Outro golpe xudicial a Greenalia. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular, por non ser conforme a dereito, a autorización administrativa previa e de construción concedidas pola Xunta á empresa para construír o parque eólico Bustelo, situado nos concellos de Coristanco e Carballo, ao considerar -como noutros casos- que se levou a cabo unha fragmentación indebida de diferentes proxectos que, en realidade, supoñen só un.
O alto tribunal galego estimou o recurso interposto pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) contra a decisión da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais de xuño de 2021, pola que lle concedera as autorizacións á promotora.
O TSXG considera que se fragmentaron indebidamente diferentes proxectos (Campelo, Bustelo e Monte Toural) que, en realidade, "son integrados e dependentes entre si"
O caso é que este pasado luns Greenalia informou de que reactivaba o desenvolvemento do parque ante a "desestimación" por parte do TSXG do recurso de Adega. Agora, este martes, o alto tribunal aclara nunha nota que na sentenza notificada o pasado venres ás partes había "un erro material evidente" polo que se indicara que "desestima" o recurso en lugar do "estima" que finalmente se ditaminou.
Na sentenza, os maxistrados consideran probado que se produciu unha indebida fragmentación do proxecto do parque eólico e insisten, como na sentenza que anulara a autorización para construír o parque eólico de Campelo, que se recoñeceu abertamente, por parte dos letrados das codemandadas, "que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos --Campelo, Monte Toural e Bustelo-- que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións, a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si". Como no resto de casos, o TSXG, polo tanto, conclúe que a avaliación ambiental ordinaria tería que ser única.
Ademais, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo lembra que o artigo 36.1 da Lei de Avaliación Ambiental impón que os informes sectoriais débense obter antes do trámite de información pública. "Así pois, tanto a lei estatal como a directiva citada contiñan un mandato claro en orde a conseguir os informes sectoriais antes de someter o proxecto e o estudo ambiental ao trámite de información conxunto (cada un polo seu prazo)", indica o TSXG.
O ditame tamén destaca que cando se someteu o proxecto ao último trámite de información pública (por un prazo de 15 días) aínda non se recibiran todos os informes sectoriais. "Diso resulta que quen xa alegara ou quen aínda non o fixera no prazo outorgado non puido exercer de forma plena o seu dereito a participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban, nun trámite que necesariamente tiña que realizarse antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía", di.
A Sala lembra que xa se pronunciou sobre as mesmas alegacións noutros ditames. O último deles, notificado ás partes o pasado 1 de xuño, no que o TSXG anulou, polos mesmos motivos, a autorización administrativa previa e de construción do proxecto do parque eólico Campelo, situado en Coristanco e Santa Comba (A Coruña) e promovido pola mesma empresa.
O outro parque que se considera que forma parte deste mesmo conxunto, o do Monte Toural, tamén fora paralizado cautelarmente, ao impedir a súa construción porque, segundo o TSXG, o inicio das obras podía ser negativo para unha zona húmida alí existente se finalmente constata que a empresa fragmentou ilegalmente o proxecto para facilitar a súa autorización.
Desde hai anos, son numerosas as denuncias de todo tipo de colectivos por toda Galicia de fragmentacións de proxectos eólicos por parte das empresas promotoras que estarían a ver así facilitada a súa tramitación ambiental. No caso do parque de Sasdónigas, en Mondoñedo, a finais de 2020 o TSXG censurou que a súa “fragmentación” e “división artificial” en dúas supostas fases distintas que consentiu a Xunta evitou que se analizase correctamente o impacto de todo o proxecto sobre a natureza e o patrimonio e que se tivesen en conta “os efectos sinérxicos ou acumulativos”. Esa sentenza foi ratificada polo Tribunal Supremo o pasado febreiro, nun proceso no que a propia Xunta asumiu que o parque non eran dous senón un só fragmentado.
Desde aquela, outras sentenzas insistiron nesta eiva de procedemento por parte da Xunta que, no entanto, non considera que a fragmentación de parques eólicos teña impacto ambiental.