Greenalia carga contra o TSXG polo seu criterio á hora de paralizar parques eólicos: "Crea inseguridade xurídica"

Parque eólico de Greenalia © Greenalia

Greenalia revíraselles aos xuíces e acusa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de xerar "inseguridade xurídica" para o desenvolvemento de proxectos industriais no país polo criterio que aplica na sentenza relativa ao parque eólico Bustelo, paralizado tras anularen os maxistrados a autorización administrativa concedida pola Xunta, argumento que a sala xa empregara para vetar tamén o aval doutra instalación en Campelo

Nunha ampla nota de prensa, o grupo que preside José María Castellano carga contra o TSXG polo criterio que adoptou respecto á forma de tramitar o procedemento de avaliación de impacto ambiental no parque. O alto tribunal ditaminou que neste procedemento debían tramitarse primeiro as peticións dos informes sectoriais para logo abrir a fase de información pública para que os interesados puidesen alegar ao contido destes informes. 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

O TSXG ditamina que a petición de informes sectoriais debe tramitarse antes da fase de información pública, doutrina que Greenalia considera contraria á lei de avaliación ambiental

Segundo Greenalia, esta "particular doutrina" do TSXG "resultaría contraria coa literalidade do artigo 37.1 da Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental". Para a empresa, o devandito artigo dispón "expresamente" que a solicitude de informes sectoriais ás administracións afectadas farase simultaneamente ao trámite de información pública. Ademais, o grupo enerxético asegura que, como recolle a propia sentenza do Superior galego, o tribunal Supremo admitiu hai pouco a trámite dous recursos de casación fronte a esta doutrina do TSXG, "un aspecto que, no entanto, non impediu ao tribunal galego manter unha postura que non está amparada en ningún precedente do Tribunal Supremo". 

Greenalia advirte de que "son varios os proxectos que teñen imposta unha medida cautelar en Galicia pola mesma sala do TSXG en aplicación deste criterio", un número que, din, "prevé que se poida aumentar nos vindeiros meses". Así, advirten que se se mantivese este criterio, "non só afectaría aos proxectos de parques eólicos, senón a calquera proxecto industrial que precise dunha declaración de impacto ambiental para a súa tramitación, dado que o criterio do TSXG afecta a interpretación de normas estatais e europeas aplicables a todos os procedementos administrativos de autorización de proxectos enerxéticos, industriais ou de calquera clase". 

Greenalia cre que o criterio do TSXG "afecta calquera proxecto que precise dunha declaración de impacto ambiental" e baséase "en meras sospeitas de dano"

Para a empresa, en cuxo consello de administración están Antonio Couceiro ou a ex-conselleira de Medio Ambiente e de Traballo, Beatriz Mato, o criterio do Superior "fúndase, na maioría dos casos, nas meras sospeitas de dano ambiental de proxectos que foron sometidos, durante meses e mesmo anos, a rigorosos procedementos de impacto ambiental". 

Así, Greenalia di que "acata e respecta a decisión" do TSXG pero "alerta sobre a inseguridade xurídica que esta situación está a xerar nas empresas para o desenvolvemento de proxectos industriais". Ademais, advirte do "impacto" na execución dos contratos con consumidores enerxéticos industriais, nos compromisos cos propietarios onde se asentan os parques "e tamén sobre a propia viabilidade económica das empresas do sector". Así, alertan das "importantes perdas" que as paralizacións supoñen para todas as empresas implicadas nos proxectos o que "repercute de forma importante no emprego xerado por estas actividades". 

Protesta contra os parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural CC-BY-SA Plataforma NON Eólicos Bustelo - Campelo - Monte Toural

A empresa presentou unha recusación que foi rexeitada contra Luís Villares, ex-líder de En Marea, por ter mostrado "a súa oposición á instalación de proxectos eólicos"

Alén diso, Greenalia quéixase tamén de que a medida cautelar imposta pola sentenza obrigou a paralizar as obras "malia ter investido xa máis de 7 millóns de euros" e de que a medida foi aprobada sen solicitar á demandante -Adega- "ningún tipo de fianza". 

Por último, Grenalia lembra que presentou tamén unha recusación sobre un dos maxistrados da sala que emitiu o ditame, Luís Villares, ex-candidato á presidencia da Xunta por En Marea, como xa fixera hai pouco máis dun ano. Entende a empresa que "debía absterse de participar na resolución dos recursos, tendo en conta que, durante a súa etapa política, mostrara publicamente, en diferentes ocasións, a súa oposición á instalación de proxectos eólicos e ás normas aprobadas pola Xunta para a regulación do sector". 

Greenalia chega a recoñecer que achegou un informe de máis de vinte páxinas con notas de prensa e vídeos nos que se recollían manifestacións públicas de Villares "en contra destes desenvolvementos, das que se desprendía a súa posible incompatibilidade para xulgar o recurso que afectaba ao parque Bustelo". 

A proposta de recusación, como lembra a empresa, foi rexeitada, unha decisión coa que non está de acordo ao entender que "contrasta coas recentes declaracións do presidente do Consello Xeral do Poder Xudicial, onde avoga pola comunicación e transparencia 'como instrumento de contrapeso ante a percepción adversa da independencia xudicial". 

Beatriz Mato, daquela conselleira de Medio Ambiente, e Francisco Conde, entón conselleiro de Economía, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

O caso é que o pasado luns día 19, Greenalia informou de que reactivaba o desenvolvemento do parque de Bustelo ante a "desestimación" por parte do TSXG do recurso de Adega. O martes, o alto tribunal aclaraba nunha nota que na sentenza notificada o pasado venres ás partes había "un erro material evidente" polo que se indicara que "desestima" o recurso en lugar do "estima" que finalmente se ditaminou. 

No ditame, os maxistrados -ademais da referencia ao procedemento de avaliación ambiental referido- consideran probado que se produciu unha indebida fragmentación do proxecto do parque eólico e insisten, como na sentenza que anulara a autorización para construír o parque eólico de Campelo, que se recoñeceu abertamente, por parte dos letrados das codemandadas, "que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos --Campelo, Monte Toural e Bustelo-- que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións, a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si". Como no resto de casos, o TSXG, polo tanto, conclúe que a avaliación ambiental ordinaria tería que ser única.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.