A UE di que non vixía os residuos nucleares do Atlántico porque os estados non o piden

O submarino empregado na misión francesa para analizar este verán o estado dalgúns dos milleiros de barrís con residuos nucleares vertidos no Atlántico © Javier Escartín

A Comisión Europea asegura que supervisará os resultados da misión realizada este verán por Francia pero lembra que "o Tratado Euratom non confire o mandato de levar a cabo misións deste tipo ou actuar en augas internacionais"

A Comisión Europea vén de contestar oficialmente a eurodeputados de PP, PSdeG e BNG que se interesaron pola súa postura ante a misión francesa que este verán analizou por primeira vez en décadas o estado dos bidóns con residuos nucleares vertidos por varios países entre 1949 e 1982 en augas internacionais do Atlántico. A Comisión argumenta, en tres respostas idénticas, que se non fai misións como a francesa, aínda que vaia analizar os seus resultados, é porque os estados membros non o incluíron entre as súas competencias. 

Resposta oficial da Comisión Europea a eurodeputados de PP, PSdeG e BNG sobre a misión francesa aos bidóns con residuos nucleares no Atlántico CC-BY-SA Praza.gal

En 2017 Praza.gal publicou unha ampla investigación sobre a falta de vixilancia periódica dos vertidos nucleares fronte as costas galegas. Daquela a Comisión Europea non foi quen de dicir cando se fixera a última supervisión dos vertidos, desviando esa responsabilidade a outros organismos internacionais e centrando a súa en supervisar que os estados membros analicen ben se chega radioactividade ás súas costas. Nesa liña a Comisión remítese aos datos correctos obtidos da verificación que realizou en Galicia en 2021 feitos públicos en 2023, cando estableceu que "as instalacións necesarias para o control dos niveis de radioactividade" na costa "son adecuadas".

Pero no que respecta á supervisión dos bidóns con residuos nos lugares nos que foron vertidos, como vén de facer Francia, o executivo comunitario di que "o Tratado Euratom non confire á Comisión o mandato de levar a cabo misións deste tipo ou actuar en augas internacionais". Ese tratado, un dos que acabaron creando a Unión Europea, establece que esta "só ten dereito a acceder e verificar o funcionamento e a eficacia das instalacións dos Estados membros necesarias a fin de controlar de modo permanente o índice de radioactividade" nos seus territorios.

A Comisión di que revisou "os resultados de varios estudos internacionais", pero hai uns anos aseguraba que non tiña coñecemento deles

No caso dos vertidos en augas internacionais do Atlántico, a Comisión asegura que revisou "os resultados de varios estudos internacionais sobre este tema", que non concreta. De feito, a raíz da investigación de Praza.gal en 2018 chegou a responder oficialmente que non tiña coñecemento "de estudos sobre o seu impacto no medio marítimo".

Agora a Comisión di que "seguirá supervisando a evolución da situación, incluídos os resultados da misión francesa", pero insistindo en que "dado que non existe un mandato legal, a Comisión non pode participar en tales misións".

Un dos barrís fotografados pola misión Nodssum na Foxa Atlántica, cunha "probable" fuga de alcatrán © Flotte Océanographique Française - Campagne NODSSUM

A misión francesa fotografou bidóns "case intactos" e outros "extremadamente degradados", pero sen detectar "radioactividade moi significativa"

Hai un mes foi o Goberno de España quen se desentendeu dos residuos nucleares e mesmo obviou a misión francesa nunha resposta oficial ao Senado sobre a cuestión. Unha misión francesa que nas súas primeiras apreciacións a respecto dos residuos revisados -3.355 barrís a uns 650 quilómetros de Galicia, unha moi pequena parte de todos os guindados no Atlántico durante décadas- sinalou que non hai "radioactividade moi significativa" na contorna dos bidóns, algúns deles "case intactos" e outros "extremadamente degradados". As análises francesas continuarán en laboratorio e cunha segunda campaña á zona das verteduras dentro "de un ou dous anos".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.