A Xunta derrogará a Lei de protección ambiental e ultima outra "simplificada"

A conselleira de Medio Ambiente e o presidente e artigo da nova Lei de administración ambiental simplificada que derroga por completo a Lei de protección ambiental CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

O Goberno galego levanta a prohibición de que as liñas eléctricas dos eólicos atravesen Rede Natura cunha nova reforma legal mentres aínda ten pendentes de aprobar outras varias medidas para axilizar proxectos enerxéticos

Mentres aínda ten pendentes de aprobar varias medidas para axilizar proxectos enerxéticos, nomeadamente parques eólicos, a Xunta vén de presentar unha nova Lei de administración ambiental simplificada que substituirá e derrogará por completo a anterior Lei de protección ambiental de Galicia de 1995. 

Ademais do cambio semántico que supón pasar de "protección" a "administración simplificada" do medio ambiente, a nova norma, entre outras medidas, levanta a prohibición de que as liñas eléctricas de evacuación dos parques eólicos atravesen espazos protexidos pola Rede Natura 2000. Tamén insiste en regular a figura das entidades privadas de colaboración ambiental tras unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou parte dun anterior intento similar.

Un parque eólico nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta anunciou hai un ano que estaba a elaborar unha nova lei de administración ambiental, pero é agora, coa aprobación do anteproxecto articulado e a súa exposición ao público, previa á aprobación definitiva e envío ao Parlamento, cando se coñece o alcance da nova norma. E o que fai esta lei non é só emendar normas previas, como vén facendo o PP con diversas modificacións nos últimos anos, senón substituír por completo a Lei de protección ambiental de Galicia de 1995. 

Segundo salienta o propio Goberno galego na exposición de motivos da nova lei, a norma anterior baseábase na "defensa, protección, conservación e restauración do medio ambiente". Neste tempo, argumenta, o dereito ambiental foi mudando na Unión Europea e Galicia, fragmentándose a normativa. Por iso a nova lei di ter por obxecto "establecer o marco normativo para a prevención e o control integrados da contaminación, mellorar a eficiencia no uso sostible dos recursos e promover a economía circular e a descarbonización".

A nova norma insiste, tras unha condena da Xunta, en que "entidades de colaboración ambiental" privadas verifiquen a "conformidade á normativa" das avaliacións ambientais e colaboren "nas funcións de inspección ambiental"

Unha das figuras que regula a nova lei é a das entidades de colaboración ambiental privadas que a axuden na inspección ou supervisión ambiental de todo tipo de proxectos. A Xunta xa tentou regular esa figura a través dun decreto aprobado en 2023, pero o pasado marzo o TSXG anulou parte desa normativa e agora o Goberno galego opta por impulsala novamente cun rango maior, de lei. Así, o novo texto insiste en que entidades privadas poderán colaborar "na tramitación" de diversos procedementos ambientais, "nas funcións de inspección ambiental" ou na "verificación da conformidade á normativa aplicable" de proxectos sometidos a autorización ambiental. 

O texto di que os traballos que fagan esas entidades "poderán ser asumidos pola administración pública competente sen prexuízo das súas competencias" e incide en que "a actuación desas entidades non poderá substituír as potestades públicas de autorización, avaliación, inspección e sanción". 

Oficinas da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A nova lei tamén muda a normativa sobre o que é posible facer ou non en Rede Natura 2000. Neses espazos protexidos estaba prohibida a instalación de novos parques eólicos ou encoros coa excepción de proxectos de repotenciación de instalacións xa existentes. Agora a nova norma engade que tampouco se poderán executar nesas zonas protexidas accesos ou outras obras para instalacións emprazadas fóra. Pero si pasa a permitir que novos proxectos enerxéticos afecten á Rede Natura 2000 coa "liña eléctrica de evacuación da enerxía producida".

Esta medida chega despois de que o TSXG veña de anular un parque eólico en Mazaricos porque a Xunta non analizou correctamente o seu impacto ambiental, entre outras cuestións por non avaliar conxuntamente o impacto dos aeroxeradores e da liña de evacuación eléctrica. 

A nova lei ambiental aposta pola "aceleración" de parques eólicos mentres a Xunta ten aínda pendentes diversas medidas para un sector cuxa paralización atribúe á xustiza

En xeral a nova Lei de administración ambiental simplificada aposta expresamente pola "aceleración" dos permisos para parques eólicos e chega cando a Xunta aínda ten pendentes de implantar diversas medidas nese mesmo sentido, nun sector no que a lei marco galega que o regula, de 2009, xa foi reformada 14 veces noutros tantos anos.

Agora, por unha banda, a través da lei de acompañamento dos Orzamentos para o próximo ano, aínda en tramitación no Parlamento, vai priorizar os parques eólicos sobre a paisaxe e só vetará as instalacións eólicas no caso de que a paisaxe non se poida recuperar cando no futuro se desmonten os aeroxeradores.

Por outra banda, o Goberno galego anunciou en outubro do pasado ano que impulsaría un novo Plan Sectorial Eólico, o documento que di onde e como se poden instalar aeroxeradores. Fora comprometido na lei do sector eólico de 2009, pero nada fixo a Xunta ata que hai máis dun ano Rueda o volveu anunciar. Porén, máis dun ano despois o Goberno galego aínda nin contratou os traballos de redacción do documento, que se estenderán varios anos. 

Fronte ás súas propias demoras e a inseguridade xurídica que provocan os constantes cambios legais que vén impulsando a Xunta nos sectores eólico e ambiental, o Goberno galego e o PP acusan o TSXG de paralizar o sector por suspender cautelarmente parques eólicos mentres analiza a súa legalidade ou anular algúns deles de xeito definitivo porque o seu impacto non foi correctamente analizado pola Xunta. Suspensións cautelares ou anulacións definitivas do TSXG que en moitos casos están a ser avaladas polo Tribunal Supremo. Aínda así, este venres o PPdeG volveu criticar o TSXG polas súas decisións contrarias aos seus intereses: "Son ganas de enredar", di o seu voceiro parlamentario, ao tempo que impulsa unha nova reforma legal para o sector.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.