A Xunta descólgase dun cumio de administracións e axentes sociais para reclamar o Corredor Atlántico de mercadorías

Participantes no 'cumio' do Eixo Atlántico a prol do Corredor Atlántico de mercadorías © Eixo Atlántico

O Goberno galego foi este venres o gran ausente no cumio que reuniu no Barco de Valdeorras a diversas administracións e axentes sociais para debater sobre as posibilidades de incorporación de Galicia á rede europea de transporte de mercadorías a través do denominado Corredor Atlántico, que na actualidade atravesa a península desde Irún ata Lisboa. Galicia aspira a unir a el a súa rede ferroviaria a través da liña Monforte-Ponferrada-Palencia, que pasa polo Barco e polo inactivo Porto Seco de Monforte, pero cuxa mellora o Ministerio de Fomento non contempla entre as súas prioridades inmediatas.

Concellos de Galicia e o Bierzo, Adif, Comisión Europea, sindicatos, empresarios e partidos da oposición reúnense no Barco para debater as posibilidades de incorporación de Galicia á rede europea

Á reunión deste venres, convocada polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, presidido actualmente polo alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, asistiron, ademais de alcaldes de Galicia e o Bierzo e representantes das deputacións de Lugo e Ourense, entre outros, Ferrán Tarradellas, representantes da Comisión Europea e membros da dirección xeral de Adif. Tamén asistiu o voceiro de En Marea, Luís Villares, e o portavoz parlamentario e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. A líder do BNG, Ana Pontón, escusou a súa ausencia por non poder asistir. O acto foi secundado, ademais, por representantes de diversas asociacións de empresarios e dos sindicatos. Tamén participaron o ex-presidente socialista da Xunta Fernando González Laxe e o ex-director xeral de Mobilidade popular Miguel Rodríguez Bugarín, como asesores do Eixo Atlántico en materia portuaria e ferroviaria, respectivamente.

Participantes no encontro do Barco a prol do Corredor Atlántico de Mercadorías / Eixo Atlántico

Porén, ao encontro non asistiron nin a Xunta nin as autoridades portuarias galegas, cuxas presidencias son designadas polo Goberno galego. Unha ausencia que varias fontes atribúen ás malas relacións existentes hai anos entre o Goberno galego e o Eixo Atlántico, entidade que o PP non é quen de controlar, e que se vén manifestando en feitos como a ausencia da Xunta do seu 25 aniversario, ao que asistiu mesmo o primeiro ministro portugués.

A xuízo dos responsables do Eixo "chama poderosamente a atención a ausencia de representantes" dos portos e do Goberno galego, "moi especialmente a ausencia da Xunta, que declinou a invitación cursada" á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. Para o secretario xeral da entidade, Xoán Vázquez Mao, é de lamentar "a falta de compromiso do Goberno galego co interior de Galicia, xa que nin estiveron na xuntanza en defensa do Porto Seco de Monforte, nin na da liña de tren, esenciais ambos para a supervivencia dos portos galegos e do interior de Galicia".

Ao encontro, que pretendeu actuar como presión política cara ás administracións implicadas na xestión das infraestruturas loxísticas de Galicia, non asistiron nin a Xunta nin as autoridades portuarias, cuxas presidencias designa

A Xunta foi así a gran ausente dun foro que pretendeu actuar como presión política cara ás administracións implicadas na xestión das infraestruturas loxísticas de Galicia e o noroeste de Castela e León. Nomeadamente Adif e o Ministerio de Fomento, responsables das características obsoletas para o tráfico de mercadorías que presenta a rede ferroviaria galega, que obriga a ter os trens de mercadorías máis curtos de toda España, e da lentitude coa que está a mellorala. Pero tamén o Goberno galego, responsable do Porto Seco de Monforte, instalación chamada a ser o nó loxístico central da conexión de Galicia co Corredor Atlántico ferroviario pero que segue sen unha soa empresa instalada tras a súa inauguración hai agora catro anos.

Corredor Atlántico de infraestruturas ferroviarias e viarias e os portos, aeroportos e nós loxísticos que conecta Dominio Público Unión Europea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.