A UE admite que ninguén vixía regularmente os vertidos nucleares fronte a Galicia 75 anos despois dos primeiros

Carta mariña empregada polo 'Xurelo' na súa campaña contra os vertidos nucleares fronte a Galicia e documento da Comisión Europea que admite que "non hai programas regulares de vixilancia" da súa radioactividade CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea salienta que España só está obrigada a detectar a radioactividade que poida chegar á costa e que o fai ben, pero descoñécese o estado dos bidóns de aceiro e formigón deitados na Foxa Atlántica entre 1949 e 1982

En 2017, no 35 aniversario dos últimos vertidos nucleares fronte a Galicia, na coñecida como Foxa Atlántica, Praza.gal realizou unha longa investigación na que unha ducia de organismos internacionais e españois non foron quen de responder se alguén vixía con algún tipo de programa estable de supervisión eses bidóns de aceiro e formigón con 140.000 toneladas de residuos deitados entre 1949 e 1982. A Comisión Europea tampouco foi quen de aclarar esa cuestión, pero agora admite nun documento oficial que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” nesas zonas senón só da radioactividade que poida chegar ás costas, procedemento este que xa relatara este diario.

A investigación realizada por Praza.gal en 2017 provocou a reacción de varias formacións políticas e de Greenpeace, cuxas campañas xunto con mariñeiros galegos a bordo do barco Xurelo lograron poñer fin aos vertidos en 1982. No eido político BNG, PSOE e En Marea formularon diversas iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo. Nese último foro a Comisión Europea respondeu, como xa fixera a Praza.gal, que os vertidos están en augas internacionais e que os estados membros só teñen a obriga de analizar a radioactividade nas súas costas, procedementos que a UE supervisa periodicamente. 

A Comisión mesmo respondeu, ante unha pregunta do daquela eurodeputado socialista José Blanco, que o Goberno de Mariano Rajoy non vía necesario controlar os residuos malia discreparen entre si varios ministerios.

A Dirección Xeral de Enerxía da UE di que "descoñécese o estado técnico" dos bidóns, algún dos cales leva 75 anos baixo a auga, e que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” nesas áreas de vertido, en augas internacionais

Ante esas respostas a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, seguiu formulando preguntas sucesivas para coñecer o resultado da seguinte supervisión europea sobre como España, a través do Consello de Seguridade Nuclear (CSN), detecta a radioactividade nas súas costas, control que se fixo en outubro de 2021 e que agora veñen de comunicarlle á nacionalista. A Comisión, na súa resposta política directa, avanzada este domingo por Faro de Vigo, di que “as actividades de verificación realizadas demostraron que as instalacións necesarias para o control dos niveis de radioactividade do medio mariño do litoral galego e cantábrico son adecuadas”

Tamén engade que se puido “verificar o funcionamento e a eficacia dunha parte representativa destas instalacións”, pero lembra que “a verificación de todo tipo de control dos vertedoiros na foxa atlántica queda fóra do ámbito de aplicación” das normas europeas. 

Documento oficial da Comisión Europea no que admite que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” onde se verteron os residuos nucleares CC-BY-SA Praza Pública

Pero xunto con esa resposta directa de tipo político a Comisión tamén facilita á eurodeputada o informe técnico [aquí o PDF] desa supervisión realizada sobre España. E é nese documento no que a Dirección Xeral de Enerxía da UE contextualiza a situación de Galicia lembrando os vertidos nucleares na Foxa Atlántica e poñendo por escrito a resposta á pregunta formulada por Praza.gal hai uns anos a unha ducia de organismos internacionais e estatais: ninguén vixía.

O documento salienta que en España non hai posibles descargas de residuos nucleares a ríos que dean á costa norte peninsular, pero si lembra os residuos vertidos na Foxa Atlántica e o submarino nuclear soviético afundido en 1970 no Golfo de Biscaia. Sobre os primeiros di que se ben son coñecidos os lugares de vertedura, en augas internacionais a varios centos de quilómetros da costa, “descoñécese o estado técnico” dos bidóns. E engade que “non hai programas regulares de vixilancia da radioactividade do medio mariño” nas áreas dos vertidos históricos.

Suxestión, inferior a unha recomendación, que os supervisores europeos formulan a España para analizar anualmente e non cada tres anos mostraxes de produtos alimentarios mariños CC-BY-SA Praza Pública

Os supervisores europeos suxiren a España analizar mostras de produtos alimentarios mariños anualmente e non cada tres anos como se viña facendo ata agora

O documento avala completamente o xeito en que España rexistra a radioactividade nas súas costas. Pero formula dúas suxestións, que realiza cando o seu equipo verificador “identifica unha acción que melloraría aínda máis a calidade do seguimento” do país supervisado, fronte ás recomendacións que se formulan cando ven unha “clara necesidade” de mellora. Unha das suxestións formuladas pola Comisión Europea vai dirixida a como o laboratorio español analiza as mostras e a outra pide ao Consello de Seguridade Nuclear “considerar” a posibilidade de realizar determinadas análises con periodicidade anual e non cada tres anos. 

O documento sinala que “mentres a mostraxe de auga de mar é realizada anualmente, a mostraxe de biota mariña baséase nunha mostraxe trianual” que cumpre cun acordo internacional ao respecto. Porén, suxírese a España “considerar un programa anual de mostraxe dos produtos alimentarios mariños máis producidos na área”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.