Os xuíces censuran que a “fragmentación” do proxecto permitida pola Xunta evitou que se analizase o seu impacto, fronte á visión da empresa de que os muíños resultan “atractivos para os turistas”
O 22 de novembro de 2018 o Consello da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijóo, aprobou a modificación da autorización do parque eólico Sasdónigas, en Mondoñedo, outorgada previamente en xaneiro de 2012 polo mesmo Goberno galego. Tanto o presidente Feijóo na súa rolda de prensa como a información do contido daquel Consello divulgada polo seu gabinete nada dixeron dese acordo que viñan de tomar, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia máis de dous meses despois, o 4 de febreiro.
Dous anos despois, e co parque xa en funcionamento, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula aquela decisión por considerar que a “fragmentación” e “división artificial” do parque que autorizou a Xunta con aquela modificación evitou que se analizase correctamente o seu impacto sobre a natureza e o patrimonio, entre eles sobre un xacemento romano e sobre o Camiño de Santiago. A empresa promotora, Norvento, defendeu, pola contra, que os muíños resultan “atractivos para os turistas”.
A ocultación de acordos polémicos do Consello da Xunta é habitual, ao tempo que o Goberno galego publicita supostas medidas que non son realmente aprobadas polo Consello
A ocultación de acordos polémicos do Consello da Xunta é habitual, ao tempo que o Goberno galego publicita supostas medidas que non son aprobadas polo Consello. De feito, naquel Consello no que non se informou do acordo sobre o parque eólico, o Goberno galego si publicitou un informe, documento propagandístico sen valor xurídico, sobre actuacións de integración paisaxística do Camiño en Santiago. A decisión de non informar daquel acordo sobre o parque de Sasdónigas agora anulado contrasta tamén co proceder habitual do propio presidente, que adoita salientar en persoa nas súas comparecencias tras os consellos, sen remitilas á información do seu gabinete, todo tipo de avances e decisións no sector eólico.
Segundo o tribunal, a autorización do parque incumpriu as leis de avaliación ambiental, de patrimonio e de aproveitamentos eólicos
A sentenza agora feita pública polo TSXG considera que “en Sasdónigas estamos ante unha fragmentación en dúas fases realizada pola promotora, sendo evidente que o emprazamento xeográfico é o mesmo e se comparten elementos clave de funcionamento”, como a subestación transformadora e o edificio de control do parque. Esa fragmentación impediu valorar correctamente o impacto do parque e incumpriu varias leis: a de avaliación ambiental, por non estudar outras alternativas para os muíños máis que a única proposta pola empresa; a de patrimonio cultural, por afectar ao Camiño de Santiago e non analizar o posible impacto sobre os restos dun campamento militar romano; e a lei de aproveitamentos eólicos, por aprobarse sen contar con todos os informes sectoriais necesarios.
Segundo o tribunal, “non se valoran correctamente elementos especialmente protexidos, como o Camiño de Santiago, constando unha vía do parque eólico que o cruza e que serve de comunicación entre Fase I e Fase II, resultando indispensable para o mantemento, resultando unha actividade prohibida” pola lei de patrimonio cultural de Galicia.
A sentenza tamén sinala que “para que as modificacións dun parque eólico teñan o carácter de non esencial haberán de dispoñer de informe favorable do órgano ambiental”, pero o informe emitido neste caso “non contén todos os informes sectoriais necesarios para valorar correctamente a incidencia ambiental da modificación proposta pola promotora”. O tribunal sinala que non se contou coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil malia que a subestación e o acceso ao parque “emprázanse na zona de protección internacional Reserva da Biosfera Terras do Miño”.
Segundo a sentenza, Norvento alegou “que os aeroxeradores resultan ‘atractivos para os turistas’; dando a entender que supoñen un valor engadido, en vez dunha grave afectación"
Sobre o impacto, a sentenza recolle como a empresa alega “que os aeroxeradores resultan ‘atractivos para os turistas’; dando a entender que supoñen un valor engadido, en vez dunha grave afectación polo seu impacto visual e acústico”.
O parque eólico de Sasdónigas xa foi polémico pola decisión do goberno local de Mondoñedo, do PP, de rebaixarlle nun 50% (110.000 euros) o imposto de construción, segundo denunciou a finais de 2018 o PSdeG local.