O alto tribunal revela que o recurso do Goberno galego contra a sentenza previa do TSXG que censurou a “fragmentación” e “división artificial” do proxecto para facilitar a súa aprobación non cuestionou ese feito
O Supremo, como contou Praza.gal a pasada fin de semana, vén de facer públicas dúas sentenzas nas que ratifica a anulación por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) da autorización que a Xunta deu para a instalación do parque eólico Sasdónigas, promovido por Norvento entre Mondoñedo e Abadín e xa en funcionamento. O Supremo considera, como o TSXG antes, que a Xunta non realizou unha correcta avaliación ambiental dos impactos que supuña o proxecto. Pero a súa sentenza revela tamén que nin o Goberno galego nin a empresa obxectaron a unha das principais críticas xudiciais, a de que se fragmentara artificialmente un único parque facéndoo pasar por dous distintos para facilitar a súa validación ambiental.
A finais de 2020 o TSXG anulou o parque eólico Sasdónigas por considerar que non se avaliara correctamente o seu impacto sobre a natureza e o patrimonio cultural. Xunta e empresa promotora recorreron ante o Supremo argumentando que non se podía poñer en cuestión unha primeira avaliación ambiental positiva realizada sobre o proxecto hai unha década con motivo dunha posterior autorización á empresa para modificar o proxecto orixinal e amplialo. O Supremo rexeita os recursos e avala a actuación do TSXG sobre varios aspectos do longo proceso de autorización do parque.
Pero o Supremo tamén realiza nunha das súas sentenzas unha “aclaración previa” que di que “condiciona indirectamente” o seu debate a respecto da ilegalidade coa que actuou a Xunta. O alto tribunal lembra que “a xuízo da Administración concedente das autorizacións, o Parque Eólico de autos trátase, en realidade, de dúas instalacións independentes, a Fase I e a Fase II”. Porén, o Supremo lembra que o TSXG rexeitou “que se trate de dous parques independentes, senón dun só ampliado. O alto tribunal di asumir esa valoración do TSXG “por tratarse dunha cuestión fáctica que está excluída da casación” pero tamén porque “non se fai oposición algunha a dita cuestión” nos recurso presentados nin pola Xunta nin pola empresa.
A fragmentación de parques eólicos mesmo por parte dun mesmo promotor para facilitar a súa autorización ambiental é unha denuncia que están a lanzar diversas entidades por todo o país
O Supremo revela así como Xunta e Norvento recorreron contra outras cuestións procesuais pero asumiron implicitamente o argumento do TSXG de que a “fragmentación” e “división artificial” do parque permitida pola Xunta facilitou que non se avaliase correctamente o seu impacto.
A fragmentación de parques eólicos mesmo por parte dun mesmo promotor para facilitar a súa autorización ambiental é unha denuncia que están a lanzar diversas entidades por todo o país e que se sustentaría en que canto máis pequeno e menos muíños ten un parque, máis sinxelo lle resulta obter os permisos. Aínda que despois na práctica eses parques autorizados por separado acaben funcionando como un único parque de maior tamaño.
O Supremo está aínda pendente de pronunciarse sobre outros dous parques eólicos significativos tamén anulados polo TSXG, os do Oribio e Corme
Tras estas sentenzas agora emitidas polo Supremo sobre o parque eólico de Sasdónigas, o alto tribunal está aínda pendente de pronunciarse sobre outros dous parques eólicos significativos tamén anulados polo Tribunal Superior de Galicia, os do Oribio e Corme. O do Oribio foi anulado polo TSXG un mes despois que o de Sasdónigas, neste caso porque a Xunta considerou válido un permiso ambiental de 15 anos antes que o tribunal dixo que xa non se podía considerar vixente.
No caso de Corme, a sentenza do TSXG foi emitida o mes pasado e nela o tribunal concluíu que a Xunta reducira ilegalmente a 15 días o prazo de exposición pública do informe de impacto ambiental do proxecto.