“Os servizos da Comisión Europea sinalaron a vixilancia mariña na costa de Galicia como obxectivo de verificación en 2019”, responde agora o comisario Cañete a José Blanco tras sucesivas preguntas de eurodeputados galegos interesándose pola situación dos vertidos realizados entre 1949 e 1982
“Os servizos da Comisión Europea sinalaron a vixilancia mariña na costa de Galicia como obxectivo de verificación en 2019”. Con esa resposta por escrito ao eurodeputado socialista José Blanco, o comisario europeo de Enerxía, o popular Miguel Arias Cañete, revela que a UE vén de poñer o foco en como España está a vixiar a radioactividade do litoral galego despois de anos sen interesarse polos posibles efectos dos residuos nucleares vertidos por varios países entre 1949 e 1982 en augas internacionais do Atlántico.
Hai un ano, coincidindo co 35 aniversario dos últimos vertidos á denominada Foxa Atlántica de residuos nucleares, que sumaron máis de 140.000 toneladas, este diario publicou unha investigación sobre o limitado ou nulo coñecemento que admiten ter sobre o estado deses bidóns unha ducia de entidades estatais e internacionais. Esa ausencia de información levou a En Marea, PSdeG e BNG a formular diversas preguntas e iniciativas no Parlamento de Galicia, o Congreso dos Deputados e o Parlamento Europeo. Nas respostas que se foron obtendo ratificouse que ningunha administración nin organización interestatal ten en marcha ou previsto ningún programa de supervisión regular do estado deses bidóns e do efecto de posibles fugas.
Ningunha organización internacional controla de xeito periódico os residuos nucleares da Foxa Atlántica, mentres que o Goberno central mide regularmente a radiación nas augas litorais, procedemento que agora a Comisión Europea estuda verificar en 2019
A nivel estatal, o Goberno central salientou que os residuos están en augas internacionais pero asegurou que controla de xeito periódico a radioactividade das augas costeiras sen que ata agora detectase que chegase a elas ningunha variación atribuíble a causas non naturais.
Pola súa banda, no Parlamento Europeo varios eurodeputados preguntaron a diversos departamentos da Comisión Europea pola cuestión, obtendo varias respostas. Sobre os residuos da Foxa Atlántica, o propio comisario Cañete admitiu que “a Comisión non ten coñecemento de ningún programa en curso para inspeccionar o estado dos contedores”. O comisario de Medio Ambiente e Asuntos Marítimos, Karmenu Vella, tamén respondeu que o Goberno español non lle transmitiu ningunha necesidade de que a UE estude o estado deses bidóns, algúns dos cales levan case 70 anos no fondo do mar, nin tampouco informou de que España teña ningún plan para facelo.
Nesa sucesión de preguntas, o socialista José Blanco interesouse por como a UE está a supervisar que España cumpra coa súa obriga de analizar de xeito periódico a radioactividade do seu litoral, obtendo unha primeira resposta na que se sinalou que a Comisión verifica de xeito periódico, con programas trianuais, como os estados membros realizan esa vixilancia da radiación nas súas instalacións nucleares e no seu territorio en xeral, incluídas as súas augas costeiras. Porén, engadiu que no actual programa de verificación da Comisión para o período 2018-2020 non estaba previsto verificar a actuación de España nese eido.
Blanco repreguntou a Cañete se existiría a posibilidade de incluír no actual programa de verificación ou no seguinte a supervisión do que está a facer España nese eido, ao que, tras meses de sucesivas cuestións tanto do socialista como doutros eurodeputados, como a nacionalista Ana Miranda, o comisario vén de dar resposta. Segundo Cañete, as verificacións da Comisión sobre como os estados membros vixían a radioactividade nos seus territorios e augas litorais realízanse a través dun “programa continuado de tres anos que os servizos da Comisión actualizan cada seis meses” e no que “os obxectivos de verificación se seleccionan en función da súa relevancia radiolóxica ou do seu interese público”.
Nesa liña, di agora Cañete como gran novidade, “en xuño de 2018, os servizos da Comisión sinalaron a vixilancia mariña na costa de Galicia como obxectivo de verificación en 2019”, engadindo que “a Comisión segue o asunto de cerca e, en decembro de 2018, revisará a planificación da verificación, na que se confirmarán os obxectivos de verificación para 2019”.