid. Son rechamantes as relacións persoais entre algúns altos cargos da compañía e políticos en activo e tamén que un bo número dos e das actuais integrantes do Consello de Administración pasaron con anterioridade por posicións destacadas dentro do Goberno galego ou na Administración Central, nun novo fenómeno de portas xiratorias entre o poder político e as xerarquías empresariais. Ademais, son varios os episodios nos que se criticou que determinadas decisións políticas favoreceron os intereses da empresa.

Isabel Tocino, Carlos del Álamo e Pascual Fernández, membros do Consello de Administración, ocuparon cargos públicos de responsabilidade en materia de Medio Ambiente e Augas

Dous nomes destacan por riba dos demais, pola súa significación pública, e polos cargos que ocuparon: o de Isabel Tocino (ministra de Medio Ambiente 1996-2000) e Carlos del Álamo (conselleiro de Medio Ambiente da Xunta 1997-2003). Tanto un coma outro tiveron que adoptar durante os seus mandatos decisións que afectaron á actividade de ENCE e ás súas regulacións e controis ambientais. Antes de ocupar a Consellaría, Del Álamo foi director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Xunta (1990-1996) e en xuño de 1996 foi nomeado director xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente. Outro conselleiro cun importante pasado político é Pascual Fernández Martínez (nomeado por Alcor Holding, S.A), que foi Secretario de Estado de Augas e Costas do Goberno de Aznar, con Jaume Matas como ministro de Medio Ambiente.

Cómpre salientar, igualmente, que María José Echevarría, subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia é esposa do director da fábrica de Ence-Pontevedra, Antonio Casal. Unha relación familiar que foi denunciada pola APDR, que pediu a súa inhabilitación. A Xunta respondeu ás criticas sinalando que as competencias de tramitación da Autorización Ambiental Integrada corresponden á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, sobre a que Echevarría non ten mando ningún.

No Consello de Administración atopamos outros nomes con relacións máis ou menos estreitas co poder político. Figuran, por exemplo, Fernando Abril Martorell, fillo do que fora vicepresidente do Goberno e Ministro de Economía con UCD. Tamén Pedro Barato Triguero, ex secretario da organización empresarial agraria Asaja, próxima ao PP.

 

Decisións políticas

A empresa conseguiu que o Goberno de Fraga saltase a autonomía municipal en materia urbanística, creando un Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal exclusivo para ENCE

Dende a privatización de ENCE en 2001, o Goberno central e a Xunta adoptaron en varios momentos decisións importantes que beneficiaron a empresa. A empresa foi pasando por riba de todas as súas datas de peche e beneficiouse de modificacións lexislativas e medidas políticas para manter a súa actividade que chegará, se non se impide, ata o ano 2073.

Xa en 2002 a Xunta concedeulle a Autorización Ambiental Integrada que a compañía solicitara para poder seguir producindo. A empresa conseguiu, ademais, que o Goberno de Fraga saltase a autonomía municipal en materia urbanística, creando un Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal exclusivo para ENCE, co que a planta evitou someterse á normativa municipal, dándolle legalidade urbanística a todo o complexo. O Concello de Pontevedra iniciou unha longa batalla legal que non se resolveu ata o ano 2012, no que o Tribunal Supremo anulou o proxecto de supramunicipalidade. Porén, de momento a Xunta conseguiu mantelo, entendendo que a sentenza se cumpriu, simplemente, publicando en decembro de 2012 o proxecto no Diario Oficial de Galicia. Esta supramunicipalidade sérvelle á Xunta para legalizar urbanisticamente unhas instalacións que deberían estar sometidas á normativa urbanística municipal.

Nestes anos ENCE tentou tamén outras vías para incrementar o seu beneficio e reducir a capacidade de control dos poderes públicos sobre a súa actividades. Por exemplo, buscou sen éxito que o Ministerio de Medio Ambiente recoñecese a innecesariedade dos terreos nos que se asenta por perda das condicións naturais e a suposta imposibilidade de devolvelos ao seu estado orixinario e recuperalos para o goce da cidadanía, polo que o lugar sería para sempre terreo industrial. E tamén tentou que os terreos de Lourizán quedasen adscritos á Autoridade Portuaria de Marín, de novo sen logralo.

No entanto, unha modificación lexislativa de 2013 tamén lle permitiu á empresa non ter que renovar a súa Autorización Ambiental Integrada, que caducaba o 31 de decembro de 2015. A autorización, de todos os xeitos, está recorrida ante os tribunais.

Outra decisión polémica ten que ver coa caducidade da concesión. O 19 de maio de 2011 a Audiencia Nacional ordenoulle ao Ministerio de Medio Ambiente a apertura do procedemento de caducidade da concesión de Ence, en sentenza firme. En xullo de 2014 unha sentenza do Tribunal Supremo instou de novo á Administración Xeral do Estado a incoar o expediente de caducidade da concesión que goza Ence, demandándolle que adoptara todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións.

O 19 de maio de 2011 a Audiencia Nacional ordenoulle ao Ministerio de Medio Ambiente a apertura do procedemento de caducidade da concesión de Ence, en sentenza firme

A APDR denuncia ademais que na concesión outorgada a Ence se explicita como causa de caducidade o feito de que a DBO (Demanda Biolóxica de Osíxeno) das augas de vertido supere as 20 ppm "un límite superado de forma sistemática por ENCE ata o ano 2005 e con moita frecuencia desde esa data ata a actualidade".

A presenza de ENCE en Lourizán tiña como data límite o 29 de xullo de 2018. Porén, a modificación da Lei de Costas en 2013 abriu a posibilidade de prorrogar as concesións de dominio público marítimo terrestre

En calquera caso, a decisión política máis relevante para o futuro da factoría foi a aprobación da nova Lei de Costas, en 2013. A presenza de ENCE en Lourizán tiña como data límite o 29 de xullo de 2018. O 29 de xullo de 1988 entrou en vigor a Lei de Costas, que fixaba un prazo máximo de 30 anos para quen fose titular dunha concesión outorgada con anterioridade a ela. Porén, a modificación da Lei de Costas en 2013 abriu a posibilidade de prorrogar as concesións de dominio público marítimo terrestre outorgadas ao amparo da lei anterior. 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha ducia de cifras sobre ENCE

Cantos anos leva ENCE en Pontevedra?

Vai para 59. A empresa creouse en 1958.

Canto pagaron os actuais propietarios pola empresa cando foi privatizada?

A privatización comezou en 1995 coa venda do 18,8% das accións. En 2001 o Estado vendeu o 51% a un consorcio encabezado por Caixa Galicia, no que tamén estaban Banco Zaragozano e Hispamarket (Bankinter), por tan só 230 millóns de euros.

Que apoio electoral teñen en Pontevedra os partidos partidarios da continuidade da planta en Lourizán?

Nas eleccións municipais de maio, tan só PP, Ciudadanos e Todos por Pontevedra apostaban pola permanencia de ENCE na súa actual localización, sumando o 34,66% dos apoios e 8 dos 25 deputados en xogo. Nas xerais de decembro PP e Ciudadanos sumaron o 43,62% dos votos.

Canto postos de traballo xera ENCE?

Na factoría pontevedresa chegaron a traballar 500 persoas, pero na actualidade son 366. A súa actividade xera un número importante de empregos indirectos en toda Galicia, derivados da explotación e transporte da madeira, cifrados en 3.600 pola empresa, unha cantidade moi inferior segundo os colectivos críticos.

Canta auga consume ENCE?

O consumo de auga no ano 2010 foi de 32.200 metros cúbicos/día, segundo recolle a súa auditoría. A cidade de Pontevedra consume 14.400 metros cúbicos/día

Canto paga ENCE pola auga que consume e canto debería pagar?

A empresa debería pagar 10 millóns de euros ao ano polos canons de auga e de coeficiente de vertedura, pero a Xunta perdooulle máis do 80%, aboando nestes momentos ao redor de 900.000 euros anuais.

Cantas toneladas de COemite a planta?

Segundo datos da propia empresa, en 2014 foron 101.195 toneladas

Canto dióxido de xofre e ácido sulfhídrico emitiu?

Os niveis de ácido sulfhídrico, xerado ao separar a fibra de celulosa da lignina (e responsable do particular cheiro da factoría), chegan a 2,63 toneladas por ano (2014). Os de dióxido de xofre acadaron ese ano as 353,6 toneladas.

Como evolucionou a superficie de montes ocupada por eucaliptos en Galicia?

En 1987 Galicia contaba con 40.000 hectáreas de eucalipto, en 1997 con 170.000, e en 2009 con 375.000

Cantos lles están pagando polo eucalipto aos propietarios dos montes?

Na actualidade reciben cantidades inferiores aos 30 euros por tonelada (datos do verán de 2015), máis IVE, inferiores ao que se pagaba en 1990 (42 euros/tonelada)

Canta madeira consume a planta de Lourizán?

En 2014 utilizou 1.276.498 toneladas de madeira de eucalipto

Canta pasta de papel produce ENCE en Pontevedra?

Segundos datos da empresa correspondentes a 2014, produciu 405.887 toneladas de pasta TCF (Totally Chlorine Free).