O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e mais Xuízas e Xuíces para a Democracia saíron en defensa da "independencia xudicial" logo das presións de compañías enerxéticas e a Xunta e tras o sinalamento que a empresa Greenalia fixo ao maxistrado Luís Villares tras diferentes sentenzas xudiciais vinculadas á instalación de parques eólicos.
A Sala de Goberno do TSXG advertiu nun comunicado que "ante a publicación de noticias que cuestionan a actuación de xuíces e xuízas galegos" víase na "obriga" de "lembrar que a independencia xudicial é un dos piares do Estado de Dereito e da democracia". "O seu respecto por parte das administracións públicas e a cidadanía é esencial para o normal funcionamento das institucións", lembra o alto tribunal, "sen prexuízo de que quen estea desconforme coas resolucións xudiciais utilice os medios que lle garante a lexislación procesual".
Nos mesmos termos se manifestou a sección territorial galega da asociación Xuízas para a Democracia (XXpD) "ante as recentes manifestacións públicas de voceiros de empresas eólicas e algunha responsábel da Administración contra resolucións ditadas pola Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG" e polo que decidiron "saír ao paso en defensa da independencia xudicial e da dignidade de todos os seus membros".
"A crítica ou valoración ás resolucións xudiciais é lexítima, pero neste caso non é iso o que sucedeu. As manifestacións realizadas debullaron un escenario falso e, sen querer ou poder cuestionar os motivos das resolucións, optaron polo ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado dos que conforman sala", din con contundencia.
Xuízas para a Democracia acusa a Greenalia e a Xunta de "debullar un escenario falso" e "optar polo ataque persoal a un órgano xudicial enteiro a través do ataque a un maxistrado"
En ambos casos, TSXG e XXpD refírense aos ataques que desde Greenalia verteron contra o maxistrado Luís Villares, quen fora portavoz e candidato de En Marea á presidencia da Xunta. O último tivo lugar nun extenso comunicado o pasado 26 de xuño cando a empresa enerxética cargou contra o alto tribunal polo criterio que aplica na sentenza relativa ao parque eólico Bustelo, paralizado tras anularen os maxistrados a autorización administrativa concedida pola Xunta, argumento que a sala xa empregara para vetar tamén o aval doutra instalación en Campelo.
A compañía acusou o TSXG de "crear inseguridade xurídica" e aproveitou para lembrar que presentara unha recusación sobre Villares, un dos maxistrados da sala que emitiu o ditame, como xa fixera hai pouco máis dun ano. Entende a empresa que "debía absterse de participar na resolución dos recursos, tendo en conta que, durante a súa etapa política, mostrara publicamente, en diferentes ocasións, a súa oposición á instalación de proxectos eólicos e ás normas aprobadas pola Xunta para a regulación do sector".
O xuíz Luíz Villares, tal e como aclaran fontes xudiciais, non foi o relator de ningunha das resolucións relacionadas coa instalación de parques eólicos en Galicia que chegaron ao alto tribunal e só participou do proceso en cinco das catorce sentenzas e un auto que emitiu a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG en materia de eólicos.
"Un responsábel político non pode seriamente atribuír a causa da inseguridade xurídica ás decisións dos tribunais"
Pero Greenalia -en cuxo consello de administración está a ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato ou o ex-conselleiro de Industria Antonio Couceiro- xa intentara hai máis dun ano a recusación do maxistrado alegando que tiña un "interese persoal na causa", unha cuestión que foi desbotada. "Acudir agora a tal argumento evidencia pouca consistencia dos outros que usou", salientan nun comunicado desde XXpD, lembrando que algunha empresa "pretendeu que se variara o tribunal que debía resolver" sobre tramitacións de parques "aducindo unha causa de recusación contra un maxistrado da sala" que fora xa rexeitada.
Ademais, no comunicado lembran que as resolucións xudiciais que atinxen aos parques eólicos galegos -e que xa foron feitas públicas- "resolvéronse con resolucións asumidas pola totalidade dos membros do tribunal, ao ser ditadas co unánime voto deles, e non co voto nin principal, nin decisivo de quen é branco de tan gratuíto ataque".
Fontes coñecedoras dos casos lembran tamén que foron variados os motivos para o acollemento dos diferentes recursos, por parte do TSXG ou do Tribunal Supremo, á instalacións de parques eólicos, desde a fragmentación artificiosa, á afectación do patrimonio cultural ou espazos naturais protexidos, pasando pola caducidade da declaración de impacto ambiental, a infracción de normas de dereito comunitario ou a redución dos tempos de trámite de información pública.
"Un grupo de empresas privadas con importantes intereses económicos pretenden que un tribunal mude de criterio á marxe das vías legais", denuncia XXpD
Malia todo, e na mesma liña que o comunicado pola compañía Greenalia, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) trasladou tamén a súa "preocupación máxima" ante as diferentes sentenzas polas "perdas millonarias" e o "prexuízo", non só para as empresas do sector enerxético, "senón para todo o conxunto do sector industrial galego, que se podería ver afectado pola revisión das autorizacións en sede xudicial". O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, advirte de "nefastas consecuencias" na actividade económica, polo tanto, "no emprego e en futuros investimentos". "Estamos a enviar sinais que non favorecen a atracción de investidores e promotores de proxectos industriais á nosa comunidade", afirma.
Desde a Xunta, a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, foi quen hai só uns días, nunha entrevista no Faro de Vigo, non dubidou tampouco en asegurar que as medidas cautelares determinadas polos tribunais "crean inseguridade xurídica". Así, aludiu á súa experiencia "como xurista" para advertir de que as medidas cautelares que supoñen a suspensión temporal das autorizacións dalgúns parques "deben estar baseadas na presunción dun bo dereito ou un perigo de mora procesual".
"Como xurista paréceme moi dubidoso que se poida estimar unha medida cautelar de suspensión en base a un informe pericial que se achegue, e non digo que o técnico que o faga non sexa competente. Esas medidas cautelares crean inseguridade xurídica", resumiu, nunhas declaracións que fontes xudiciais reprochan e lamentan.
No comunicado, XXpD alerta de que "un responsábel político non pode seriamente atribuír a causa da inseguridade xurídica ás decisións dos tribunais". "É no ámbito político no que se deben decidir as normas, pero os responsábeis políticos están vinculados a elas e son eles os que deben evitar, precisamente, que os tribunais teñan que corrixir as súas actuacións por inobservancia dos procedementos", di. "Se consideran que as tramitacións producen inseguridade, ou varían as normas ou varían o seu proceder", insiste a nota.
"Que desde a Consellería se produzan manifestacións sen argumentos xurídicos sobre o fondo é un ataque frontal á independencia xudicial"
"Que desde a Consellería e dende unhas empresas se produzan manifestacións como as destes días, que non achegan argumentos xurídicos sobre o fondo senón cualificacións persoais, é un ataque frontal á independencia xudicial", insisten, advertindo de que por esa vía "un grupo de empresas privadas con importantes intereses económicos pretenden que un tribunal mude de criterio á marxe das vías legais ou, cando menos, que se altere a composición da sala nun intento de obter unha resposta máis beneficiosa aos seus intereses", engade.
Por iso, XXpD cren que é "o momento" de "reclamar á Xunta que evidencie que, comparta ou non a interpretación que fan os tribunais das normas, comparte que a súa posición institucional é a de aceptar esas interpretacións e apoiar o Poder Xudicial". "Calquera outro comportamento, actitude ou mensaxe será incomprensíbel", rematan.