A crise climática non se detén: a temperatura da auga do mar en Galicia bateu récords en maio

Praia de Ariño, en Camariñas CC-BY-SA Xunta

Os efectos da crise climática non só non se deteñen senón que teiman en bater marcas históricas. O quecemento global impacta en todo, desde os incendios ata as mortes por calor pasando polas consecuencias económicas ou na biodiversidade, deixando récords en múltiples ámbitos. O último deles apunta á temperatura da auga do mar, que vén de rexistrar máximos de temperatura para un mes de maio na costa galega

Todas as boias de Puertos del Estado en Galicia rexistraron neste 2026 a súa máxima temperatura histórica nun mes de maio

Así o advirte Puertos del Estado, que alerta de "récords históricos" en case toda España, baseándose na rede de boias coas que mide en tempo real a temperatura, ademais da ondada ou as correntes. Segundo os datos, todas as boias de Galicia e do mar Cantábrico, e boa parte das de Mediterráneo, bateron os récords de temperatura para un mes de maio, chegando a picos como os 26,6º en Maó, nas Illes Balears. 

As boias de punta Lagosteira e Estaca de Bares rexistraron case 20º na auga nun dos días de calor de finais de maio

Así, as catro boias fondeadas e activas na actualidade na costa galega rexistraron neste 2026 a súa máxima temperatura nun mes de maio. No caso dos dispositivos máis afastados da costa, o de Estaca de Bares rexistrou o seu valor récord para maio o pasado día 31, con 19,25º centígrados, o mesmo día no que o de Vilán-Sisargas tamén superou a marca histórica para ese mes, con 18,72º C. No caso de Cabo Silleiro, foi o día 27 cando bateu marcas ao alcanzar os 18,71º C. 

Ademais, e no que ten que ver coas boias da Rede Costeira—as máis próximas a praias e portos—, a de Punta Lagosteira, onde o porto exterior da Coruña, tamén superou o récord para un mes de maio o día 27 ao alcanzar case os 20 graos (19,5º C), a temperatura máis alta nese mes desde 2013, ano no que empezaron os rexistros. 

Episodio extraordinario de calor

No caso das outras tres boias de medición activas en Galicia (as de Ferrol están sen actividade), as temperaturas alcanzadas nos devanditos días foron as máis altas para un mes de maio desde que se comezara a medir e rexistrar esta variable: 1998 no caso de Silleiro e Vilán-Sisargas e 1996 no caso de Estaca de Bares. 

A evolución climática, con todo, apunta a que estas altas temperaturas son as máis altas alcanzadas na historia nas augas do mar do litoral galego que, ao igual que todo o país, a península e o mundo, bate cada ano novas marcas que dan conta dos efectos negativos da crise climática. 

Bateas na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta de Galicia

De feito, o balance climatolóxico do pasado mes publicado por Meteogalicia esta semana confirma todas as advertencias. Segundo o documento, Galicia rexistrou un mes moi cálido cun episodio extraordinario de altas temperaturas que durou máis de dez días

Galicia rexistrou un mes de maio moi cálido, con 1,7 graos por riba da temperatura media. A cidade de Ourense só baixou dos 30 graos un día

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, advertiu de que a temperatura media foi de 16,1 graos, o que supón 1,7 graos máis que o valor habitual nesta época do ano. Tamén indicou que nos últimos dez días do mes a cidade de Ourense só baixou unha xornada dos 30 graos.

Ante situacións como estas e o inicio do verán climatolóxico e a posibilidade de novos e recorrentes episodios de calor, a Xunta activou o sistema de alerta temperá de detección destes fenómenos para "anticipar riscos, mellorar as predicións e protexer a poboación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.