O popular, que critica os 'venres sociais' de Sánchez, chegou a 'aprobar' un suposto informe sen validez xurídica na campaña das xerais de 2011 no que pedía ao Goberno de Zapatero “que se poña a traballar”
"Cada Consello de Ministros convértese nun mitin do PSOE". Así criticou nesta campaña o presidente Feijóo os denominados “venres sociais”, os últimos consellos de ministros nos que o Goberno central está a aprobar medidas cualificadas pola oposición como electoralistas. Porén, só nas 19 reunións do Consello da Xunta celebradas nas dez campañas electorais de todo tipo que se levan vivido desde que Feijóo é presidente divulgáronse, ademais de decretos ou acordos, un total de 63 informes sen valor legal, meras notas de prensa propagandísticas presentadas como supostas decisións do Goberno galego e coas que a Xunta chegou a pedir ao Goberno central “que se poña a traballar”. Este xoves o propio Feijóo defendeu a súa actuación e diferenciouna da de Sánchez argumentando que a Xunta non está en funcións. Porén, o Goberno central tampouco o estará ata o próximo luns.
Nas roldas de prensa posteriores a cada Consello da Xunta (e no listado de asuntos supostamente tratados nesas reunións que divulga posteriormente o Goberno galego) hai anos que todos os presidentes adoitan non só referirse aos proxectos de lei, decretos ou acordos aprobados neses encontros senón tamén a supostos informes, documentos que, ao contrario que as anteriores figuras legais, non requiren dun traballo xurídico previo e non teñen nin que ser aprobados formalmente. Eses informes, que teñen a mesma validez legal que unha nota de prensa, veñen sendo usados polo presidente de cada momento para introducir el mesmo na súa comparecencia algún tema sobre o que lle interese pronunciarse orientando así a axenda política e informativa. O rango legal deses informes, ao contrario que as decisións do Consello de Ministros, é nulo e como máximo limítanse a deixar constancia dunha decisión firme producida noutro ámbito ou momento, pero non nese concreto Consello da Xunta.
Un informe divulgado tras unha reunión do Consello da Xunta na campaña das xerais de 2011 eloxiaba o seu propio traballo e criticaba o do Goberno de Zapatero
Durante as campañas electorais dos dez comicios celebrados desde a chegada de Feijóo á Xunta en 2009 (Xerais de 2011, 2015, 2016 e as actuais, autonómicas de 2012 e 2016, locais de 2011 e 2015, e europeas de 2009 e 2014) celebráronse 19 consellos da Xunta nos que se divulgaron 63 informes propagandísticos. Entre eles houbo varios dedicados a criticar a actuación do Goberno central cando o ocupaba o PSOE. Así, na campaña municipal de 2011 un informe criticaba a redución das achegas que recibía Galicia por parte do Ministerio de Medio Ambiente. Nas xerais dese mesmo ano outro informe sobre as actuacións fronte ao problema do tax lease, o sistema de financiamento da construción de barcos anulado pola UE que estaba a afectar ao naval galego, foi empregado como autobombo da Xunta e crítica do Goberno central asegurando que “a Xunta de Galicia adiántase novamente ao Goberno central co fin de atopar unha solución que dea viabilidade ao naval” e engadíase: “Desde Galicia esíxese ao Goberno central que se poña a traballar de forma inmediata”.
Na campaña das autonómicas de 2012 o Consello da Xunta chegou a divulgar ata oito informes propagandísticos sobre todo tipo de asuntos nunha soa reunión
Deses 19 consellos da Xunta en campañas electorais, o que máis informes propagandísticos divulgou celebrouse a dez días das autonómicas de 2012. Nel Feijóo publicitou oito deses informes que salientaban desde medidas da Xunta de apoio a vítimas de violencia ata equipamentos culturais. Non é que as medidas citadas neses informes fosen todas mentira ou non existisen, senón que non foron aprobadas polo Consello da Xunta no que se publicitaron, o que lles confire o seu carácter de propaganda política vinculada á figura do propio presidente que os divulga, neses casos en plena campaña electoral.
Este xoves Feijóo tirou de informes propagandísticos para anunciar 4,7 millóns en subvencións turísticas e cursos de formación para desempregados por 57 millóns
O Consello da Xunta deste mesmo xoves, a tres días das eleccións, tratou tres deses informes, aproveitados por Feijóo para anunciar 4,7 millóns de euros en subvencións para infraestruturas turísticas en concellos rurais e cursos de formación para desempregados por 57 millóns. Porén, os informes que había por tras dos anuncios do presidente limitábanse a dar conta de liñas de subvencións resoltas polas consellerías e sobre as que nada tiña que decidir o Consello da Xunta deste xoves.
No tempo de preguntas da rolda de prensa, a Feijóo preguntóuselle por cales das diversas medidas que anunciara se correspondían con informes e se considera que divulgalos en campaña é máis ou menos propagandístico que os decretos leis do Goberno central. O presidente non foi quen de responder cantos dos anuncios que viña de facer se correspondían con informes e defendeu a súa actuación dicindo que “non estamos en funcións no Goberno da Xunta de Galicia”, como pouco antes tamén criticara decisións “en funcións” do Goberno central, que non estará nesa situación ata o próximo luns. Feijóo asegurou que “todo o que estamos aprobando respecta toda a normativa” -os informes non teñen que ser aprobados polo Consello- e engadiu que “se hai algún anuncio que podemos facer, non no Consello senón fóra, de forma incorrecta, por suposto que haberá que rectificalo”.
Os informes de autobombo permiten ao presidente orientar a axenda informativa en función dos seus intereses
Todos os presidentes galegos empregaron estes informes de autobombo, xa sexa para tapar a falta de contido real e acordos formais das súas reunións, especialmente en épocas de crise económica, ou para afastar a atención mediática doutras cuestións conflitivas. Durante os gobernos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron máis dunha vintena de informes. O bipartito de PSdeG e BNG reduciu entre 2005 e 2009 o seu uso a menos de un por Consello, pero Feijóo vén empregándoos de xeito crecente desde que chegou á Xunta en 2009, a unha media de 3 por Consello na súa primeira lexislatura, 3,5 na segunda e máis de 4 nesta terceira lexislatura. Ao tempo, o presidente ocultou en diversas ocasións acordos polémicos si adoptados polo Consello da Xunta que só transcenderon tras posteriores investigacións xornalísticas.