O Tribunal Superior sentenciou que a avaliación ambiental non fora adecuada, pero o Goberno galego e a empresa argumentan ante o Supremo que o recurso fora presentado contra a aprobación definitiva do parque e non contra o trámite ambiental previo
“No caso do parque eólico de Sasdónigas [en Mondoñedo] estamos ante unha fragmentación en dúas fases [de] un único parque eólico dividido artificiosamente polo promotor”. Así se pronunciou a finais do pasado ano o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza na que anulou a aprobación definitiva a finais de 2018 por parte da Xunta dese parque eólico, xa en funcionamento, porque a súa fragmentación artificial en dous impediu avaliar correctamente no seu conxunto os seus impactos.
Contra esa sentenza tanto o Goberno galego como a empresa promotora, Norvento, presentaron recursos de casación ante o Tribunal Supremo, que os vén de admitir a trámite nun auto que concreta o argumento esgrimido pola administración e a eléctrica sobre o que se terá que pronunciar, que se resume en que a denuncia contra o parque eólico se presentou tarde e o TSXG xa non podía pronunciarse sobre a súa avaliación ambiental.
O recurso contra o parque eólico sobre o que sentenciou o TSXG formulouse contra a resolución da Xunta que fixo público o acordo de aprobación definitiva do Goberno galego, adoptado nun Consello da Xunta o 22 de novembro de 2018 presidido polo propio Feijóo e do que non informou ao seu remate, senón meses despois a través do Diario Oficial de Galicia. O Tribunal Superior considerou que a fragmentación artificial do parque para facilitar a súa aprobación impedira avaliar correctamente os seus impactos tanto ambiental como ao patrimonio, que foran validados nunha declaración de impacto ambiental previa.
Porén, Xunta e empresa consideran que o tribunal xa non podía pronunciarse sobre a legalidade ou non da avaliación ambiental ante un recurso que se dirixía contra o trámite posterior de aprobación definitiva do parque. Así que agora o Tribunal Supremo analizará “se, tras o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción” do parque é posible discutir “con ocasión da impugnación do acordo de aprobación definitiva” por parte da Xunta, “a conformidade a dereito da declaración de impacto ambiental que as precedeu”.
No seu momento, na sentenza agora recorrida ante o Supremo, o TSXG salientara que na avaliación ambiental do parque “non se valoran correctamente elementos especialmente protexidos, como o Camiño de Santiago, constando unha vía do parque eólico que o cruza e que serve de comunicación entre Fase I e Fase II, resultando indispensable para o mantemento, resultando unha actividade prohibida” pola lei de patrimonio cultural de Galicia. A sentenza tamén indicaba que esa avaliación ambiental “non contén todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora”.
No proceso previo ante o TSXG, que censurou o impacto sobre o camiño de Santiago, a empresa argumentou que os muiños resultan "atractivos para os turistas"
Pola súa banda, no xuízo a empresa argumentara na súa defensa, segundo salientou o propio TSXG, “que os aeroxeradores resultan ‘atractivos para os turistas’; dando a entender que supoñen un valor engadido, en vez dunha grave afectación polo seu impacto visual e acústico”.
O parque eólico de Sasdónigas xa foi polémico pola decisión do goberno local de Mondoñedo, do PP, de rebaixarlle nun 50% (110.000 euros) o imposto de construción, segundo denunciou a finais de 2018 o PSdeG local.